Skip to main content

Patios Dinámicos

No cole de Vilatuxe comezamos a levar a cabo os patios dinámicos. E preguntarédesvos… “Que é iso dos patios dinámicos?”

Os patios dinámicos é unha ferramenta de inclusión social, que fomenta a participación de todo o alumnado no tempo de recreo, para que todos e todas xoguen de maneira coordinada e sen exclusión de ningún tipo.

Nos patios dinámicos, o xogo é libre, inclusivo e equitativo. Por iso, neste cole tamén queremos sumarnos a esta iniciativa!

 

Primeiro, realizamos un díptico para que todos e todas coñezamos os obxectivos a ter en conta neste proxecto, así como as actividades que se van levar a cabo durante todo o curso a partir desas premisas iniciais.

As actividades que van realizar os nenos e nenas do cole son estas:

  • Queremos recuperar algún dos xogos tradicionais, neste caso brilé, ligas, pano e salto á corda, para que os pequenos/as aprendan como xogabamos antes. Para isto, un día á semana toca un deses catro xogos. As nenas e nenos de 5º explícanlle no patio aos demais como xogar e alí todos/as poden participar! Ademais, dende a aula de música vanse aprender diferentes cancións que poden ser empregadas para saltar á corda ou xogar coa liga.
  • Seguiremos adiante coa Bibliosol, un carro cheo de libros que os alumnos e alumnas de 6º sacarán ao recreo, podendo así disfrutar da lectura nos días máis soleados!
  • Introducimos no patio dous bancos diferentes: o banco da amizade (para o alumnado que nalgún momento se sinta só e precise compañía) e o banco da convivencia (onde se median os conflitos que poidan xurdir).
  • Tamén, en colaboración co equipo de dinamización da lingua galega e cos nenos e nenas de 5º e 6º, levamos a cabo unha actividade que consistiu en nomear as rúas e prazas do cole, creando así como o noso pequeno pobo! No enlace podedes ver os nomes que foron escollidos polo profesorado.
  • Ademais, ensínovos algúns dos bocetos dos taboleiros que temos pensado pintar por todo o patio, tanto para os nenos e nenas de Infantil como para os de Primaria

 

 

Para todo isto, por suposto, acéptanse suxerencias dos nenos e nenas; por iso, creamos un buzón específico para isto e, se vemos que hai algunha boa idea, poderase compartir e poñer en práctica!

 

Todo o que vaiamos facendo para mellorar os patios irémolo ensinando para que vexades o proceso! Risa

 

 

 

 

 

 

 

Diptico de patios dinámicos: https://drive.google.com/open?id=1jXjmmmDX758Fi8syVlO02gno5sFi0HwD

Xogos tradicionais: https://drive.google.com/open?id=1hEkIERRwJYRkwHKYsjBFpqe8Zf-tQlPv

Bibliosol: https://drive.google.com/open?id=1I_DCd-jplqDV4QAHYwPoe7WAHTfFYGen 

Banco da amizade: https://drive.google.com/open?id=16SRug1gK6iSHv2Wdkgp1P41B5FAJ-l9h

Banco da convivencia: https://drive.google.com/open?id=1aZBDTNJ-0fN1w9NYdTnsw3EtfB-kTflF

Rueiro: https://drive.google.com/open?id=1vn_dxfwhZcYpxlHBQAgzapHGHACr02N-

Bocetos do patio: https://drive.google.com/open?id=1rrygV3bMKkR1rzD63XFQRsDfDrZ32OOE