Novas do Colexio

Novas de interese do Colexio

PROXECTO CIENCIAS SOCIAIS E CIENCIAS DA NATUREZA

Queredes ver como resultou o proxecto de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza do 2º trimestre?

 

Podemos dicirvos que estamos moi contentos/as porque aos nenos/as lles encantou e ademais de aprenderen moitísimo o pasaron fenomenal!

Comezamos á volta das vacacións de Nadal apadriñando un pingüín na Antártida, un xesto simbólico pero que lles fixo entender que todos os seres vivos de calquera punto do noso planeta dependen do bo comportamento de todos e cada un de nós. Por iso investigamos sobre o 3 Rs: Reciclar, reducir e reutilizar.
Logo pasamos a investigar sobre o Big-bang e a orixe do universo, o sistema solar e as constelacións. Esta parte quedou moi ben reforzada coa visita do planetario ao noso centro.
Centrámonos despois no noso planeta e aprendemos sobre as súas partes: atmosfera, hidrosfera e xeosfera.
Achegámonos á investigación científica con experimentos sobre a auga, o aire, materiais como o azucre...e aprendemos sobre aparatos e instrumentos como o reloxo de sol, a rosa dos ventos, a estación metereolóxica, a solarigrafía e a cámara estenopeica.
Como podedes ver foi unha vez máis unha aprendizaxe globalizada xa que as linguas estiveron presentes traballando as biografías de astronautas, inventando planetas e as súas características, lendo sobre as historias das constelacións, escribindo definicións cun pasapalabra...
expresión oral tamén a traballamos elaborando vídeos onde os alumno/as explicaban os movementos da Terra, as fases da Lúa...
En matemáticas calculamos o noso peso nos diferentes planetas, medidas de capacidade, volume, masa...
En informática tivemos que investigar e redactar.
En música aprendemos moitas cancións e coa plástica puidemos construír todo o que vedes nas imaxes.
Aprendemos moito uns dos outros e pasámolo xenial xogando coas actividades expostas nos corredores de cada nivel.
Que nos traerá o 3º trimestre...?
Seremos EXPLORADORES DE VIDA!

DÍA INTERNACIONAL DA SAÚDE

Esta semana celebramos no cole o Día internacional da Saúde (7 de abril)

 
Como xa sabedes, este curso temos como eixe común os "Hábitos Saudables", así que lles propuxemos aos neno/as que se converteran en chefs e se prepararan unha merenda saudable a base de froita.
Tamén falamos destes alimentos e das vitaminas e minerais que nos aportan en contra doutros produtos que só aportan calorías ocas e graxas saturadas. Queremos conciencialos e que saiban distinguir entre alimento e produto.
Houbo moita creatividade, moito colorido e gozaron dun bo festín!
Esta actividade estivo organizada polo equipo de Convivencia e Imaxe.

ABELLAS NA ESCOLA

Xa estamos a rematar este 2º trimestre que dedicamos no proxecto de ciencias a investigar sobre o noso planeta.
E comezamos con esta visita a enlazar o tema que nos ocupará o 3º trimestre: os seres vivos.
Aprendemos un montón sobre este tipo de insectos: a súa morfoloxía, onde viven, como se alimentan, que traballos fan, que produtos nos dan... espertando a curiosidade e as ganas de coñecer máis!
Probamos a xelea real, o mel e ata fixemos unha candea que levamos para casa!

SEMANA DAS CIENCIAS DE PONTEAREAS 2022

SEMANA DAS CIENCIAS DE PONTEAREAS 2022

club de Ciencias e Robótica do cole, alumnos de 5º e 6º e as mestras Marga e Susana participaron este venres 25 na tradicional Feira das Ciencias.
Bravo! O voso traballo foi xenial e moi interesante!
Na Semana das Ciencias de Ponteareas, a ciencia e o alumnado dos centros educativos son os protagonistas e os responsables de facerlles chegar á veciñanza unha mensaxe: detrás de cada segundo da noso día a día está a ciencia, unha ciencia amiga que nos axuda a mellorar.
O tema deste ano foi a "Sostibilidade e o Cambio Climático"

NOVA CONCRECIÓN CURRICULAR

Trala Orde do 25 de xaneiro do 2022 na que se actualiza a orde de avaliación da Educación Primaria, achegamos documento coas pertinentes modificacións.

8M - DÍA DA MULLER 2022

Hoxe é o día internacional da MULLER  

Data na que se celebran os logros acadados na loita pola igualdade. Bo día para todas!

ENTROIDO 2022

BO MARTES DE ENTROIDO!

Así vivimos nós a semana de Entroido: obedecemos as ordes do Meco extraterrestre, pintamos 2 murais xigantes con motivos do universo e para finalizar, o venres co noso disfrace fixemos o desfile e a chocolatada!
FESTA RACHADA!
Esta actividade estivo organizada polo equipo de actividades complementarias e extraescolares.

DÍA DE ROSALÍA - CALDO DE GLORIA

O pasado 23 de febreiro, Día de Rosalía, os nenos e nenas que quedan no comedor puideron comer o CALDO DE GLORIA.

Marga, a encargada do comedor do cole, e Dimitri, o noso cociñeiro, amósannos como se fai este caldo tradicional.
Estaba boísimo!

DÍA DE ROSALÍA 2022

No noso cole temos uns verdadeiros artistas!
Mirade que traballos máis bonitos fixeron con distintas técnicas sobre o rostro da nosa escritora máis universal...
Tamén aprendemos moito sobre a súa vida e obra como podedes ver.
Esta actividade estivo organizada polo equipo de Biblioteca.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Así investigamos no cole ás mulleres científicas no Día internacional da muller e a nena na ciencia.

Distribuir contido