Skip to Content

Actividade do Club de Ciencias sobre Astronomía

O 15 e o 22 de marzo do 2022 de 15:10 a 16:10 o alumnado do Club de Ciencia tivo dúas charlas sobre Astronomía. A idea inicial era facer unha saída a Muras para poder facer unha observación directa do noso ceo, pero por causa da pandemia non foi posible. O coordinador de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural ( SGHN), Paulino Gasalla, que tamén é o avó dun dos nosos alumnos de 4º, impartiu as conferencias. 

A proposta para o primeiro día foi a observación do noso ceo, aprendendo sobre as estrelas, constelacións, nebulosas.. e a proposta para o segundo día foi saír da Terra nunha hipotética nave espacial que nos permite percorrer o Sistema Solar, a Vía Láctea, o Grupo Local de Galaxias e o Espazo Profundo ata os confíns do Universo coñecido, onde atopamos planetas, satélites, cometas, cúmulos abertos, nebulosas, supernovas… 

Foi unha viaxe estupenda e os alumnos tiñan moitas preguntas para facerlle e aprenderon un montón de cousas.

 

Bolsas Educación 2022-2023 para estudos postobrigatorios (Bacharelato e FP)

Este ano adiántase o período de solicitude de bolsas do Ministerio de Educación para o alumnado que queira estudar Bacharelato ou un ciclo de Formación Profesional. O novo calendario irá do 30 de marzo até o 12 de maio de 2022. A información relativa a esta convocatoria aparece nesta ligazón.

Charla co empresario Daniel Conde en PMAR

O pasado martes tivemos a oportunidade de compartir unha xornada distinta xunto con Daniel Conde, It  recruiter en Altia. Unha sesión onde o alumnado de PMAR puido escoitar e compartir opinións sobre a proxección, saídas profesionais e empregabilidade.

 

 

 

 

 

Festival de Entroido

Este ano voltou o Entroido ao IES Ferrol Vello. Houbo de novo disfraces, comparsas, baile e, sobre todo, moita diversión!

 

 

 

O prazo para o proceso de admisión do alumnado abrirase do 1 ao 21 de marzo

O alumnado que non obtivese praza no proceso de reserva de matrícula, deberá facer a solicitude de admisión no prazo que vai do 1 de marzo ao 21 de marzo de 2022. As familias e os responsábeis legais poderán preencher as solicitudes de forma manual ou a través da aplicación admisionalumnado da Consellería de Educación.

A solicitude (no documento anexo) deberá presentarse no centro educativo solicitado en primeiro lugar, a través da sede electrónica (con CHAVE365 ou certificado dixital) ou en calquera dos lugares que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común.

Entroido 2022. Mandados do Meco.

 

30 de xaneiro. Día da Paz e da Non Violencia.

A proposta do Departamento de Orientación e coa colaboración dos/as titores/as de todos os cursos celebramos este ano o Día da Paz mediante o concurso de carteis de persoas que gañaran o premio Nobel e mostraran un traballo de investigación sobre o personaxe escollido.

A participación foi ampla e o sistema de elección do gañador foi por elección directa en dúas fases unha en cada aula e outra na Xunta de Delegados, onde transmitiron os resultados previos.

O gañador foi o cartel de Barack Obama realizado polo alumnado de 4ºA.

 

O Xurado decidiu conceder tres accésit:

- Ao grupo de 3ºB que realizou o traballo sobre Martin Luther King pola súa calidade gráfica.

 

 

Tamén obtiveron accésit dous carteis de 2ºA, ambos os dous polo importante traballo de investigación que realizaron para a súa elaboración.

 

 

 

11 de febreiro. Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O venres 11 de febreiro do 2022, o alumnado de Ciencias Aplicadas de 4º ESO fixeron un xogo de pistas para os alumnos de 1º ESO sobre 4 mulleres científicas da nosa historia para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. As mulleres científicas seleccionadas foron Marie Curie, Hipatía de Alexandría, Hedy Lamarr e Rosalind Franklin. Os alumnos de 4º ESO C levaron ás aulas de 1º ESO diferentes obxectos (un microscopio, a fotografía 51, a maqueta do ADN) para axudar na identificación da muller científica. Todos os alumnos recibiron unha chapa coa foto e o nome dunha das mulleres científicas. 

Moitas grazas aos alumnos de 1º ESO e de 4º ESO C pola súa participación! 

