VISITA AO PARQUE DE SOTAVENTO

Parque Eólico Experimental Sotavento

A pasada semana o alumnado de 2º e 4º da ESO visitaron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento, organizada polos departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía, no concello de Xermade. Alí recibiron formación sobre  a produción de enerxías, funcionamiento dos aeroxeradores e arquitectura bioclimática entre outras cousas. Podedes ver as fotos no seguinte enlace:

- fotos

AGASALLOS POLO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Por aquí vexo un camiño

que non sei a onde vai;

polo mesmo que n’o sei,

quixérao poder andar.

(Rosalía)

A semana pasada entregáronse na Biblioteca ‘Neira Vilas’ do CPI Antonio Orza Couto diversos premios relacionados coa celebración do Día de Rosalía, o 23 de febreiro.

Por unha banda, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, ademais de agasallar a todo o alumnado de secundaria cun fermoso marcapáxinas da autora, fixo un  sorteo entre os e as participantes nunha actividade na que tiñan que buscar información sobre a autora en diferentes paneis localizados nos corredores do primeiro andar.

Os galardoados foron: Uxía Quintela Calvo de 2ºESO, Tania Rúa López de 3ºESO A e Aitor Jamardo Rodríguez, de 4ºESO.

Por outra banda, a Biblioteca Neira Vilas, o Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Departamento de Plástica, organizaron dúas actividades co gallo do Día de Rosalía. O alumnado de 1º e 2º ESO puido ilustrar, mediante a técnica do trazo, un fragmento dun poema de Rosalía entre unha selección. No caso do alumnado de 3º e 4º ESO tiñan que facer un videopoema dun texto da autora en galego.

Resultaron premiados nestas actividades: Pablo Mateo Mateo (1ºESO), Manuel Rey Dourado (1ºESO) e Andrea Rosende Sánchez (4ºESO). 

Parabéns para todo o alumnado participante e agardamos que desfrutaran das actividades.

8 DE MARZO

O día 8 de marzo no CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto conmemoramos o Día Internacional da Muller cunha Instalación artística sobre personalidades femininas que destacaron nos diferentes ámbitos. 

Coordinado polas profesoras e profesores dos distintos departamentos do Centro, o alumnado da ESO realizou  un traballo de investigación sobre as mulleres para poder confeccionar fichas que formarán parte dun arquivo de mulleres notables e que estará a disposición para a súa consulta na biblioteca do Centro. 

O material producido foi organizado en formato “instalación artística” na entrada do edificio de secundaria de modo que todas e todos os que entren no Centro poidan desfrutar da exposición de maneira interactiva, xa que é posible “entrar” no espazo creado para acceder á lectura da información. 

O alumnado de 1º da ESO, ademais de traballar nas fichas, colaborou facendo unhas orixinas flores de papel durante as clases de Plástica, completando así a composición. 

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

O martes 7 de marzo, o alumnado de 3º de ESO, realizou unha saída didáctica  ao Parlamento de Galicia. Alí foron recibidos por representantes dos tres partidos políticos que máis presencia teñen na cámara e puideron coñecer de preto o funcionamento da mesma asistindo á sesión plenaria.

Os nosos alumnos deron exemplo de bo comportamento e saber estar.

Premede aquí para ver todas as fotos da xornada

VISITA Á CIDADE DA CULTURA

O pasado martes 28 de febreiro o alumnado de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 4º de ESO realizou unha saída didáctica á Cidade da Cultura organizada pola profesora da materia.

Aproveitando o desprazamento desfrutaron dunhas horas de salto no Novajump.

Premendo neste aquí poderedes ver todo o que deu de sí a saída.

23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

Para celebrar o 23 de febreiro, día da nosa querida Rosalía de Castro, os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria fixeron, coa colaboración da profesora de Educación Artística, unha árbore con follas de cartón reciclado e poemas de Rosalía, configurando un recuncho moi especial na biblioteca, onde poderán sentar (debaixo da árbore) para ler.

En Secundaria organizamos, en colaboración co Departamento de Lingua Galega e Plástica, un concurso de ilustracións e vídeo-poemas de versos da nosa grande poeta. 

As ilustracións foron expostas na porta da Biblioteca, xunto cunha selección de libros da autora.

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA USADA. GLOBAL HUMANIARIA

Un ano máis o noso centro colabora coa campaña de recollida de roupa usada que Global Humanitaria, ONG de cooperación ao desenvolvemento, pon en marcha xunto con Mariola Solidaria, empresa que xestiona roupa e calzado usados, para conseguir investimento para o proxecto "Derecho a la educación" que a ONG leva a cabo na India.

