Conectando co usuario na biblioteca dun centro de ensino postobrigatorio

Eugenia García Canle
Profesora de Formación e Orientación Laboral e coordinadora da biblioteca
IES Universidade Laboral (Culleredo)
canle@edu.xunta.es

Hai tres anos iniciabamos unha aventura por un labirinto de dúbidas, atrancos e logros (que tamén os hai) para atoparmos a función que debe ter unha biblioteca escolar nun centro tan peculiar coma o IES Universidade Laboral de Culleredo. A falta de modelos de referencia (poucos centros educativos cun perfil de alumnado tan singular) obrigounos a “explorar” pola nosa conta, seguindo o lema deste ano das Bibliotecas Escolares.

Explorando o territorio: mapa de situación

 

O equipo de exploradores

A biblioteca do IES Universidade Laboral comezou unha nova etapa no curso 2012/13 cando, tras permanecer pechada por mor dunhas deficiencias arquitectónicas, se trasladou a unha nova localización na antiga capela. O pulo decisivo do equipo directivo ao destinar un importante orzamento á dotación de novo mobiliario e equipamento, xa no curso 2013/14, e a constitución dun equipo de biblioteca (inexistente ata ese momento) fixeron o resto. De aquí xurdiu o proxecto co que iniciamos a nosa traxectoria no PLAMBE no curso 2014/15.

Poderiamos dicir que a biblioteca era de nova creación, xa que abría as súas portas nun novo espazo, cun novo equipo e cunha nova filosofía de traballo. A biblioteca tiña que organizarse desde cero, xa que o anterior responsable se xubilaba. Durante anos esta persoa desenvolveu as súas tarefas sen apoio do resto do profesorado, que xa estaba afeito a traballar de costas á biblioteca, dado o longo tempo que esta permaneceu pechada. O novo equipo da biblioteca formouse reflectindo a variedade de especialidades de profesorado do centro, con maior peso no equipo do profesorado de formación profesional. O principal reto era coordinar un equipo pouco formado, sen protocolos de traballo, con pouca dispoñibilidade horaria. Moitos de nós (coordinadora incluída) non sabiamos nin o que era a CDU, nin como se facía unha etiqueta, nin oiramos falar de actividades ALFIN.

As nosas credenciais de “exploradores-bibliotecarios” eran, xa vedes, peculiares, e o noso currículo bastante escaso.

 

Os usuarios

Toca, pois, falar do noso alumnado, dos usuarios para os que tiñamos que “crear” a nova biblioteca. A principal singularidade é que, malia estarmos a falar dunha biblioteca escolar, o alumnado do centro é na súa maioría adulto, cunha efémera permanencia neste. Isto supón dificultades para crear dinámicas nos alumnos e obriga a traballar a curto prazo, sen podermos establecer hábitos de uso que perduren no tempo.

No centro están matriculados máis de mil alumnos, case todos de ensino postobrigatorio, e a maioría deles supera os dezaoito anos. Pódense distinguir (no centro) dous grupos principais e ben diferenciados: alumnado de bacharelato (uns 250) e alumnado de ciclos formativos (arredor de 800 alumnos). A única característica que comparten é que non pasarán no centro máis de dous cursos académicos, o que dificulta a súa vinculación ao centro e ás súas actividades. Son alumnos que se senten de paso, que non conectan co instituto, ao que consideran mero instrumento para obter o seu título académico.

Polo que respecta ao alumnado de ciclos formativos, as especialidades que se imparten no centro son técnicas, destinadas a un alumnado maioritariamente masculino, das familias de Electricidade e Electrónica, Instalación e Mantemento e Actividades Marítimo-Pesqueiras, fundamentalmente. Tamén contamos con ciclos de Animación Deportiva e as ensinanzas deportivas da especialidade de Fútbol. Todos os ciclos teñen moita carga práctica en talleres, así como módulos técnicos, impartidos en aulas tecnoloxicamente ben equipadas. O centro conta con máis de cincocentos equipos informáticos, con múltiples aulas con cadanseu posto de ordenador para os alumnos. O equipo TIC do centro fixo, ademais, un gran labor estes anos e conseguiu xeneralizar o uso de aulas virtuais como ferramenta de traballo de moitos profesores. Isto leva consigo que tanto alumnos como profesores teñan solucionadas na propia aula (física e virtual) moitas das necesidades informacionais e consideran que a biblioteca non lles vai xerar beneficios adicionais. Por outra banda, o alumnado de ciclos formativos é dunha inmensa variedade de idade, formación, procedencia xeográfica e social, necesidades e intereses. De sempre, este alumnado caracterizouse pola súa diversidade pero nos últimos tempos acentuouse aínda máis. A crise económica e a dificultade para atopar traballo trouxo de novo ás aulas dos centros de formación profesional a alumnado adulto que trata de acadar nova cualificación profesional para acceder ao mercado laboral.

