COMO SE ORGANIZA A BIBLIOTECA?
Dispoñemos de varios espazos: a Biblioteca Xosé Neira Vilas, onde atoparemos a narrativa coas novidades (tanto xuvenís coma de adultos), os idiomas, os lectores electrónicos, o curruncho multimedia con sete ordenadores e os DVDs; a Sala de lectura Carlos Casares, onde están os libros de consulta específicos doutros temas e onde se reúne o Club de lectura; e o curruncho da prensa, onde se poden ler os xornais do día.
No edificio de Primaria temos a sección da Biblioteca adicada aos máis pequenos, onde atopamos os libros organizados por temáticas e por grao de dificultade, levando diferentes cores segundo o tipo de lector ao que van dirixidos. Así, temos a cor vermella para os nen@s de 3 a 7 anos, a verde para o alumnado de 8 a 10 anos e a amarela para os Grandes Lectores, de 11 e 12 anos.
Por suposto tamén conta con dicionarios e enciclopedias e un curruncho multimedia con 6 ordenadores.
QUE TEMOS NA BIBLIOTECA?
Na nosa biblioteca dispoñemos de:
- Enciclopedias
- Dicionarios en diferentes idiomas
- Libros de lectura: narrativa, poesía, teatro, cómic...
- Libros de consulta sobre diversos temas
- Xornais
- Vídeos de divulgación
- Películas
- Ordenadores con acceso a Internet
Se queres facer algunha suxestión de calquera tipo (títulos de libros para mercar, vídeos, películas, xogos educativos, melloras na organización e no funcionamento da Biblioteca...) podes cubrir os apartados correspondentes do seguinte formulario.
QUE SE PODE FACER NA BIBLIOTECA?
- Ler prensa, revistas, cómics ou libros
- Buscar datos en Internet
- Levar libros ou películas prestados á casa
- Estudar
- Realizar tarefas e traballos
- Propoñer publicacións que me gustaría que se mercasen
- Participar nas actividades organizadas: concursos, lecturas, exposicións...
COMO PODO BUSCAR UN LIBRO?
Para saber se dispoñemos dun libro determinado ou das obras dun autor/a, só tes que consultalo no programa OPAC dos ordenadores do curruncho multimedia ou na seguinte páxina web:
http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=CEH023
Nesta páxina podedes descubrir:
- Libros que temos dun autor/a
- Se están emprestados ou dispoñibles
- Sinatura do libro
- ...
Os libros están distribuídos nos estantes segundo materias. Enriba dos armarios hai carteis onde se indica a materia coa súa cor e número correspondentes.
Cada libro ten unha etiqueta na que se indica a CDU (clasificación decimal universal). Serve para clasificar os libros e ofrecernos os seus datos. Levan sempre:
- Un número que indica a materia (ás veces completado con letras).
- En maiúscula, as tres primeiras letras do apelido do autor/a.
- En minúscula, as tres primeiras letras do título da obra.
82-NG FER tre |
82-NG→ Narrativa galega
FER→ Fernández Paz, Agustín
tre→ Trece anos de Branca
Os libros están ordenados nos armarios segundo as materias, seguindo a orde alfabética; primeiro o apelido do autor/a e despois o título da obra.
COMO FUNCIONAN OS PRÉSTAMOS?
Unha vez localizado o libro ou vídeo que vos interese (agás dicionarios e enciclopedias que só son de consulta), debedes acudir á mesa do profesor responsable e indicarlle que levades ese libro. Podedes dispoñer do libro ou película durante 15 días, e cun máximo de 3 libros ou películas á vez.
Se pasados os 15 días non o rematastes de ler, debedes volver á biblioteca e solicitar que volo renoven.
Para devolvelo unicamente deberedes entregalo á persoa responsable da biblioteca.
Lembrade que o servizo de préstamo se fará unicamente no recreo da mañá.
QUEN PODE SACAR LIBROS E/OU PELÍCULAS?
A Biblioteca está aberta a toda a comunidade educativa, polo que tanto alumnado (o actual e o que xa marchou do centro) coma profesorado, persoal laboral ou nais e pais poden acceder a este servizo. Unicamente deberán presentar na Biblioteca o seu carné de lector ou solicitar un de non posuílo. No caso de non poder vir durante o horario de préstamo (de 12:30 a 12:50h de luns a xoves e de 11:40 a 12h os venres), simplemente deben preguntar pola encargada da Biblioteca ou coa administración do centro.
Podedes seguir as novas da Biblioteca a través da sección Novidades desta web ou do noso blog: