Skip to Content

Equipo de dinamización, Actividades complementarias

Fin de curso

E aí vai a outro final de curso... Como pasa o tempo! Parece que foi onte cando chegaba ao IES Julio Prieto Nespereira e xa teño que marchar de novo. 

A verdade é que este ano foi especial para min porque foi unha experiencia marabillosa poder impartir aulas no meu insti, no centro no que eu estudei o Bacharelato e o COU (que tempos!!). Ver de novo a profes dos que fun alumna e agora telos de compañeiros ... ter por alumnos e alumnas á rapazada do meu barrio... o certo é que unha experiencia preciosa. 

Cando eu era alumna, nunca pensei que chegaría a dar clases no meu propio instituto, pero a vida dá moitas voltas. Espero e desexo que algúns dos nenos/as que tiven este curso teñan a mesma oportunidade no futuro e que nos volvamos atopar no Julio Prieto Nespereira, a próxima vez, de colegas de profesión ( e se poder ser como colegas do Departamento de Galego, moito mellor :-)). 

Un abrazo enorme para toda a xente do mellor instituto de Ourense, grazas por todo o cariño e ...

BO VERÁN!!!

 

Concurso Letras Galegas 2019

Debaixo da fotografía, atoparás o enlace coas bases do concurso que organizan o EDLG e o Departamento de Galego para o Día das Letras Galegas.  Este ano, procúrase o deseño dun adhesivo cun lema relativo á nosa lingua. Os primeiros premios serán editados co nome do autor/a e os adhesivos repartiranse entre o alumnado do centro. 

 

 

Festa dos Maios 2019

En épocas remotas, os galegos celebraban a chegada da primavera e o remate do cru inverno e propiciaban deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno. Constrúense figuras con elementos naturais, como musgo, flores silvestres, ovos, paus e arredor delas cántanse, con acompañamento de paus, coplas e cancións irónicas e críticas con feitos ou personaxes de actualidade.

O próximo día 5 de maio, celébrase na nosa cidade a tradicional Festa dos Maios, declarada no Consello da Xunta de Galicia do 4 de outubro de 2001 Festa de Galicia de Interese Turístico na provincia de Ourense. Co gallo desta celebración, dende o Concello de Ourense, convócase todos os anos un Concurso de Maios e Coplas no que participan todo tipo de grupos e colectivos sociais e culturais. (www.turismo.gal)

Coplas dos Maios 2019

 

 

Pontesía 2019

Este xoves, 28/03/2018, ás 20:00h, celébrase a Pontesía 19, no Andén Primeiro (Avenida de Marín, s/n, A Ponte).

Este ano contan con Marilar Alexandre,  poeta, narradora, profesora e membro da Real Academia Galega.

Ademais estará unha nova xeración de poetas representada por:

Lorena Fernández Iglesias

Ana Fraile Somoza

Zaira Ferradás Igleisas


Acollidas polo coñecido editor e xornalista César Lorenzo Gil.

 

Día da poesía

Xa chega o 21 de marzo, o día ideal para...

                   
lapidarte a bicos

porque

                   
Contigo
                   
os mapas fanse
                   
cidades...

Podes ver as poesías, debuxos e caligramas do alumnado de 1º ESO neste enlace.

Día de San Patricio

Hoxe, 17 de marzo, é o día de San Patricio, patrón de Irlanda. Para celebrar esta data, lembramos un dos programas da serie documental Terras de Merlín que fala sobre as nacións celtas (Irlanda, Escocia, País de Gales, Cornualles, Illa de Man, Bretaña, Asturias e Galicia).

A derradeira leición do mestre, en Ourense

O cadro máis representativo de CastelaoA derradeira leición do mestre, o Guernica galego, está xa en Ourense. A obra permanecerá na antiga biblioteca do Pazo Provincial da Deputación de Ourense ata o 7 de abril, data na que regresará ao Centro Galicia de Bos Aires.

A obra foi pintada por Castelao en Bos Aires no ano 1945 coma homenaxe ao seu amigo Alexandre Bóveda, un intelectual galego que foi fusilado en Poio o  17 de agosto de 1936, aos 33 anos de idade. 

Na fotografía que aparece a continuación,  Brais Lorenzo captou á perfección a emoción de Amalia, filla de Alexandre Bóveda, que asistiu á inauguración da exposición.

   Fonte: Faro de Vigo , foto de Brais Lorenzo

 

Día Internacional da Muller

Un ano máis, o 8 de marzo ten lugar o Día Internacional da Muller. A cidade de Ourense botouse á rúa para reivindicar a igualdade e, para celebrar este día, no centro fixemos unha pequena exposición.

 

Entroido no IES Julio Prieto Nespereira

É tempo de Entroido, de troula e de disfraces! En Galicia, o Entroido ten diferentes manifestacións segundo os lugares e as parroquias. Durante estes días de troula, desfilan figuras tradicionais como son boteiros, volantes, mázcaras, felos... Entre todas elas, destacan as máscaras do que se coñece como “triángulo máxico” do Entroido ourensán: as pantallas de Xinzo de Limia, os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza. Mais non son as únicas, xa que tamén na cidade de Ourense temos as nosas propias máscaras. Cómpre lembrar que nos últimos anos se recuperaron figuras como a da pita das Eiroás, no barrio do Vinteún, ou frei Canedo, no barrio da Ponte.

 

No noso centro, como non podía ser menos, alumnado e profesorado tamén participaron desta festa típica. Unha xornada chea de diversión que nos deixou curiosas fotografías e premios para os mellores disfraces. Podes ver as fotos neste enlace.

Tempo de Entroido

Que sabes das máscaras do noso Entroido? Coñeces todas as que hai na provincia de Ourense? A través deste formulario presentamos unhas cantas delas. A ver quen é capaz de recoñecelas todas!

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut