Funcións dos Titores

Segundo o Decreto 7/1999 do 7 de xaneiro, cada profesor-titor, ademais das súas tarefas docentes específicas, realizará, cando menos, as seguintes funcións:

a) Participar no desenvolvemento do plan da acción titorial e nas actividades de orientación, baixo a coordinación do xefe de estudios que proceda e en colaboración co departamento de orientación.

b) Proporcionarlles no principio de curso, ó alumnado e ós pais e nais de alumnos ou titores legais ou ordinarios,así como ás persoas ou institucións que ostenten a garda e protección do menor, información documental ou, no seu defecto, indicar onde poden consultar todo o referente a calendario escolar, horarios, horas de titoría, actividades extraescolares e complementarias previstas, programas escolares e criterios de avaliación do grupo.


c) Coñece-las características persoais de cada alumno a través da análise do seu expediente persoal e doutros instrumentos válidos para conseguir ese coñecemento.

d) Coñece-los aspectos da situación familiar e escolar que repercuten no rendemento académico de cada alumno.

e) Efectuar un seguimento global dos procesos de ensino-aprendizaxe do alumnado para detectar dificultades e necesidades especiais, co obxecto de busca-las respostas educativas adecuadas e solicita-los oportunos asesoramentos e apoios.

f) Coordina-las adaptacións curriculares necesarias para os alumnos e alumnas do seu grupo.

g) Facilita-la integración do alumnado no grupo e fomenta-la súa participación nas actividades do centro.

h) Orienta-lo alumnado dunha maneira directa e inmediata no seu proceso formativo.

i) Informa-lo equipo de profesores do grupo de alumnos das súas características, especialmente naqueles casos que presenten problemas específicos.

j) Coordina-lo axuste das diferentes metodoloxías e principios de avaliación programados para o mesmo grupo de alumnos.

k) Organizar e presidi-las sesións de avaliación do seu grupo.


l) Favorece-lo proceso de maduración vocacional orientando e asesorando ó alumnado sobre as súas posibilidades académicas e profesionais.

m) Colaborar co departamento de orientación do centro nos termos que se establezan.

n) Colaborar cos demais titores e co departamento de orientación no marco dos proxectos educativos e curricular do centro.

ñ) Orienta-las demandas e inquedanzas do alumnado e mediar, en colaboración co delegado do grupo, ante o resto do profesorado, alumnado e equipo directivo nos problemas que se presenten.

o) Informa-lo alumnado, os pais e nais ou representantes legais e o profesorado de todo aquilo que lles afecte en relación coas actividades docentes e o rendemento académico.

p) Facilita-la cooperación educativa entre o profesorado e os pais e nais dos alumnos ou representantes legais.

q) Exercer, de acordo co proxecto curricular, a coordinación entre os membros do equipo docente.

r) Cubri-los documentos oficiais relativos ó seu grupo de alumnos.


s) Controla-la falta de asistencia ou puntualidade do alumnado e ter informados os pais e nais ou representantes legais e o xefe de estudios que proceda.

t) Implica-las familias nas actividades de apoio á aprendizaxe e orientación dos seus fillos.

u) Atender, xunto co resto do profesorado, ós alumnos e alumnas mentres estes permanezan no centro nos períodos de lecer.


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013