A NOSA EXCURSIÓN: "LUGO ROMANO"

   O día 24 de maio o alumnado de 3º e 4º fixemos unha excursión a Lugo con temática romana. Visitamos o Museo Provincial onde un guía  nos explicou como era Lugo antes e despois da chegada dos romanos, vimos restos das súas xoias, utensilios, mosaicos xigantes...Despois fomos atravesando a Rúa Nova ata chegar ao Museo de Interpretación da Muralla onde unha guía nos ensinou unha recreación de como era antes a muralla ( con dous pisos e toda branca) e outras curiosidades.

   O último museo foi o Domus Mitreo onde o guía nos ensinou os restos dunha casa romana e un templo adicado ao deus Mitreo. Para completar o pasado romano subimos á muralla e fixemos un pequeno percorrido imaxinándonos como sería vivir nesa época. Ao pasar pola Mosqueira recoñecímola porque xa falamos dela na clase de plástica pois participamos no Concurso Muralla de Lugo do Progreso.

   Cando baixamos dela, seguimos camiñando pola Rúa San Pedro ata chegar á Praza Maior onde xantamos, xogamos e mercamos algunha chupetada e, por último, estivemos nun parque. Todo o día dentro do recinto amurallado noutros tempos habitado polos nosos antepasados romanos.