Ribeira di non á violencia de xénero

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro, dende o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribeira estamos a promover unha campaña de sensibilización e concienciación contra esta lacra social e gustaríanos contar coa túa colaboración.

A idea é lanzar unha gran campaña a nivel municipal na que todas as persoas que o desexen poidan participar ... para elo, precisamos nos envíes unha foto túa na que sosteñas nas mans o cartel que te axuntamos e que di “Eu tamén digo non á violencia de xénero” (se non tes impresora, podes escribilo a man). Posteriormente esta foto a inseriremos no cartel da campaña e darémoslle difusión en formato físico e/ou en formato dixital a través das redes sociais oficiais municipais.

A foto pode ser individual ou grupal, coa familia, amizades, compañeiras e compañeiros de traballo, de equipo, de actividades, veciñanza, etc. ... en branco e negro ou en color, como queiras, ... iso si, é preciso que todas e todos teñades na man o cartel coa mensaxe que vos axuntamos. Así mesmo, debes enviarnos o teu nome e o colectivo ao que representas, se é o caso.

A idea é implicar a cantas máis persoas mellor co obxecto de deixar clara a postura da cidadanía de Ribeira contra o maltrato, combater e neutralizar as actitudes que toleran e sosteñen a violencia contra as mulleres, así como apoiar e arroupar a todas as mulleres vítimas no proceso de denuncia e reconstrución dunha nova vida sen violencia para elas, as súas crianzas e as persoas dependentes ao seu cargo.

Enviándonos a túa foto a dirección de correo electrónico: ribeiradinonvx@ribeira.gal

Ás 200 primeiras persoas que participen enviando a súa foto, terán un agasallo pola súa participación ... o podes recoller en calquera momento no Centro de Información ás Mulleres de Ribeira.

 

Moitas grazas!

PD: Enviándonos a túa foto estás autorizando ao Concello de Ribeira a publicala en formato físico e/ou en formato dixital na páxina web e/ou nas Redes Sociais municipais.

AdxuntoTamaño
IMPRESIÓN_LEMA.pdf6.89 KB