SALINAE

Na zona do Areal, na rúa Rosalía de Castro, hai unha salina mariña do Imperio Romano. Os do 3º ciclo, fomos vela o día 5 de novembro e, durante unha hora e media, aprendemos moitísimas cousas e pasámolo moi ben grazas ao noso guía Valterra.

 

Comezamos a visita baixando sete metros nun ascensor e pisando o mesmo chan onde hai dous mil anos estiveron os romanos.

Alí vimos unha cunca, un vaso de cristal, un cranio, uns ósos de comida… todo da época romana. Aprendemos que xa daquela traballaban o vidro,  facían pan de moitas clases, utilizaban unha especie de tapa de arxila para manter a calor coma se fose un microondas… E tamén aprendemos que estudando os ósos do cranio podemos saber se pertencía a unha muller o a un home, a súa idade, se a súa vida foi boa, se padeceu anemia… unha morea de cousas.

A segunda parada que fixemos foi para aprender como conservaban os alimentos os romanos. Tiñan unas tallas chamadas ánforas, e para impermeabilizalas recubríanas con cera de abella e despois conservaban os alimentos cubríndoos con aceite, sal ou mel. Valterra explicounos que ás veces usaban para impermeabilizar o chumbo, pero que iso contamina. Fixemos un experimento con dúas vasillas para saber cal delas foi impermeabilizada con chumbo e deseguida o descubrimos.

O sal hai dous mi anos chamábase “ouro branco” porque era un ben moi prezado. Utilizábana para moitas cousas:  para macerar, para endurecer as peles, como paga ou salario, como alimento e para conservar os alimentos. 

Vimos a parte conservada do “Salinae” e algúns probamos comidas das que facían na época romana. A comida  estaba boísima pero as bebidas eran moi fortes. Unha tiña un sabor moi parecido ao vinagre e a outra que probamos estaba feita con tripas de animais e tiña un sabor horrible.

Rimos moito ao final, cando dous compañeiros se sentaron nos “váteres” romanos. Estes eran para dúas persoas pero polo que nos explicaron, había algúns que eran verdadeiras filas de asentos.

Pasámolo xenial convertidos por un momento en auténticos romanos e romanas.

Máis fotos na Galería de fotos