O secretario xeral técnico de Cultura e Educación reuniuse coa directiva do CEIP de Sigüeiro, a Ampa e o alcalde de Oroso para falar do novo CEIP que comezará a funcionar o vindeiro curso [1]
A Consellería está realizando unha zonificación do concello de Oroso para adscribir aos alumnos do término municipal nos dous centros. O alumnado transportado continuará no CEIP Sigüeiro, ao que tamén acudirán os das inmediacións do centro educativo
A vindeira semana farase público no centro un anuncio das áreas de influencia de ambos centros, para que así os pais poidan manifestar as súas preferencias de acordo aos criterios anteriores
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, reuniuse coa dirección e o xefe de estudos do CEIP Sigüeiro para comunicarlle a posta en marcha do novo centro de estudos na localidade para o vindeiro curso 2014/2015. As instalacións do novo CEIP de Oroso, que contará con tres unidades de infantil e seis de primaria, terá capacidade para 450 alumnas e alumnos.
Para a posta en funcionamento do novo centro a Consellería está a facer unha zonificación do concello de Oroso para adscribir aos alumnos do término municipal nos dous centros. O alumnado transportado continuará no CEIP Sigüeiro, ao que tamén acudirán os das inmediacións do centro educativo.
Previsiblemente en xullo publicarase o decreto de creación do centro educativo, o que suporá a dotación de profesorado do mesmo.
Estado das obras
As obras é de esperar que rematen a finais do mes de xullo, pero quedan pendentes de realizar as conexións exteriores coa rede de saneamento e as acometidas eléctricas e de gas. Ademais, Jesús Oitavén comunicoulle ao alcalde a necesidade de alterar o rasanteo da vía de acceso ao centro para que se adecúe ao planeamento urbanístico e aos documentos técnicos que serviron de base para elaborar o proxecto. Estas incidencias, tanto a obriga das acometidas municipais, como a adecuación da vía, xa foron comunicadas previamente e por escrito ao Concello de Oroso.
Servizo de Comedor
A Consellería de Cultura e Educación comunicou aos pais e o director do novo centro que este non contará con servizo de comedor xestionado polo departamento autonómico. Non obstante, a fin de permitir conciliar a vida familiar e laboral dos pais, a Consellería presentou dúas alternativas. Unha, na que a xestión dos comedores escolares sería xestionada polos concellos, de forma semellante aos doutros municipios galegos. Desta forma, o ente autonómico financiaría unha parte do menú escolar, correndo por parte do concello a contratación do comedor e a aprobación da ordenanza reguladora.
Na segunda proposta, no caso de que a primeira sexa desbotada, a ANPA xestionaría este servizo, de xeito que estaría ulteriormente financiado pola Consellería mediante a convocatoria de subvencións a comedores por parte das ANPAS. A xuntanza mantida, finalizou co anuncio de que a Consellería comunicará ao concello unha data para o cumprimento das obras municipais, á que se axuntará un borrador co convenio de xestión de comedores para o seu estudio.
Características do centro
O colexio ocupará máis de cinco mil metros cadrados construídos, así como un pavillón de máis de mil metros cadrados. O novo centro educativo estrutúrase en dúas plantas e un semisoto, este último destinado ao aparcadoiro, servizos hixiénicos e almacén.
No primeiro andar se situará a zona administrativa e unha gran sala de usos múltiples que está situada ao lado do ximnasio o que permitirá ter un amplo espazo de 280 metros cadrados. Ademais nesta planta tamén haberá seis aulas de educación infantil e o comedor, así como outras instalacións e servizos xerais. No segundo andar se ubicaranse 12 aulas de primaria, e as de recursos especiais, e música. Ademais, estarán as de informática e a biblioteca, que poderán unirse dando paso a un aula única de máis de cen metros cadrados. A inversión da consellería de Cultura e Educación do novo CEIP de Oroso supera os 4,8 millóns de euros.