A Consellería de Educación dotou de conexión á internet de alta velocidade a 159 centros educativos [1]
Desde o curso 2010/2011 vense mellorando a conexión de colexios e institutos públicos ata velocidades de 100 Megabites por segundo
Está previsto que no mes de xaneiro sexan 172 centros os que dispoñan desta velocidade
Un total de 159 centros educativos de Galicia dispoñen neste curso dunha velocidade de conexión á internet de 100 Megabites por segundo, grazas ás melloras realizadas na conectividade de colexios e institutos públicos galegos por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Estas accións de mellora, que forman parte do proxecto Abalar, véñense desenvolvendo desde o curso 2010/2011 enmarcándose na aposta que o Goberno galego fai pola integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino, co fin de impulsar progresivamente a mellora da calidade da educación.
Dos 159 centros que xa viron mellorada a velocidade da súa conexión ata os 100 Mbps, o 33% son colexios e institutos públicos integrados na rede Abalar, o que permite optimizar a experiencia de uso e o aproveitamento do equipamento co que se dota a estas aulas dixitais –encerado dixital interactivo, ordenador para o profesorado e ultraportátiles para os alumnos-.
No 2010 migraron a dita velocidade 91 centros, 26 deles Abalar; e no 2011 veñen de incorporarse a esta velocidade outros 68 centros de ensino, dos que 27 pertencen á devandita rede. Por provincias, 85 dos 159 centros pertencen á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, 18 á de Ourense e 39 á de Pontevedra.
A Consellería de Educación ten ademais previsto migrar en xaneiro de 2012 outros 13 centros a esta velocidade, co fin de continuar a mellorar a conectividade de colexios e institutos públicos. Desta forma, contribúese a reforzar o programa de actuacións desenvolvido pola Xunta de Galicia para achegar as TIC ao ensino, a través de plataformas como o espazoAbalar, facilitando a intercomunicación dos membros da comunidade escolar -docentes, familias...- e poñendo a disposición dos usuarios recursos didácticos en formato multimedia.