O conselleiro de Cultura e Educación reúnese cun grupo de docentes que realizarán estadías no Canadá para mellorar os seus coñecementos de linguas estranxeiras [1]
Os profesores obtiveron unha licenza por estudos, no marco da convocatoria realizada pola Consellería, á que se dedicou preto de 1’5 millóns de euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse esta mañá cun grupo de profesores e profesoras seleccionados para participar na actividade de integración en Canadá durante o mes de outubro froito do acordo bilateral co goberno de educación de Alberta e o departamento educativo en materia de linguas estranxeiras da Xunta de Galicia.
A actividade forma parte da convocatoria de licenzas por formación para o curso 2013-2014 destinadas a funcionarios docentes non universitarios e da Resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se realiza a oferta pública de formación permanente do profesorado en linguas estranxeiras no exterior.
Cómpre lembrar que, froito do compromiso da Consellería coa formación do profesorado como garantía para a mellora da calidade do ensino e da excelencia, este ano convocáronse ata 361 prazas para licenzas por estudos neste curso 2013-2014, dirixidas ao persoal docente de carreira, o que supuxo un investimento de arredor de 1,5 millóns de euros.
A estadía
O obxectivo deste programa é á integración plena do profesorado seleccionado na vida diaria do centro educativo adxudicado, nas diferentes clases e nas celebracións e festividades que realice dito centro. Os docentes proceden dos IES Xulián Magariños (Negreira), IES de Mugardos, CEIP O Couto (Ourense), CEIP de San Roque de Darbo (Cangas), CEIP Magaláns-Dorrón (Sanxenxo), CEIP da Carrasqueira (Vigo), IES A Guía (Vigo), IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), CEIP de Meaño-As Covas (Meaño), e CEIP Xulio Camba Pontevedra (Vilanova de Arousa).
A estadía en centros de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria comezará o 7 de outubro e rematará o 2 de novembro. As cidades onde se levará esta actividade de integración son Calgary e Edmonton na rexión de Alberta en Canadá.
Os docentes seleccionados son 6 profesores e profesoras de educación primaria especialistas en lingua inglesa e non especialistas que contan coa acreditación do nivel B2 do MCERL así como 4 profesores e profesoras de ensino secundario que tamén contan coa correspondente acreditación.