Inicio                         

 

 

Biblioteca

25N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 Dende a biblioteca visibilizamos este día coa "escape room" da igualdade. As crianzas convertéronse nun equipo de detectives e seguindo as diferentes pistas foron abrindo cadeados.

  

 

Ademais, todas as nenas e nenos da escola participaron nunha adaptación do conto "Maruxa" de Eva Mejuto e Mafalda Milhões da editorial OQO. Despois realizamos un obradoiro de pan onde escribimos a palabra NON.

DÍA DA MÚSICA

O 22 de novembro celebrouse o día da música e dende o equipo de biblioteca quixemos convidar a un dos músicos máis importantes de Moaña á nosa escola. Moitas grazas Xil Ríos!

     

DEREITOS DA INFANCIA

Dende a biblioteca festexamos esta conmemoración tan importante, o día universal dos dereitos da infancia que será o práximo 20 de novembro. A través dos contos "Andoriña viaxeira" e "Teño dereitos" levarase a cabo unha pequena sesión de filosofía para nenxs buscando a reflexión sobre a viaxe da andoriña e, posteriormente, poremos en marcha a dinámica relacionada coa viaxe da protagonista do conto.

 

 

O SAMAÍN NA BIBLIOTECA

Neste samaín gozamos dun terrorífico teatro de sombras co conto "A bruxa regañadentes" de Tina Meroto.

 

RECUNCHO INCLUSIVO

Recompilamos todos os contos que tiñamos feito en formato dixital e fixemos este recuncho inclusivo na nosa biblioteca. Así, ao ter un código QR, estes contos poden ser accesbles a todo o alumnado, independentemente da idade ou características persoais.

 

SEMANA DO LIBRO

Para celebrar a Semana do Libro fixemos numerosas actividades! Un BookFace, un marcapáxinas coa impresora 3D, biblipatio e visita de familiares a contar contos. Aquí tedes un vídeo resumo coas actividades descritas:

BIBLIOTECA INCLUSIVA

Os nenos e nenas das diferentes aulas realizamos uns audiocontos co obxectivo de converter a nosa biblioteca nun espazo máis inclusivo, con contos que sexan accesibles ao alumnado e a súa diversidade. Os contos elixidos son sobre a temática do noso proxecto CON Saúde. "O coelliño branco", "A horta de Simón" e "¡Esa fruta es mía!" foron os contos elixidos para realizar esta actividade.

Aquí podedes ver o making-off e o resultado final:

ESTREAMOS A PAREDE LEGO

A semana pasada estreamos o novo rincón da nosa biblioteca: a parede lego!

O HERBARIO DE ROSALÍA

Rosalía de Castro era unha muller namorada de Galicia e da súa natureza, aspectos que plasmou nos seus numerosos poemas. Por iso, dende a biblioteca quixemos conmemorar o Día de Rosalía creando un herbario coas flores e plantas que saen no seu poemario. Neste pequeno vídeo podedes ver un resumo do traballo realizado.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Onte celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cunha visita moi especial. Marimar, tía de Elia e Alba, acercouse ata o noso colexio para realizar uns experimentos científicos connosco.

Marimar é Bióloga e Bioquímica, ademais de Doutora e Inmunóloga especializada nos mecanismos de defensa de peixes e moluscos. Actualmente traballa no CSIC, onde está centrada no estudo da resposta inmune do mexillón e da ameixa rubia fronte ó estrés ambiental derivado do cambio climático. Sen duda toda unha muller referente no ámbito das ciencias do noso pobo!

 

Despois de explicarnos algúns datos interesantes sobre animais e microorganismos mariños, Marimar ensinounos a extraer ADN dun plátano!

Primeiro, tivemos que botar auga nun vasiño

Despois, botarlle sal e xabón

  

Remover ben todo

Botar esta mestura cun trozo de plátano nunha bolsiña e esmagalo todo

Filtrala mestura e botala nunha probeta e esperar un pouquiño

  

Xa temos o ADN de plátano!!

Tamén observamos no microscopio zooplacton e mexilón

     

  

Para finalizar fixemos un pequeno experimento sobre as bacterias. Botamos nunha mostra os nosos dediños, primeiro sucios e despois limpos, para coñecer a importancia de lavarnos as mans. Todavía temos que esperar uns días para ver o resultado!!

 

MOITAS GRAZAS MARIMAR POLA TÚA VISITA! As mulleres tamén poden facer ciencia!

DIA DA PAZ

O luns celebramos o Día da paz e a non violencia. Cada aula fixo o seu propio deseño do símbolo da paz e despois imprimímolos na 3D para convertilo en colgante. Aquí tedes un vídeo resumo:

 

Na aula de 5 anos quixemos facer un "experimento" baseado na perfomance "La artista está presente" de Marina Abramovic. Se tedes curiosidade por saber de qué se trata Podes velo no seguinte vídeo:

RETRATOS DA INOCENCIA

O pasado 24 de xaneiro celebramos no colexio o Día da Educación. Por grupos acudimos á biblioteca e atopamos unhas fotografías colgadas do teito. Observámolas ben e pensamos que tiñan en común: en todas aparecen escolas ou teñen que ver coas mesmas. Reunímonos e debatimos sobre as semellanzas e diferenzas de cada fotografía, falamos de que diferente é a educación do noso país respecto ás fotografías e incluso reflexionamos sobre a vestimenta que empregan algunhas nenas noutras partes do mundo. Despois, fixemos un pequeno xogo onde tiñan que adiviñar a qué título correspondía cada fotografía.

As fotografías están sacadas do libro de Steve McCurry "Historias y sueños. Retratos de la inocencia."

 

Distribuir contido