Skip to Content

Normas Xerais do CEIP O Vicedo

Aproveitamos este inicio de curso para recordar e poñer á vosa disposición as normas xerais do centro. Para calquera dúbida podedes contactar co colexio nos telefonos 982870610 e 982870611, ou pasarvos pola dirección do centro.

NORMAS XERAIS CEIP O VICEDO

HORARIO LECTIVO

De 10:00h a 15:00h (servizo de comedor ata as 16:00h).

HORARIO DE ATENCIÓN ÁS FAMILIAS

Martes de 17:00h a 18:00h (pedirase cita ao titor para poder acadar información cos outros mestres que inciden no curso e evitar coincidir con outras familias o mesmo día ou hora).

ENTRADAS E SAÍDAS

O alumnado transportado entrará e sairá do centro pola porta pequena situada xunto ao edificio de Educación Infantil. Esta porta é de USO EXCLUSIVO DO ALUMNADO TRANSPORTADO.

O resto do alumnado entrará e sairá pola porta lateral.

IMPORTANTE: Cando un alumno chega ao colexio fóra do horario de entrada deberá entrar acompañado por un adulto e xustificar o retraso en dirección. Cando un alumno ten que ausentarse deberá vir o pai, nai ou persoa responsable a recollelo e xustificarase por escrito en dirección. En ningún caso se accederá a buscar ao neno directamente á aula ou patio.

As familias dos alumnos do transporte deberán avisar á dirección cando os seus fillos non regresan á casa no autobús. Non se pode mandar recado polo neno nin pola coidadora do transporte. Así mesmo avisarán por escrito para comunicar cando se quedan a algunha actividade extraescolar. As familias deberán estar nas paradas para recoller aos alumnos cando baixan do autobús.

O alumnado non transportado marchará co adulto responsable á saída. As familias comunicarán ao titor ou a dirección cando acude a recoller a un alumno unha persoa distinta do pai/nai.

FALTAS DE ASISTENCIA

As faltas de asistencia deben xustificarse por escrito a tavés dos modelos oficiais do Centro que se atopan á súa disposición no colexio.

En caso de enfermidade, o alumnado debe absterse de vir ao colexio ata que estea totalmente recuperado para evitar recaídas ou contaxios a outros compañeiros. Considerase tamén motivo de ausencia a infestación de piollos.

Cando un alumno debe tomar algún tipo de medicación comunicaráselle por escrito ao titor. En ningún caso será o neno o encargado da administración da menciña.

AUTORIZACIÓN DE IMAXE

Segue vixente o permiso de tratamento de imaxe nas actividades escolares e extraescolares asinado polas familias. Este permiso pódese modificar ou anular cando así o desexen.



story | by Dr. Radut