Skip to Content

bloque-estilos

Descrición

Descrición do centro

O Centro Específico de Educación Permanente de Adultos Público de Lugo, EPAPU Albeiros, foi creado no ano 1988. Inicialmente estableceuse no barrio de Albeiros, do que tomou o nome. No 2002 pasou a situarse nas dependencias que agora ocupa, no parque da Milagrosa.

 

Fachada do EPAPU Albeiros

O centro comparte coa Biblioteca Municipal un edificio construído a finais dos anos 50 do século XX para albergar as oficinas dun complexo industrial.

 

O cadro de persoal conta con trinta e catro docentes (unha profesora está compartida con outro centro) e cinco membros de Persoal da Administración e Servizos. Dentro dos docentes, contamos  con profesorado de Atención Domiciliaria para atender aquel alumnado designado pola inspección educativa que segue o curso escolar desde o seu domicilio por problemas de saúde e que se atopa matriculado en calquera centro da provincia. Tamén conta con Intérpretes de Lingua de Signos Española.

Trátase do único centro específico de ensinanza de adultos da provincia polo que desempeña un labor social e educativo importante.

Desde o curso 2019/20 o centro conta cun logo, deseñado por Matilde Arrizado e Nancy Bobillo, e que ten un significado que está relacionado co parágrafo anterior: as liñas onduladas representan os camiños que se abren ao matricularse no noso centro. As cores queren recordar o lugar no que estamos, o Parque da Milagrosa.

O alumnado procede de toda a cidade e mesmo doutros concellos.

Neste centro impártense: 

Ensinanzas Básicas Iniciais (EBI I e EBI II)
Ensinanza Secundaria (ESA Presencial e ESA Semipresencial)

Bacharelato Semipresencial 
Castelán e Galego para Inmigrantes
Cursos da Aula Mentor (só trámites e exames)

 

Os obxectivos do noso Centro teñen como referencia os establecidos na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, especialmente os recollidos no Capítulo IX, que está dedicado á Educación de persoas adultas; os recollidos na Lei Orgánica 8/2013 para a mellora da calidade educativa; na Lei 9/1992 do 24 de xullo, de Educación e Promoción de Adultos e na Orde de 26 de maio de 1997 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 20 de marzo de 2018 pola que se regula a educación básica para as persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes obxectivos son os seguintes:

  • Estender o dereito á educación a toda a cidadanía, sen distinción ningunha nin límite de idade, coa finalidade de que os grupos e colectivos con menor nivel educativo conten coa necesaria atención adaptada aos seus propios ritmos e ás súas necesidades e estilos de aprendizaxe.

  • Adquirir e actualizar a súa formación básica e facilitar o acceso aos distintos niveis do sistema educativo, estimulando planos conducentes á obtención de titulacións mínimas para acceder ao mercado laboral.

  • Estimular a capacidade intelectual e efectiva que permita a aprendizaxe autónoma e a actualización persoal e profesional, de xeito que esta autoaprendizaxe se converta en autoeducación profesional ou adquirir unha preparación para o exercicio doutras profesións.

  • Posibilitar a orientación académica e profesional, así como a inserción laboral das persoas adultas mediante accións formativas ocupacionais dirixidas ao perfeccionamento e á reconversión ou á adaptación aos novos postos de traballo.

  • Acadar o máis amplamente posible os obxectivos culturais da Educación Secundaria para as Persoas Adultas.

  • Colaborar e contribuír a que o noso alumnado acade os títulos de Educación Secundaria e de Bacharelato.

  • Facilitar a adaptación ás linguas e culturas galega e española do alumnado inmigrante.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut