Periódico Escolar 2022: Limiar

Benqueridas familias, mañá imos de celebración a recoller os Premios Faro da Escola 2022 e como entrante temos este descriptivo limiar feito polo noso/voso orientador:

 A lectura devagariño deste número do Faro da Escola do CEIP de Laredo é unha oportunidade magnífica para coñecer o que a nosa comunidade educativa compartiu ao longo do curso 2021-2022, no que sen perderlle o respecto ao Covid-19 e aos seus protocolos sanitarios se recuperaron boa parte das actividades presenciais e dinámicas propias do noso centro.Un curso que xirou arredor do xogo como espazo de aprendizaxe e no que a recuperación do benestar emocional do alumnado constituíu un obxectivo sobranceiro que impregnou a realización de todas as nosas actividades.

Un número que o noso xornal escolar abre cun oportuno chamamento en portada a prender cos nosos papaventos de cores sobre o ceo da ría o interruptor da paz e pecha en contraportada cunha homenaxe aos pensamentos en liberdade de Rosalía representada co sorriso esperanzado en todos os nosos rostros.

A crónica das actividades e iniciativas de cada un dos nosos grupos recóllese nas páxinas interiores, onde os textos dos nosos xoves xornalistas e as numerosas fotografías, debuxos e outras ilustracións ofrecen un mural cheo de detalles, esforzos e creatividades.

O alumnado de Educación Infantil está presente coas súas actividades de recuperación dos xogos en familia, os seus xogos coas emocións e co seu impresionante curso de primeiros auxilios.

O 1º ciclo de Primaria presenta o seu Museo de animais montado con material reciclado, participante no Plan Proxecta «Protexe os animais», así como a correspondencia co alumnado da illa da Palma de 1º e o volcán das emocións e a innovadora experiencia educativa de Focusing de 2º EP.

O 2º ciclo está presente coas crónicas das visitas á ecogranxa Atalaia (3º EP), a Campo Lameiro (4º) e a Meteogalicia e ao Museo de Historia Natural (3º e 4º). Como tamén se proporciona noticia da visita a aula de cuarto de Adoración, unha avoa de 88 anos, un auténtico tesouro da memoria, con motivo do Día Internacional da Lingua Materna ou, entre outras, das actividades con motivo do Día da Muller e a nena na ciencia.

O 3º ciclo está presente coas actividades sobre Ciberseguridade (5º), a visita dos traballadores sociais do Albergue Nosa Señora da Saúde (6º) ou as entrevistas sobre actividades económicas da comunidade do centro.

A crónica das actividades dos clubes de lectura e de ciencias, a celebración das festas de Samaín, do Magosto inclusivo, do Entroido, dos Maios, do Cross das Letras e da xornada dos Patios na rúa, así como as iniciativas solidarias das matrículas LRD e a correspondencia interescolar con centros francófonos completan este número que se pecha cunha reportaxe sobre a Escola de familias e o novo rumbo que emprende a Anpa Penedos.

Un xornal escolar para ler e conservar nas hemerotecas familiares, escrito na súa totalidade en galego, o que amosa o compromiso e o orgullo da comunidade educativa de Laredo de fomentar o uso da nosa lingua.

 En breve nas vosas casas os exemplares de todo o traballo feito polo alumnado.