Equipo de Dinamización Da Lingua Galega

Concurso Carteis Día das Letras Galegas

O noso colexio, volveu a participar no concurso convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano 2013.

Non fomos un dos colexios gañadores, pero queremos amosarvos o traballo realizado xa que consideramos que nel quedan patentes os momentos máis destacados da vida, profesións, obras… deste autor.

A través de “Roberto Vidal Bolaño: O Teatro do Aquí” (este foi o título que lle puxemos ao traballo que presentamos) quixemos crear os nosos carteis utilizando como fío condutor da súa vida e obra un escenario teatral, xa que foi un dos autores teatrais máis importantes de toda a historia da literatura dramática galega. Así:

  • 1º é o cartel de anuncio da representación teatral, en nove actos, na que Roberto Vidal Bolaño vai contar os acontecementos máis salientables da súa vida e obra.
  • Do 2º ao 9º cartel, vai amosándonos  onde naceu, que profesións tivo, en que grupos de teatro estivo, que obras representou, que persoas influíron nel, que premios recibiu.
  • 10º cartel, supón o final da representación e nel Roberto está saudando e agradecendo ao público a súa asistencia.

O 17 de maio de 2013, celebramos o día das LETRAS GALEGAS. Este ano o autor homenaxeado será ROBERTO VIDAL BOLAÑO, autor e actor de teatro pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia e comprometido co seu pais e a revitalización da nosa lingua

Naceu, no barrio de Vista Alegre, en Santiago de Compostela  o 31 de xullo de 1950.  Comezou gañándose a vida como empregado de banca, para despois traballar na súa verdadeira paixón que foi o teatro. Ademais de autor teatral tamén foi  actor, director e escenógrafo.

Todas as súas actividades xiraron sempre arredor do teatro: creación do Grupo “Antroido” no ano 1974, participación como socio fundador do Grupo “Abrente”, breve experiencia cooperativa co “Teatro do Estaribel” e, nos últimos anos, director da compañía “Teatro do Aquí”.

Deixou un importante legado no teatro galego, sendo un dos artífices da súa profesionalización en Galicia. Destacou en labores tan variadas como autor, director, escenógrafo, actor e iluminador en obras como: Saxo Tenor, Agasallo de sombras, Animaliños, Doentes

Nunca abandonou a súa vocación interpretativa e, na súa incursión no cine participou en películas como: “A lingua das bolboretas”, “Memorias dun parado”, “Amor serrano” e “A noiva de medianoite”. As súas interpretacións cinematográficas foron sempre en papeis secundarios, que precisaban do seu impoñente físico e a súa voz grave.

Participou como actor en “Sempre Xonxa”, primeira longametraxe galega rodada en 35mm e na que se nos conta a relación de tres rapaces (Xonxa, Birutas e Pancho) dende a súa nenez ata a súa madurez a través do paso das estacións: a primavera corresponde á infancia, o verán á puberdade, o outono á madurez e a forza da emigración e o inverno á vellez e ó retorno.

Foi un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia facendo guións para a Televisión de Galicia e para a Televisión Española  participou como actor en varias series como “Mareas vivas”, “Os outros feirantes”, “Un mundo de historias” (da que tamén foi guionista)… Tamén levou a pantalla relatos de grandes escritores galegos como “Cara de Lúa” de Ánxel Fole.

Influído por Ramón Otero Pedrayo defendeu a recuperación do popular e cultivou, ao igual que el, o teatro histórico arredor da figura de Rosalía de Castro. Máis, o seu gran mestre foi Ramón María del Valle-Inclán do que fai mención varias veces ao longo da súa obra teatral.

Recibiu moitos premios ao longo da súa vida como: “Abrente”, “O Facho”… Máis o seu recoñecemento artístico produciuse cando  obtivo premios institucionais, galegos e portugueses como: “Rafael Dieste”, “Álvaro Cunqueiro”, “Eixo Atlántico”, María Casares”… Grazas a eles puido publicar as súas obras e foi coñecido pola prensa e o público.

Roberto Vidal Bolaño faleceu en Santiago de Compostela o 11 de setembro de 2002. Nas súas obras e traballos amosou sempre un forte compromiso coa lingua e cultura galega e conseguiu que o teatro fora recoñecido pola súa importancia dentro da cultura popular de Galicia.

Foi un “HOME DE TEATRO…”

Non queremos rematar sen antes, dende o equipo de dinamización da lingua galega, facer unha pequena obxección a este concurso:

Consideramos que, nesta convocatoria, non se teñen moi en conta aos colexios de Educación Infantil xa que, do mesmo xeito que se separa en dúas categorías aos centros de Educación primaria e secundaria (tendo incluso máis oportunidades os centros que teñen primaria e secundaria que poden participar nas dúas categorías) debería facerse o mesmo cos centros de Educación infantil e os que teñen infantil e primaria, xa que non e igual o que poden facer nenos de 3 a 6 anos que de 3 a 12 anos á hora de elaborar os carteis. Temos a sensación que os nenos das escolas unitarias e C.R.As de Educación infantil non se teñen moi en conta á hora de convocar concursos.

Distribuir contido