Un grupo de educación infantil gaña o concurso de presentacións electrónicas de Nadal de Política Lingüística [1]
O alumnado de sexto de infantil do CEIP da Castellana e a súa profesora, Alba Mª Fernández Castedo, acadaron o primeiro premio desta iniciativa
Tamén resultou galardoado co segundo premio o traballo de Ana Martínez Rey
As presentacións do Centro de Educación Especial A Barcia e do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga compartiron o terceiro premio
As presentacións gañadoras, que están accesibles na web da secretaría xeral, resultaron elixidas entre os case 300 traballos que se presentaron ao concurso

O traballo dun grupo de educación infantil acadou o primeiro premio do concurso de presentacións de Nadal 2011 que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os alumnos e as alumnas de sexto curso de infantil do CEIP da Castellana, en Aranga (A Coruña), e a súa profesora, Alba María Fernández Castedo, participaron no certame cunha obra que convida a felicitar estas festas en galego.
O segundo premio do concurso recaeu na presentación de Ana Martínez Rey, mentres que o xurado decidiu outorgar un terceiro premio compartido para os traballos do Colexio de Educación Especial A Barcia e do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, presentados polas profesoras Rita Nogueira Cartelle e Beatriz López Martín, respectivamente.
Descarga e difusión das presentacións
As presentacións gañadoras, que están accesibles para a súa descarga e difusión no sitio web http://www.xunta.es/linguagalega/concurso_de_presentacions_electronicas_... [2] , recibirán cadanseu lote de produtos de lecer en galego. Ademais, a secretaría xeral creará unha galería de presentacións a partir dunha selección de todos os traballos presentados ao concurso, que tamén estará dispoñible na rede.
O xurado do premio, formado por persoal técnico da secretaría xeral e mais polo gañador da primeira edición do concurso, Manuel Bermúdez, elixiu as presentacións gañadoras entre os 278 traballos que participaron no certame, cifra que duplicou o número de obras presentadas no ano 2010. Todas as presentacións, a gran maioría cunha alta calidade, xiran arredor do significado destas datas, con propostas para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral.
Para celebrar e felicitar o Nadal
O principal obxectivo desta iniciativa da secretaría xeral é promover a comunicación en galego para celebrar o Nadal, así como favorecer a presenza do idioma no ámbito das tecnoloxías, concretamente nas principais canles que empregan os usuarios e as usuarias de internet para felicitar estas festas.