Escola de Familias Municipal

O Concello de Ferrol, a través da concellaría de Benestar Social, está a realizar diversas actividades para a formación de pais e nais en aspectos relacionados co ámbito escolar e a educación dos rapaces e rapazas. Agora estase a organizar un módulo sobre "A importancia da sexualidade na xuventude" que se desenvolverá durante varios mércores de febreiro (9, 16 e 23), con horario de 17:00 a 18:30, no salón de actos do edificio social (rúa Sánchez Bazcáiztegui 35). Remitimos a información completa e a ficha de inscrición nos arquivos anexos. 

Declaración do IES Ferrol Vello sobre a finalización do contrato ARCO

Desde o IES Ferrol Vello consideramos que a atención á diversidade é un piar fundamental da nosa práctica docente. Para conseguir que esta atención sexa efectiva e que todo o alumnado teña unha formación de calidade e adecuada ás súas necesidades e contextos é necesario contar con recursos materiais e persoal suficiente, elementos que están a faltar no noso centro e que se agravan coa finalización en decembro do contrato asociado ao programa ARCO. 

Por isto, o claustro do IES Ferrol Vello solicita, apoiando por unanimidade esta declaración na súa reunión extraordinaria do 17 de decembro de 2021, a ampliación do programa ARCO e a continuidade do docente asociado a este.

Postais de Nadal do alumnado de ITI

Compartimos as postais de Nadal creadas polo alumnado de ITI.

Manifesto para o día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 

Compartimos o manifesto lido o 25 de novembro por alumnas de 4º da ESO, no día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Eleccións ao Consello Escolar 2021

Neste mes de novembro realízase a elección de novos membros do Consello Escolar do centro. A Xunta Electoral do centro aprobou esta semana un calendario que marca as diferentes partes do proceso: 

- 5 a 15 de novembro: presentación de candidaturas na dirección do centro.

- Martes, 16 de novembro: admisión e proclamación de candidaturas. Publicación de censos.

- Luns, 22 de novembro: votación na biblioteca para a elección dos representantes de pais/nais (8:45-9:30 e 13:30-15:00).

- Mércores, 24 de novembro: votación para a elección dos representantes do alumnado (1º e 2º recreo).

- Xoves, 25 de novembro: proclamación de candidatos electos.

 

O calendario e o resto de información relativa ao proceso poderase consultar aquí ou no taboleiro do centro (fronte á conserxaría).

Nos arquivos adxuntos incluímos o modelo para a presentación de candidatura e o calendario completo.

Reunión coas familias (2ª semana)

Estamos a convocar reunións coas familias. O propósito desta reunión é establecer un primeiro contacto coa persoa titora e ir resolvendo dúbidas sobre as normas e funcionamento de centro que poidan ter. Para 1º e 3º, a reunión realizaríase o próximo martes 5 de outubro nas aulas de cada grupo no seguinte horario:

- 1º ESO A e B: de 18:10 a 18:55

- 3º ESO A, B e PMAR: de 18:20 a 19:05

Por causa das medidas COVID, só poderá acudir un pai/nai ou titor/a legal por cada alumno/a. 

Debido ao anterior, rogamos tamén que acudan nas horas indicadas, evitando aglomeracións na porta do centro e accedendo a través dos accesos indicados para os diferentes grupos (1º ESO A-B e 3º ESO PMAR a través da porta principal e 3º ESO A e B pola escaleira lateral exterior do centro, á cal se accede pasando polo aparcadoiro). 

Reunións coas familias

 

Estamos convocando as familias unha reunión cos titores/as dos seus fillos/as ou titorandos. O propósito desta reunión é establecer un primeiro contacto coa persoa titora e ir resolvendo dúbidas sobre as normas e funcionamento de centro que poidan ter. A reunión realizarase o próximo martes 28 de setembro nas aulas de cada grupo no seguinte horario:

- 2º ESO A e B: de 18:10 a18:55

- 4º ESO A, B e C: de 18:20 a 19:05

Por causa das medidas COVID, só poderá acudir un pai/nai ou titor/a legal por cada alumno/a. 

Debido ao anterior, rogamos tamén que acudan nas horas indicadas, evitando aglomeracións na porta do centro e accedendo a través dos accesos indicados para os diferentes grupos (2º ESO A-B e 4º ESO C a través da porta principal e 4º ESO A e B pola escaleira lateral exterior do centro, á cal se accede pasando polo aparcadoiro). 

 

Guías E-Dixgal

PRESENTACIÓN ALUMNADO CURSO 2021/22

A presentación do alumnado realizarase o día 15 de setembro nas seguintes horas:

1º ESO: 11:45

2º ESO: 12:30

3º ESO: 13:00

4º ESO: 13:15

Unha vez acabadas as presentacións, o alumnado terá clase normal.

Distribuir contido


by Dr. Radut