Polo que respecta ao alumnado de bacharelato, cando, desde a biblioteca se pensa en impulsar algunha actividade que puidese ser acaída para eles, os destinatarios quedan reducidos ao alumnado de primeiro curso. É difícil lograr a participación do alumnado de segundo de bacharelato, xa que sempre se alega a falta de tempo para impartir os contidos dese curso cara ao exame da selectividade.

O outro grupo de usuarios da biblioteca son os profesores do centro. Como se dixo, non existía rutina de traballo coa biblioteca, que funcionaba como simple depósito de libros. A ausencia de alumnado dos niveis de ensino obrigatorio, que esixe outras dinámicas de traballo nas que ten máis fácil encaixe a biblioteca, determinou a case nula utilización da biblioteca como recurso metodolóxico. O profesorado que imparte docencia nos ciclos formativos non considera a biblioteca nas súas programacións: os currículos son moi densos, as competencias instrumentais adquírense nos talleres e as dúbidas técnicas poden resolverse na propia aula, dotada con equipamento TIC.

Prospeccións iniciais. Primeiras experiencias

Así as cousas, quedaba claro que algunhas rutas eran demasiado escarpadas e dificultosas para unha primeira exploración. Non era aconsellable acometelas sen a compaña dun profesorado convencido, que fixese de sherpa. Había que optar por camiños transitables que fosen doados de percorrer en solitario polo equipo da biblioteca, ata sermos quen de facer partícipe o resto do claustro. Non corren tempos propicios para lle solicitar esforzos adicionais a un profesorado desmotivado e cargado de traballo. Recortes no cadro de persoal, rumores de supresión das ensinanzas de bacharelato no centro e de conversión en CIFP (centro integrado de formación profesional), horarios sobrecargados, son a conversa do día a día. Non sorprende, nestas circunstancias, ter nula resposta cando desde a biblioteca se solicita colaboración para algunha actividade. Isto, claro, aprendémolo pronto.

A opción que nos quedaba era seguirmos o antigo lema que se usaba nos anos setenta para falar das nais: “Dar moito, pedir pouco”. Mexeriqueiro quizais, pero realista e acaído para o caso. O de “dar moito” non sei se o estamos a lograr, pero “pedir” procuramos que sexa o mínimo. Así non levamos decepcións.

Eramos conscientes, pois, de que non poderiamos seguir as dinámicas habituais doutras bibliotecas escolares ao uso. Dificilmente iamos encher a biblioteca con grupos escolares traballando unha materia co seu profesor, pero si estabamos firmemente convencidos de podermos desempeñar un papel imprescindible no centro.

A nosa visión da biblioteca sempre foi crear un espazo para a convivencia, para a adquisición de habilidades sociais e de comunicación, que funcione como instrumento para a compensación das desigualdades. Cremos que a nosa biblioteca ten que operar como un mecanismo de difusión cultural, tanto máis nestes tempos algo grises, onde os medios de difusión masiva machacan cos seus contidos homoxeneizadores e baleiros.

Procuraremos facer unha exposición das actuacións que segundo esta visión estamos levando adiante. Prescindiremos de mencionar as actividades que coinciden máis co que se está a facer noutras bibliotecas escolares para destacar aqueloutras máis diferenciadas e singulares e que tratan de adaptarse ao perfil do noso alumnado. Tampouco enumeraremos as dificultades. Penso que xa se deducen do que levamos dito e que ademais, aquí si, coinciden coas que se encontra calquera que coordine unha biblioteca escolar. Como veredes, as nosas achegas son poucas e modestas. Aínda andamos polo primeiro nivel no carné de explorador...

