Carmen Pomar loa a creatividade dos escolares participantes na VIII edición do Festival Arte pola Igualdade nas Letras Galegas [1]
Cinco centros de ensino da Coruña foron os protagonistas deste evento que busca difundir os valores da lingua e a diversidade no eido educativo
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu hoxe á VIII edición do Festival Arte pola Igualdade nas Letras Galegas, celebrado no Teatro Colón, e no que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Acompañounos Xosé Manuel G. Reboredo, en representación da Fundación Antonio Fraguas Fraguas.
O evento, impulsado polas consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Cultura e Turismo, réndelle homenaxe este ano a Antonio Fraguas cun cartel no que participan cinco centros de ensino da Coruña: O CEE Nosa Señora do Rosario, o CEE María Mariño, o CMUS Profesional da Coruña, o CEIP Eusebio da Guarda e o CEIP Luís Seoane.
Carmen Pomar agradeceu o “despregue de arte e creatividade” amosado polo alumnado destes centros na elaboración do cartel, así como aos colexios O Mosteirón (Sada) e Anxo da Garda (A Coruña) pola adaptación a pictogramas do conto “O casamento da pulga”, e aos CIFPs Anxel Casal-Montealto e Imaxe e Son (ambos da Coruña) e Leixa (Ferrol) pola súa colaboración no festival. “Proxectos coma este -dixo a conselleira- danlle sentido ao noso labor a prol da educación, a atención a diversidade e a lingua galega”.
O cartel do festival -que busca espallar os valores da lingua e da diversidade no eido educativo- incluíu un desfile de traxes tradicionais galegos, a dramatización da cantiga O casamento da pulga” e a representación da peza teatral Belulo.