Skip to Content

EDUCACIÓN FAMILIAR CELEBRA UN ENCONTRO INTERXERACIONAL DENTRO DUN PROGRAMA DE IGUALDADE

A actividade, que rematou onte na Casa da Cultura, pretende establecer uns criterios de xénero para impartir nos colexios e familias dende idades temperás

O departamento municipal de Educación Familiar celebrou onte na Casa da Cultura tomiñesa, un novo encontro interxeneracional; esta vez, dentro do proxecto  “Os Pinceis de Artemisia”, unha experiencia de formación en temas de igualdade de xénero, que o departamento leva a cabo coa colaboración e coordinación da ONG InteRed.

O encontro entre un grupo de maiores e uns 40 escolares, estivo centrado no tema dos “coidados”, analizados estes dende diferentes perspectivas. Coa colaboración dun equipo técnico da ONG InteRed, os maiores tiveron, en primeiro lugar, que lembrar e expresar como eran os coidados (ou as carencias destes) na súa infancia e xuventude. Deste xeito, tiveron que aportar as súas vivencias, para que os pequenos, dos colexios de Tebra e Goián, escoitaran as historias e recolleran as partes positivas para plasmalas logo en debuxos, frases, etc.

No acto de onte, estiveron presentes a delegada de InteRed en Galicia, Amalia Álvarez Vega; o concelleiro de Benestar Social do Concello de Tomiño, Suso Villar; a educadora familiar do Concello e outros técnicos de InteRed.
Villar agradeceu a participación dos maiores e nenos, e o traballo desinteresado dos técnicos e voluntarios, salientando a importancia de educar en termos de igualdade dende a infancia.

Álvarez, de InteRed, pola súa banda, explicou que “con este acto, queremos que os coidados, tradicionalmente considerados coma femininos, se recoñezan e valoren coma valores fundamentais para o sostemento da vida e o correcto funcionamento da sociedade”.

Finalmente, houbo unha posta en común do aprendido e expuxéronse as conclusións alcanzadas sobre o verdadeiro significado dos coidados e das prácticas desexables neste eido. Todo o traballo realizado se incluirá nun libro editado por InteRed.

 



page | by Dr. Radut