Todo o alumnado levará a casa unha bolsa que deberán traer ao centro coa súa doazón voluntaria de  roupa ou calzado usado, antes do 7 de marzo.

ENTROIDO 2023

Como de todos é sabido a semana do 13 ao 17 de febreiro é a semana do entroido.

Queremos compartir con vos unha serie de "Mandadiños" que día a día Aquilano en Secundaria, e  a Caixa tonta en primaria, irán comunicando aos rapaces e rapazas para que ao día seguinte cumpran coa instrución recibida e veñan ataviados coma se lles indica.

Recordade que os Mandadiños son acumulativos, o martes viremos co indicado para ese día e co do luns e así sucesivamente.

A desfrutar familia!!!

DÍA DA PAZ EN EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA

En  Educación Primaria destacamos o valor da paz fronte as guerras e as pelexas. Por iso, o alumnado colaborou creando un mural representativo dos valores que perseguimos neste 30 de xaneiro; todo acompañado dunha bibliografía especial que aXUDA aos nenos e nenas a comprender a problemática dA guerra e o valor da non violencia e paz.

OBRADOIRO DE REGUEIFAS. 1º E 2º ESO

O xoves 9 de febreiro, o alumnado de 1º e de 2º de ESO disfrutou dunha xornada moi entretida aisitindo a un obradoiro de Regueifas impartido Lupe Blanco.

Despois da explicación incial regueifaron un curso fronte ao outro. 

Podedes comprobar o resultado desa regueifa nesta ligazón.

OBRADOIRO DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

O pasado mércores 8 de febreiro o alumnado de infantil e primaria, asistiu ao obradoiro de música tradicional galega "Os instrumentos van á escola" impartido por Pablo Seoane, e coordinado pola mestra Beatriz Gippini, onde coñeceron de primeira man instrumentos tradicionais Galegos

ROTEIRO TEATRALIZADO E CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORANEA. 3º ESO

O alumnado de 3º ESO do CPI PLurilingüe Antonio Orza Couto desprazouse ata Santiago o pasado martes, 7 de febreiro, para participar en dúas actividades organizadas polos departamentos de Lingua Galega e Literatura e Plástica.

Primeiramente asistiron, xunto co alumnado do CPI de Barro, a un roteiro literario teatralizado baseado na obra O enigma de Santiago, de X.A. Neira Cruz e ofertada pola editorial Galaxia, no que contaron coa interpretaciónde Serafín Marcos.  A continuación, visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea, no que fixeron un percorrido guiado pola exposición Camiños III que coñeceron previamente coa profesora de Plástica e na que mesmo se implicaron coa súa achega persoal

Parabéns ao alumnado e profesorado do CPI Antonio Orza Couto por contribuíren con estas actividades a un ensino público e de calidade.

ROTEIRO DOS TRES PAZOS. 4º E 5º PRIMARIA

O pasado luns 6 de febreiro, o alumnado de 4º e 5º de primaria, tivo a oportunidade de desfrutar xunto coas súas titoras e a mestra de Audición e Linguaxe, dunha xornada ecolóxico-didáctica enmarcada dentro do programa de estilos vida saúdable no que o noso centro participa.

 

 

CHARLA SOBRE A DOAZÓN DE ÓRGANOS

No día de onte o alumando de 3º e 4º de Secundaria asistiu a unha charla informativa sobre a doazón de órganos impartida pola Axencia de doazón de Órganos e sangue, na que puideron comprobar de primeira man o que supón facerse doante.

A vida, o mellor agasallo!!

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

Para celebrar este día tan importante, tivemos un acto promovido pola biblioteca e organizado polo alumnado de Oratoria que contou co apoio de todos os departamentos do centro.

Comezamos escoitando o discurso elaborado polas alumnas Meseret Tomé, Uxía Otero e Antía Rendo de 3º da ESO.

Todos e todas participaron na confección do noso  “Mural Pola Paz” onde están expostas as frases que o alumnado de secundaria estivo recopilando e creando. O mural foi decorado polo alumnado de 4º da ESO que preparou graffitis de siluetas de persoas, representando o desexo de Paz da nosa comunidade escolar, dentro e fóra das escolas e, principalmente, nas sociedades de todo o mundo.

Para rematar, os alumnos e alumnas presentes foron convidados a lanzar un avión de papel, confeccionado por cada un e cada unha,  á “Diana da Paz”, realizada polas alumnas de Valores Éticos de 2º da ESO. 

Por outra banda, deixámosvos unha mostra das actividades que fixeron os alumnos e alumnas de Infantil e Primaria

Distribuir contido


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013