Cultura e Educación continúa a realizar as actividades gratuítas densenvolvidas polo “FalaRedes”, para a Rede de Dinamización Lingüística [1]
As iniciativas, dirixidas a todas as idades, estanse a desenvolver durante as fins de semana e festivos ata o mes de decembro
O novo programa de actividades está dirixido á poboación dos concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística impulsada polo Goberno galego
Hoxe e maña o “Galego de cine” visitará as localidades de Xinzo de Limia e Sarreaus

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúa a desenvolver o programa FalaRedes nos concellos, mancomunidades e deputacións que compoñen a Rede de Dinamización Lingüística (RDL).
Cómpre recordar que FalaRedes levará 250 actividades programadas en colaboración con todas as entidades locais que conforman a RDL, a un público potencial de 750.000 persoas –máis da cuarta parte da poboación da nosa comunidade-. O programa consta de tres iniciativas, destinadas a un público infantil, xuvenil e xeral, que buscan crear espazos de uso e aprendizaxe da lingua galega vencellados ao lecer, á modernidade de todos os públicos, co fin de promover unha imaxe positiva do galego e de sensibilizar sobre a utilidaed e o valor do idioma propio de Galicia, de acordo cos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega (2004).
Dinamización do galego
Dentro das actividades de FalaRedes a lingua galega percorre o país en caravana, a través de “Galego de Cine”, unha sala de cinema itinerante que levará ás vilas de Galicia boa parte das curtametraxes feitas no noso idioma contando como espectador cun público obxectivo de entre 6 e 12 anos. Logo do visionado dos filmes, os cativos converteranse en estrelas da gran pantalla mediante a composición dunha historia nun video-matón, que estará accesible a través de Internet. A actividade chegará hoxe á Praza de Carlos Casares, no concello de Xinzo de Limia, onde fará parada entre as 17:00 e as 20:00 horas. A Praza da Capela, en Sarreaus, será o vindeiro destino, no que estará mañá das 16:00 ás 19:00 horas.
Outra das iniciativas desta edición do FalaRedes é “O señor das dunas”, un contacontos que vai narrando unha serie de historias ao tempo que un artista gráfico as ilustra sobre area. Cada un dos participantes desta actividade recibirá como agasallo o libro 5 contos galegos, que poderá complementar a través da descarga en Internet dos Contos arredor do microondas (http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf [2]).
A outra actividade que percorrerá as localidades galegas e o “Titerehop”, dirixida a que adolescentes de 13 a 17 anos constrúan as súas propias letras de cancións cun profesor ben coñecido por eles: García MC, o rapeiro de Dios ke te crew. A continuación, os monicrequeiros de Viravolta ensinaranlles a facer un monicreque cantor. Xa que logo, só lles queda por demostrar aos participantes nesta iniciativa a súa valía artística, que tamén se poderá ver na rede a través de http://titerehop.wordpress.com [3].
Toda a información sobre o programa, así como o calendario de actividades, está xa accesible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes [4] e nas redes sociais.
116 entidades xa están na RDL
113 entidades municipais e supramunicipais conforman a día de hoxe a RDL, canda o Consello da Cultura Galega -co que a Administración autonómica asinou un acordo de colaboración o pasado 6 de marzo, coa finalidade de que a entidade estatutaria poña a disposición da RDL ferramentas técnicas de traballo e lle preste apoio e asesoramento á súa Área Técnica- o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela e a fundación pontecesá Eduardo Pondal. Así, xa son 116 entidades as adheridas a esta iniciativa coa que o Goberno galego busca coordinar e impulsar a dinamización social do galego.
Apoio ás entidades locais que promoven o galego
Esta semana a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de marzo de 2012, pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 16 de decembro de 2011. En virtude desta resolución, a Xunta de Galicia promoverá accións de dinamización lingüística nos 141 concellos de Galicia aos que lles foron concedidas subvencións para manter ou crear servizos lingüísticos, así como para desenvolver programas e campañas de dinamización lingüística no ámbito local. A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove deste modo a creación de 17 novos servizos lingüísticos no territorio galego que funcionarán no marco de 46 concellos. En 39 deles xestionaranse as actuacións de dinamización lingüística de maneira compartida. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación impulsa, no ámbito dos servizos públicos dirixidos á cidadanía –nomeadamente no dos servizos lingüísticos- a prestación de servizos compartidos, coa finalidade de optimizar os recursos e de aproveitar as sinerxías, de cara a acadar a máxima eficiencia e eficacia na xestión dos recursos públicos dentro da planta municipal galega.