Grazas Ramón

Alumnado e profesorado do CEP Santa Tegra queremos dar a grazas a Ramón Trigo, “o debuxante”, ese gran ilustrador que, coa súa arte, deixounos as paredes que arrodean o noso colexio tan cheas de cor e de vida. Pero, ademais, porque dun xeito totalmente desinteresado, achegounos unha pequena parte da súa obra ao noso centro.

Unha mañá calquera dun día de outubro, cando se achegaba o tempo de Samaín, sacou un anaco do seu tempo, seguramente un ben escaso e prezado para el, e tróuxonos un conto feito por el mesmo,“El vampiro Félix”.
Trata dunha historia especial cunhas ilustracións magníficas pero o que máis destaca é o seu tamaño, é un libro inmenso. Para moitos de nós o libro máis grande que temos visto, impresionante. As súas xigantescas páxinas contan a historia dun vampiro que se sentía só porque era distinto aos demais. Non lle gustaba o sangue, era vexetariano e gustábanlle os allos. Un día atopou a unha vampira vexetariana e xuntos puxeron un restaurante para vampiros vexetarianos.

Unha bonita trama con final feliz!

Moitas grazas, Ramón, por compartir connosco a túa arte!!