A Xunta presenta a terceira nova xornada de formación inicial do Plan Proxecta relativa a actividade física e destinados a máis de 24.000 escolares galegos [1]
A esta xornada formativa asistiron máis de 100 profesoras e profesores de toda Galicia
Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas
No curso 2013-2014 “Proxecta” chega a máis de 84.000 estudantes de 433 centros que desenvolven máis de oitocentos proxectos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentaron hoxe pola mañá en Santiago a terceira xornada de formación inicial do Plan Proxecta. Nesta ocasión centrada nos programadas desenvolvidos a través do departamento de deportes da Xunta e que están englobados en Xogade, Deportivo do Centro, e Máis e Mellor Actividade Física. A actividade formativa, dirixida a máis de 100 profesores de toda Galicia desenvolveuse no CIFP Politécnico de Santiago, e nela tamén estivo presente o directo xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.
Durante a inauguración o conselleiro destacou a importancia desta acción xa que, tal e como dixo “trátase de conseguir unha mellora nas dinámicas educativas nos centros, que supoñan un avance e unha motivación a través da que o alumnado poida adquirir as competencias e coñecementos que o leven a unha posición crítica e autónoma”. Ademais Vázquez Abad agradeceu o traballo desenvolvido desde os centros e polos docentes sinalando que “nas cifras deste curso teñen moito que ver os docentes, aos que nunca me cansarei de agradecer o seu traballo, esforzo e implicación. Pero aos que queremos dar algo máis que palabras, mellorando a súa formación, o seu recoñecemento social e recuperando o prestixio dunha das profesións máis importantes, xa que afecta ao futuro da nosa sociedade”.
Sobre o programa deportivo da xornada de hoxe sinalou que “son temas fundamentais para o desenvolvemento do noso alumnado, xa que a creación de hábitos saudables en idades temperás vai ser determinante no seu mantemento ao longo da xuventude e a vida adulta. A chama da creatividade –fonte necesaria da innovación educativa- prende nos proxectosque o profesorado pon en marcha nos seus centros. E aliméntase de iniciativa, inventiva, orixinalidade, cambio, risco, adaptación..., pero, sobre todo, de cooperación e valores comúns, imprescindibles neste proceso de mellora. Na práctica educativa nas aulas, a innovación está ligada, como dicimos, á creatividade, transformando as prácticas educativas para adecualas aos requirimentos persoais e sociais de formación humana, científica, cultural e profesional. Indagando novas ideas, propostas e achegas para a solución de problemas”.
Programa deportivo
O secretario xeral para o Deporte quixo comezar agradecendo á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e moi especialmente ó seu titular, Xesús Vázquez, o seu decidido impulso por incorporar no marco do PROXECTA as tres iniciativas de fomento da actividade física e o deporte: XOGADE, Máis e Mellor Actividade Física e o Proxecto Deportivo de Centro.
Tamén quixo agradecer á comunidade educativa, e en especial ao profesorado que está desenvolvendo estes programas, o seu traballo e dedicación. Unha dedicación que, seguindo cos resultados da pasada edición, terá por froito que más de 200 centros educativos, participen nesta iniciativa conxunta de Educación e Deportes, xerando outras tantas actuacións.
Os resultados son esperanzadores: os programas deportivos de PROXECTA, e os demais postos en marcha no ámbito educativo pola secretaría xeral para o Deporte, veñen de posibilitar que, en cada curso escolar, máis de 50.000 nenos e nenas de Galicia realicen unha actividade física saudable, obxectivo final destes programas e do xenérico do Plan Galicia Saudable, actuación da administración autonómica destinada a xeneralizar a práctica de actividade física como ferramenta de saúde e de calidade de vida en tódalas idades.
Cómpre sinalar, que en concreto o Plan Proxecta desenvolvido conxuntamente entre Cultura e Educación e Deportes chega a 15.976 estudantes de primaria e ESO e 690 docentes no programa “Xogade”; mentres que no “Deportivo de Centro” participan 7.295 alumnas e alumnos de todos os cursos e 150 profesores. Ademais no programa “Máis e Mellor Actividade Física” para 1.050 nenas e nenos de primaria e 103 docentes.
Estes programas teñen como obxectivo que os estudantes, grazas á colaboración e traballo realizado polos docentes participen en actividades de carácter lúdico e transversal para o fomento de actividade física. Ademais créanse unidades de promoción de actividade física saudables nos colexios e desenvólvense horas lectivas de Coñecemento do Medio en colaboración co profesorado de Educación Física.
A xornada formativa
Así na xornada de hoxe os docentes asistentes tiveron dúas comunicacións centradas na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións enfocadas tanto as características específicas e as dinámicas de cada programa, como en exemplos de programas desenvolvidos en aulas de centros educativos, e dadas a coñecer por responsables de ditos programas nestes colexios. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.
Fomento da innovación educativa nos centros escolares
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.
Así no curso 2013-2014 desenvólvense en total 876 proxectos que implican a máis de 5.000 profesoras e profesores de 433 centros educativos, chegando a 84.873 alumnas e alumnos.
Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.
O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.