O conselleiro de Cultura e Educación en funcións felicita ao IES de Sabón pola obtención do premio da Fundación Telefónica de innovación educativa [1]
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe este centro, que obtivo un dos primeiros premios deste certame
Docentes do IES de Porto do Son, CEIP Manuel Sieiro, EEI de Milladoiro e Colexio Luís Vives resultaron tamén galardoados nesta edición dos premios

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, felicitou hoxe en persoa á comunidade educativa do IES de Sabón (Arteixo, A Coruña) pola obtención dun dos primeiros premios concedidos pola Fundación Telefónica á innovación educativa. Durante a súa visita a este instituto estivo acompañado pola directora, Mª Isabel Pardo, pola delegada da Xunta en funcións na Coruña, Camino Triguero; polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana; e polo director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso; Vázquez Abad salientou este recoñecemento como un impulso ao labor que docentes, alumnas e alumnos realizan a prol da busca de novas fórmulas metodolóxicas e didácticas arredor da práctica educativa e as novas tecnoloxías da información e a comunicación.
O IES de Sabón resultou gañador do primeiro premio na categoría de 15 a 17 anos da modalidade B destes galardóns, a dirixida a traballos que responden ao uso pedagóxico de realizar tarefas de exercitación e práctica a partir de recursos interactivos dixitais. A viaxe de Alicia con e-adventure: coñece a túa cidade é un proxecto dirixido polos docentes Sonia Vivero Nogueiras, Pilar Martínez Souto e Agapito Muñíz Sánchez; no que o xogador axuda á personaxe da aventura gráfica a voltar á casa explorando distintos escenarios da localidade da Coruña en distintas épocas, ao tempo fai unha viaxe paralela pola mitoloxía, arte, toponimia, xeografía e historia da zona. O xurado do premio salientou este traballo como unha proposta innovadora, motivadora e orixinal, no que combinan acertadamente a tecnoloxía e os obxectivos e metodoloxía didáctica. O proxecto pode atoparse no enlace web: http://jordipereda.com/alicia/alicia.htm [2] .
Ademais do IES de Sabón, neste certame foron premiados proxectos nos que participaron os o IES de Porto do Son, o CEIP Manuel Sieiro, a EEI de Milladoiro e o Colexio Luís Vives.
Visita ao IES
O titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou a súa estancia no centro para coñecer as instalacións nas que estudan o seus 243 alumnas e alumnos, e que a Consellería vén de mellorar coa construción durante o verán dunha rampla, o que supuxo un investimento de preto de 10.000 euros.
Ademais, Vázquez Abad felicitou á comunidade educativa do centro polo traballo realizado na biblioteca escolar para fomentar o seu uso como espazo de lectura, aprendizaxe e investigación por parte do alumnado. De feito, o centro ten recibido 20.150 euros para o desenvolvemento de actividades, entre as que destacan os clubs de lectura. O bo facer deste instituto neste eido viuse recoñecido este mesmo curso, coa súa integración no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería.
Tras o seu paso por este centro, o conselleiro en funcións visitou, no mesmo concellom as instalacións dos CEIP Ponte dos Brozos e CEIP de Arteixo.
Outras galardóns á innovación educativa
Os galardóns da Fundación Telefónica recoñeceron tamén o traballo de outros centros educativos galegos a prol da innovación educativa. Así, o MarinoFeQ, realizado por Francisco Mariño Domínguez, profesor do IES Porto do Son, resultou gañador do terceiro premio na modalidade A, dirixida a traballos que responden ao uso pedagóxico de dar soporte á clase a partir de recursos dixitais de 15 a 17 anos. Trátase dunha páxina para a integración das TIC no ensino da Física e Química en secundaria, que destaca pola súa fácil navegabilidade e accesabilidade, así como pola multitude de recursos, ferramentas, e material multimedia e colaborativo que ofrece.
Ilusionarte coas TIC é un blogue realizado por Concepción Villar Suárez, da EEI de Milladoiro, que obtivo o segundo premio na modalidade C, de traballos dirixidos a alumnado de 3 a 8 anos, que responden ao uso pedagóxico de realizar produccións en pequeno grupo a partir de recursos dixitais. O blogue recolle as actividades que realizan as alumnas e alumnos do segundo ciclo de infantil na actividade de Linguaxe Audiovisual e Novas Tecnoloxías: debuxos, fotografías, vídeos, música, programas de radio... Ademais, queda patente a implicación das familias e o traballo en colaboración con escritores e compañeiros de outros colexios.
O proxecto que acadou o segundo premio na modalidade D, de traballos que responden ao uso pedagóxico en proxectos interescolares na aula de 3 a 8 anos, é froito da colaboración entre o CEIP Manuel Sieiro, a EEI de Milladoiro e o Colexio Luís Vives, coordinado polas docentes Patricia Doval Rodríguez, Concepción Villar Suárez e Belén Rodríguez González. Proxecta con nós ten como obxectivo crear unha curta sobre a conservación do medio ambiente, dando a coñecer o morcego como especie animal favorecedora da conservación dos ecosistemas. Neste caso o xurado salientou a coordinación entre os centros, así como a participación activa das alumnas e alumnos en todas as fases do traballo.