A Xunta ofrece unha nova xornada de formación inicial do Plan Proxecta centrada nos programas Aliménta-T Ben, O Monte Vivo, Montentérate e Salvavidas, destinados a máis de 28.000 escolares galegos [1]
A esta xornada formativa asistiron máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia
Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coas Consellerías de Medio Rural e do Mar e a Consellería de Sanidade, organiza a segunda Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta: Programas Aliménta-T Ben, O Monte Vivo, Montentérate e Salvavidas. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentou esta mañá no CIFP Politécnico de Santiago esta actividade formativa dirixida a máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia.
A xornada ofreceu un bloque común centrado na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións centradas tanto nas características específicas e nas dinámicas de cada programa, como en exemplos de boas prácticas realizadas nas aulas. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.
Fomento da innovación educativa nos centros escolares
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.
Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.
Trátase dunha idea xurdida da colaboración da Consellería de Cultura e Educación con diferentes organismos da Administración autonómica que facilita a organización a principios de curso dos 25 programas e que permite integralos na Programación Xeral Anual dos centros e nas programacións específicas dos centros participantes. Deste xeito, ao tempo que se crea unha rede de traballo cooperativo, dáselle visibilidade ao traballo innovador realizado nos centros e recoñécese o traballo e o esforzo realizado polo profesorado, os centros e o seu alumnado.
O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.
File: