Visita Exclusiva ao centro Bus-Creactivity (27/05 07/06)

O vindeiro luns 27 de maio e venres 7 de xuño, o alumnado de educación primaria participará no proxecto “Creactivity” da man da Obra social "la Caixa".

En exclusiva para o noso centro e por primeira vez en Redondela!.

Contaremos co acceso a un espazo deseñado para espertar o enxeño, a destreza e a creatividade tratando de fomentar o deseño e desenvolvemento de solucións orixinais para problemas sinxelos. O alumnado participará en diferentes obradoiros de 90 minutos que se levarán a cabo nunha unidade móbil (autobús) que conta con diferentes espazos dotados de recursos que abranguen dende materias cotiáns a ferramentas de baixa e alta tecnoloxía:

  • Zona da Mecánica: espazos de engrenaxes, mecanismos, bólas e máquinas de pinball.
  • Zona do Vento: tubos de vento.
  • Zona da Electricidade: circuitos.
  • Zona da Luz: sistema stopmotion.

O obxectivo destas zonas, caracterizadas polo seu compoñente lúdica e de colaboración, é favorecer a investigación cos materiais, planificar, crear novos deseños, usar materiais comúns e buscarlles novas funcións, a través de propostas abertas e interdisciplinarias que abranguen a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte e as matemáticas.

Tamén se traballarán outras competencias máis transversais, como hábitos de aprendizaxe cooperativa, autocoñecemento para a aprendizaxe e a creación e realización de proxectos.

O día da última xornada, o venres 7 de xuño, o autobús permanecerá nas inmediacións do centro, en horario de 16:00 a 18:30 horas, para que o alumnado que o desexe repita a experiencia xunto coas súas familias.