O conselleiro de Cultura e Educación presenta o proxecto ‘E-Lectores nas Bibliotecas Escolares’ como reforzo do Plan LÍA [1]
Xesús Vázquez Abad salientou a importancia de que o alumnado coñeza de primeira man os novos soportes de lectura

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o proxecto piloto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE)’, unha nova liña do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). Este novo eixo de actuación, que reforza os plans da Consellería nesta materia, busca que profesorado e alumnado coñezan de primeira man os novos soportes e dean conta das posibilidades que ofrecen para a mellora da competencia e dos hábitos de lectura entre os máis novos.
Durante o acto, no que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, o conselleiro salientou a necesidade de que o alumnado galego coñeza, de primeira man, os novos soportes de lectura e ás experiencias lectoras que ofrecen coa orientación do profesorado. Así mesmo salientou a oportunidade que supón para a equiparación de recursos culturais entre a Galicia rural e a urbana.
Resposta ás novas tendencias
O conselleiro explicou que o proceso de transformación da biblioteca escolar impulsa tamén que se muden algunhas prácticas educativas e se introduzan as metodoloxías innovadoras nos centros de ensino. Neste sentido destacou que proxectos como o E-LBE procuran respostas ás novas necesidades, adaptándose ás novas tendencias en aprendizaxe, que pasan pola participación, a colaboración, e as novas formas de acceder á información e de construír o propio coñecemento. Todo isto contribúe, tal e como sinalou Vázquez Abad, á universalización dun modelo de biblioteca que está demostrando ser útil, contribuír a adquisición de competencias básicas no alumnado e fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa.
Así mesmo, o conselleiro agradeceu o labor do profesorado e o compromiso das comunidades educativas na formación dos máis novos a través de esta e outras experiencias que se están a levar a cabo en bibliotecas escolares por toda a xeografía galega.
Experiencia nos centros
Como primeira actuación deste proxecto piloto hoxe entregáronse lectores electrónicos a 25 centros educativos. Estes soportes pasarán a formar parte do equipamento da biblioteca escolar e serán os propios centros os que establezan as normas de uso dos mesmos, así como a posibilidade de poder realizar os préstamos de libros dixitais. A Consellería repartiu entre os centros seleccionados unha guía con información sobre a posibilidade de uso destes soportes e enlaces web para a descarga legal de libros electrónicos gratuítos.
Cómpre salientar que os lectores son de tipo tinta electrónica polo que, a diferenza de outros dispositivos, non emiten luz propia. Deste xeito, a experiencia de lectura é moi similar á do papel e pouco agresiva para a vista.
Centros seleccionados
Unha vez analizadas todas as solicitudes, a Consellería seleccionou os centros de entre os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), tendo en conta o compromiso da comunidade educativa coa biblioteca como espazo de lectura e de aprendizaxe. Ademais, deuse prioridade aos centros do rural, procurando unha distribución axeitada por todo o territorio galego.
Os centros seleccionados colaborarán coa Consellería na elaboración dun informe ao finalizar o curso no que se valorarán os aspectos máis salientables que cómpre atender para introducir estes soportes de lectura nos centros educativos.
Os colexios e institutos que recibiron hoxe e-lectores son os seguintes:
Centro |
Concello |
Provincia |
CEIP Víctor Sáenz |
Mazaricos |
A Coruña |
CEIP Milladoiro |
Malpica de Bergantiños |
A Coruña |
CEIP dos Muíños |
Muxía |
A Coruña |
IES de Ponteceso |
Ponteceso |
A Coruña |
CEIP de Présaras |
Vilasantar |
A Coruña |
CPI de San Sadurniño |
San Sadurniño |
A Coruña |
IES de Monterroso |
Monterroso |
Lugo |
CPI Luís Díaz Moreno |
Baralla |
Lugo |
CEIP Pedro Caselles Rollán |
Xove |
Lugo |
CPI Poeta Uxío Novoneira |
Folgoso do Courel |
Lugo |
IES Gregorio Fernández |
Sarria |
Lugo |
CEIP Plurilingüe da Pontenova |
A Pontenova |
Lugo |
IES Plurilingüe Fontem Albei |
A Fonsagrada |
Lugo |
IES Lagoa de Antela |
Xinzo de Limia |
Ourense |
CEIP Condesa de Fenosa |
O Barco de Valdeorras |
Ourense |
CEIP Nosa Señora de Xuvencos |
Boborás |
Ourense |
CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio |
Vilar de Barrio |
Ourense |
CEIP de Oímbra |
Oímbra |
Ourense |
IES Xesús Taboada Chivite |
Verín |
Ourense |
IES de Sanxenxo |
Sanxenxo |
Pontevedra |
CEIP de Agolada |
Agolada |
Pontevedra |
CEIP Manuel Cordo Boullosa |
Ponte Caldelas |
Pontevedra |
CEIP de Figueroa |
A Estrada |
Pontevedra |
CEIP Nosa Señora das Dores |
Forcarei |
Pontevedra |
CEIP de Silleda |
Silleda |
Pontevedra |
Reforzo do Plan LÍA
'E-LBE' é unha nova liña do Plan LÍA cuxo obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformación que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.
Este proxecto piloto é unha oportunidade para que o alumnado teña acceso a estes recursos electrónicos, aínda en pleno desenvolvemento, e as diferentes experiencias lectoras que ofrecen. Do mesmo xeito, o profesorado poderá familiarizarse cos E-lectores e afondar nas súas posibilidades para o traballo na clase, para o préstamo e para o fomento do hábito lector entre os estudantes.