 

Adaptando o tempo e o espazo

A tipoloxía do noso alumnado demanda un horario continuado de apertura da biblioteca. É certo que o alumnado de bacharelato acode maioritariamente nos recreos para retirar ou devolver fondos, facer uso da wifi ou dos equipos informáticos. Mentres, o alumnado de ciclos formativos (adulto nun 95 %) usa os servizos da biblioteca (préstamo, espazo de lectura e estudo, acceso a internet, uso de equipos informáticos, impresión de currículos profesionais ou outros documentos de curta extensión...) en todas as franxas horarias porque é frecuente que non teña que cursar todos os módulos por validación ou aprobados anteriores, ou toma as súas decisións de non acudir a parte das clases, para estudar ou adiantar traballo doutros módulos, de xeito similar ao que acontece nas bibliotecas universitarias.

Se peculiar é o centro, tamén o é o espazo da propia biblioteca. A antiga capela do centro converteuse nun lugar moderno, luminoso, acolledor, con pezas de enorme personalidade que se optou por conservar pola súa singularidade. Deste xeito, o enorme altar, formado por un bloque de pedra dunha soa peza, fai agora as veces de expositor de novidades e a antiga sacristía quedou transformada na aula de traballo colaborativo, na que se traballa en equipo, se realizan charlas ou reunións ou se desenvolven algunhas das actividades das que se falará posteriormente, como os English Coffee.

Organizamos un novo centro de interese dentro do espazo da biblioteca: O Curruncho do Emprego. Pensamos que a preocupación principal do noso alumnado é conseguir un posto de traballo ao finalizar os seus estudos. Por iso, creamos este novo espazo onde o usuario poida atopar materiais sobre emprego e emprendemento, ofertas de traballo, cursos e enlaces que lle poidan axudar na súa inserción no mercado laboral.

 Visión xeral biblioteca

Formando usuarios autónomos

Temos que darnos a coñecer e xerar no potencial usuario un interese suficiente para que de motu proprio nos visite. Poucas veces imos poder ofrecerlle actividades dirixidas, dado que o profesorado (de momento) non encontra tempo nin encaixe no currículo da súa materia para traballar na biblioteca.

Xa mencionamos que o alumnado do centro se renova por metades cada ano, de xeito que todo o alumnado de primeiro de bacharelato e primeiro de ciclos formativos descoñece o funcionamento e mesmo a propia existencia da biblioteca, moi mal situada, afastada das aulas, noutro pavillón. Aínda que deseñamos unhas actividades formais de formación de usuarios, non somos quen de chegar a todos os grupos do centro. Por iso, desenvolvemos outras actuacións buscando que os potenciais usuarios da biblioteca (alumnado e profesorado) nos visiten e coñezan as instalacións e o funcionamento, dun xeito máis informal. De aí, por exemplo, que fose na biblioteca onde se recolleron os alimentos da Campaña Solidaria de Nadal do ano pasado. Foi unha actividade dobremente satisfactoria: conseguimos moitos quilos de alimentos e moitos novos usuarios. De feito, moitas das actividades potenciadas desde a biblioteca (charlas, exposicións...) teñen como finalidade secundaria dar a coñecer a biblioteca e servir de “desculpa” para visitala.

 Actividade de formación de usuarios con alumnado de ciclos formativos

Facendo actividades de difusión cultural

Como diciamos, a nosa proposta pasa por converter a biblioteca nun mecanismo de difusión cultural, que provoque outro xeito de vivir o centro. Cremos firmemente que os centros educativos teñen a obriga de lle dar ao alumnado unha oportunidade de gozar en primeira persoa dunha experiencia cultural, diferente á que se pode atopar nas aulas.

Queremos comentar dúas presentacións de libros celebradas na biblioteca nas que pensamos que conseguimos adaptarnos aos gustos e intereses do noso alumnado.

O primeiro libro que se presentou no noso primeiro ano de funcionamento foi Mar de paixón de Héctor Pose e Luis Porto. Escollemos este libro, que xira arredor do fútbol base na Costa da Morte, debido a que moitos dos nosos alumnos proceden desa zona, e outros están a cursar o ciclo superior de Animación Deportiva ou ciclos de Fútbol. A filosofía do libro e a exposición dos motivos que levaron os seus autores a acometer esta obra parecéronnos moi atractivas: facer protagonista dun libro a xente humilde que practicamente nunca tivera un exemplar nas súas mans e, de súpeto, atopa o seu nome e incluso a súa fotografía nun libro. O abraio que causou no alumnado esta exposición provocou que a fila para mercar o libro e obter a sinatura dos autores fose asombrosa. Nunca pensaran que nun libro poderían atopar o retrato fiel da historia colectiva da xente desas vilas mariñeiras, no que o fútbol funcionaba de aglutinante desas vivencias.

