VIAXE COSTA DA MORTE: VIMIANZO, MUXÍA, FISTERRA, ÉZARO, DOLMEN DE DOMBATE

DE PASEO POLA COSTA DA MORTE. Alumnos e alumnas de Ciencias Sociais de 2⁰ da ESO, acompañados das súas profesoras Teresa, Verónica, Mercedes e Sabela, visitaron esta semana a Costa da Morte. Foi un fantástico percorrido didáctico pola nosa historia, dende a prehistoria, coa visita ao dolmen de Dombate en Bergantiños, ata o pasado medieval dos Mariño de Lobeira e dos Moscoso, Condes de Altamira, na Terra de Soneira, onde visitamos o castelo de Vimianzo e imaxinamos como puido ser noutrora o de Vilalba ou Caldaloba, fortalezas das que hoxe só se conservan as Torres de Homenaxe. Continuamos o paseo ata Muxía onde fomos abalar a pedra ao santuario da Virxe da Barca. Xa en Fisterra, marabillámonos coa inmensidade da paisaxe e seguimos ata o Ézaro, onde visitamos a fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar, caso único en Europa e de imponente fermosura. Foi unha viaxe didáctica ben bonita! ❤️