Importante: 2ª Avaliación e Detección de Necesidades

Estimadas familias do CEIP de Laredo:

O equipo do CEIP de Laredo comparte nestes días tan díficiles que o máis importante é que a saúde acompañe a cada unha das vosas familias e a veciñanza da nosa comunidade. Ese é o noso primeiro desexo para todas. Como sabemos, tamén, que esta situación de confinamento obrigado, imprescindible para impedir a expansión do contaxio do coronavirus, tras tres semanas está provocando incomodidades e dificultades nas vosas casas.

Dende o inicio da corentena pretendemos que dentro das posibilidades e dos recursos cos que contamos todos os nenos e nenas continuasen conectados co colexio, tanto para manter a súa estabilidade emocional e os seus hábitos de traballo académico como as súas relacións e amizades. Con esa intención deseñamos durante estas tres últimas semanas o programa « Dende Casa » de acompañamento educativo, emocional e social ao alumnado e as familias do centro. Hoxe queremos agradecervos a vosa receptividade e colaboración incondicional no seu desenvolvemento, recollida en moitas horas de traballo nos vosos fogares, na realización de vídeoconferencias e chats co profesorado ou nos centos de gravacións de actividades audiovisuais compartidas na rede. Unha experiencia que será inesquecible para todos os nenos e nenas participantes, da que todos, familias e equipo docente, nos sentimos orgullosos.

Despois das «vacacións de semana santa», período no que só se propoñerán retos e actividades de lecer en familia, continuaremos o noso programa de acompañamento, cuxas características se axustarán as instrucións que agardamos recibir da Consellaría de Educación (CE).

Somos conscientes que non todas as familias dispoñen de conexión a internet ou ordenador na casa para que o alumnado se conecte ao centro, razón pola que dentro das nosas posibilidades trataremos de ofrecerlles axuda. O equipo directivo poñerase en contacto con cada unha destas familias para procurar a mellor solución para cada caso. Pregamos cubrades previamente este formulario en caso de necesidade de equipamento informático, conexión a rede, servizo de impresión, funxibles...(ver formulario)

Ademais queremos informarvos que seguindo as instrucións recibidas da CE, o claustro realizou a avaliación do 2º trimestre de Educación Infantil e Primaria, na que se tiveron en conta só as evidencias e probas anteriores ao 11 de marzo, día no que se anunciou a suspensión das clases. Acordamos que as cualificacións serán entregadas impresas no momento da reincorporación ao centro do alumnado. Cremos que a actual situación excepcional de corentena non é o escenario máis axeitado para que o alumnado e as familias reciban unha notificación que nalgúns casos pode provocar unha innecesaria ansiedade engadida á que vivimos. 

Queremos reiterarvos o noso compromiso de permanecer a disposición de cada unha das familias nos correos electrónicos do centro. As titorías continuarán coa súa comunicación co alumnado polos medios dos que dispoñemos. Así como o Departamento de Orientación e o Equipo Directivo permanecen abertos as vosas demandas, suxestións e preocupacións polas canles habituais.

Por último, queremos transmitirvos os nosos azos e ánimos para enfrontar esta situación na que agardamos todo vai ir ben. Moita saúde e afecto para cada unha das vosas familias.
Equipo docente do CEIP de Laredo