Asinando libros na biblioteca

O ano pasado novamente tratamos de buscar unha obra que lle falase ao alumnado da súa realidade máis próxima. Que mellor que invitar a Xurxo Souto para que lle comentase o seu último libro Contos do mar de Irlanda ao noso alumnado da familia profesional de Marítimo Pesqueira. Hai que salientar que, tradicionalmente, o noso alumnado procede de toda a xeografía galega, particularmente da Costa da Morte. Foi doado para Xurxo atopar rapaces veciños das mesmas vilas ca os protagonistas do seu libro. A empatía foi instantánea e a festa quedou plasmada no noso blog. Cantamos e reflexionamos sobre a nosa identidade como pobo. Comprobamos que Galicia non é a fin da terra, senón o centro do mar. Sendo o mar o protagonista, un alumno que está cursando un ciclo medio de Pesca pode gozar enormemente coa presentación dun libro por parte do seu autor. Para nós resultou unha experiencia deliciosa ver en directo o espectáculo: un lote de alumnos metidos de cheo no mundo literario (ou estabamos a falar do mundo real?). Xusto o que queriamos.

 Presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

 

 

Traballando valores

Fixemos a nosa biblioteca máis solidaria coa campaña 50 Días de Solidariedade, na que se recolleron case 500 kg de alimentos, que foron doados ao banco de alimentos Rías Altas. Neses días tivemos ocasión de escoitar na biblioteca a testemuña de dúas cooperantes que nos contaron a súas experiencias.

Traballamos a concienciación contra o maltrato coa nosa campaña en Twitter e sobre as condicións laborais do traballo da muller, organizando, en colaboración co departamento de FOL, co gallo do Día da Muller Traballadora, unha conferencia sobre o traballo da muller nun sector tan complexo como é o mundo do mar. Recordamos que o auditorio, o noso alumnado, é maioritariamente masculino e moitos deles traballarán (ou estano a facer xa) neste sector.

 

Centralizando recursos

Unha das nosas propostas mellor acollida foi a posta en marcha do club de conversa en inglés, English Break. Para esta actividade cóntase coa colaboración do Departamento de Inglés e do profesorado con sección bilingüe na súa materia. Organizáronse grupos de diferentes niveis para que nos recreos e nalgunhas franxas horarias un grupo informal de profesores, persoal non docente e alumnos melloren as súas competencias lingüísticas en lingua inglesa. A actividade desenvólvese na aula de traballo colaborativo. Pensamos que permite non só mellorar as competencias do alumnado e profesorado, senón que, asemade, funciona como mecanismo compensador de desigualdades ao permitir de balde o acceso a un recurso de elevado custo no mercado. Así mesmo, colaboramos ao mellor desenvolvemento dos programas europeos nos que participa o centro (Eramus+, Academia, PIALE, VetPro...). Un exemplo diferente de biblioteca como espazo de aprendizaxe e centralizador de recursos.

 Sesións de English Coffee

Achados das nosas exploracións

  • Aínda que cada centro é singular, sempre queda un espazo baleiro que a biblioteca pode encher.
  • Todas as actividades que se fagan poden impactar nos usuarios aínda que parezan insignificantes.
  • Incluso en ambientes non favorables, a actuación da biblioteca acaba modificando as dinámicas de traballo no centro.
  • Os centros educativos deben ser algo máis ca un conxunto de aulas e ofrecerlles aos estudantes a oportunidade de teren experiencias de aprendizaxe integradoras. Este rol debe ser asumido pola biblioteca escolar, convertida nun centro de recursos ao servizo dos seus usuarios
  •  

Novos territorios

Chegado o momento de facer reconto, é evidente que a biblioteca que temos hoxe non se parece á que abrimos hai tres anos. Pero o centro tampouco é o mesmo. Non sabemos se a biblioteca tivo algo que ver neste cambio, pero si sabemos que formamos parte do cambio. Un exemplo, a última suxestión do equipo directivo: coordinar a elaboración dun boletín do centro, inexistente ata agora. Esperamos ter o noso primeiro número para decembro. Parece que empezamos a ser percibidos como aglutinador, como eixe central e catalizador de recursos do centro.

Como vedes, seguimos na tarefa... Queda moito por facer e moito territorio por explorar.

Sección: