Skip to Content

17 de maio de 2016 - Visitas guiadas ao Salón Teatro de Santiago

O Centro Dramático Galego (CDG) súmase ás numerosas iniciativas e celebracións institucionais no Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor Manuel María, cunha xornada de portas abertas.

O próximo martes 17 de maio teremos a posibilidade de coñecer as entrañas do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do CDG, por medio dunha visita guiada. No noso percorrido coñeceremos as orixes do edificio que alberga hoxe o Centro Dramático Galego e a súa evolución ata os nosos días. Tamén poderemos ver como funciona un teatro por dentro, descubrir que é un dimmer ou pasear polos camaríns. Poderemos, á fin, saber que se agocha detrás do pano. Tras cada visita sortearase un pequeno agasallo, consistente nos libros gañadores do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, galardón promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que mantén aberto ata o 31 de maio o prazo de presentación de orixinais para a súa convocatoria de 2016.

Esta iniciativa divulgativa terá lugar coincidindo coa xornada na que o equipo técnico do CDG (tremoias, técnicos de luces , técnicos de son...) realizará a montaxe do espectáculo O mundo persistente, escrito polo dramaturgo galego Fernando Epelde e dirixido polo tamén galego Tito Asorey. Esta proposta estrearase o vindeiro mércores 1 de xuño no Salón Teatro no marco do Proxecto Nós, en colaboración coa ESAD de Vigo, a ESMAE e o Teatro Nacional São João de Porto, e a ESTC e o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa. Deste xeito, teremos a oportunidade de ver como se desenvolve a montaxe técnica dun espectáculo teatral in situ.

Esta actividade será gratuíta e axeitada para tódolos públicos. As visitas faranse para grupos dun máximo de 10 persoas e terán unha duración aproximada de 45 minutos. Os horarios das visitas serán: 11.00, 12.00 e 13.00 horas pola mañá e 17.00, 18.00 e 19.00 horas pola tarde. As persoas interesadas deberán anotarse no teléfono 981 58 11 11 (en horario de 9.00 a 14.30) ou enviando un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.es. As visitas distribuiranse por estrita orde de solicitude. 

 


story | by Dr. Radut