O Orientador responde...24/03 "Tele educativa na corentena"

24/03

Ademais das tarefas propostas polo centro, dende esta semana o alumnado dispón tamén dunha oferta de contidos educativos e de lecer nas televisións públicas.

Dirixido, sobre todo, a aquel alumnado de ensino obrigatorio (6-16 anos) de familias socialmente máis vulnerables, que carecen de recursos ou teñen dificultades para utilizar decotío a comunicación por internet, o Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) e RTVE puxeron en marcha o programa «Aprendemos en casa», cuxos espazos serán emitidos en aberto de luns a venres en Clan TV para alumnado de Primaria e a 2 de TVE para o de Secundaria.

Máis en concreto, a canle Clan TV de RTVE emitirá os luns espazos con contidos de Matemáticas, os martes de Ciencias Sociais, os mércores de Educación Artística e/ou Educación Física, os xoves de Lengua e idiomas e os vernes de Ciencias Naturais. Estes programas estarán dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 8 anos na franxa horaria de 9:00 a 10:00 horas; a alumnado de 8 a 10 anos entre as 10:00 e as 11:00 horas e a estudantes de 10 a 12 anos na seguinte hora.

Pola súa banda, a TVG, en colaboración coa Consellaría de Educación, Universidade e FP, emite de luns a venres, entre as 11:00 e ás 13:00 horas un bloque educativo pola segunda canle, a G-2.

Complementando a estas emisións en aberto, as televisións públicas contan tamén con acceso a contidos educativos en internet. A canle Edu clan ofrece un espazo específico para alumnado de 3 a 5 anos, outro de 6 a 8 e un terceiro de 9 a 10 anos, no que se poden ver actividades das diversas áreas. Do mesmo xeito, a TVG no espazo de programas do Xabarín Club permite o visionado de diversas series de animación como os «Os Bolechas» e «Os contos no camiño» ou musicais como os «Xabaclips». No espazo da CRTVG pódese escoitar, ademais, Radio Picariña, a primeira emisora dixital de música infantil en galego.

Tamén é moi recomendable Kalandraka tv, unha iniciativa da editora infantil e xuvenil pontevedresa, onde se pode seguir a magnífica serie «Contos contados».

Manuel Bragado Orientación do CEIP de Laredo.