Un futuro que xa é presente

Xornada de marketing e comercialización dirixida a profesionais do sector audiovisual
Data: 
martes, 16 de outubro de 2012
Lugar: 
Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) nunha xornada sobre marketing e comercialización dirixida aos profesionais do sector audiovisual. Organizada baixo o eixo temático Un Futuro que xa é Presente, celebrarase o vindeiro martes 16 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago coa participación de máis dun centenar de inscritos e destacados expertos na materia.

Subvencionada pola Consellería a través das axudas ao asociacionismo profesional que convoca a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e co apoio tamén de EGEDA (Entidad de Gestión de Derechos de los Productores), a xornada desenvolverase en horario matinal ao redor de dúas mesas redondas, nas que intervirán como relatores e moderadores especialistas no ámbito do posicionamento no mercado dos produtos audiovisuais desde un enfoque eminentemente práctico.

Inmediatamente a continuación do acto inaugural, que está previsto leven a cabo Dolores Ben, presidenta da AGAPI e Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias de Comunicación, iniciarase ás 10:30 horas a primeira das mesas redondas programadas, a partir do título É rentable o gratuíto? Novas formas de monetizar contidos. Nela participarán César González (CEO de Contact Comunicación) e Lolo Rey (de Marketing Online, Mobile Marketing, Social Media Strategist e Televisión Interactiva), ademais de Pancho Casal (administrador xeral de Continental Producciones) no papel de moderador.

A partir das 12:30 horas darase pase á segunda das temáticas propostas, centrada na estratexia da estrea simultánea. Desta volta tomarán a palabra Alfonso Martínez (responsable de contidos e marketing audiovisual de R), Juan Alía (director de filmotech.com/Plataformas VEO) e Juan Carlos Tous (socio fundador de Cameo Filmin). Como moderadora exercerá Zaza Ceballos, directora de Zenit TV.

 

Programa da Xornada

Palabras clave: