Cousas do surrealismo

Ana Delia Rodríguez Dorrego
IES Aquis Querquernis (Bande-Ourense)
ana.delia.rodriguez@edu.xunta.es

 

Introdución

Cousas do Surrealismo é un proxecto artístico no que participaron un total de 29 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto da ESO do IES Aquis Querquernis de Bande (Ourense), seguindo unha liña temática semellante á da exposición inaugurada o 29 de febreiro de 2008 no museo Guggenheim de Bilbao, na cal se exploraba a influencia do surrealismo no mundo do deseño, teatro, moda, cine…

O proxecto foi realizado desde a materia de Educación Plástica e Visual e tivo como obxectivo principal mergullar o alumnado no ismo máis irreverente, irracional e onírico de vangardas a partir de catro bloques de contidos interrelacionados (historia da arte, filosofía, técnica e linguaxe), seguindo as distintas fases do proceso creativo.

 

Que é o surrealismo?

O surrealismo é un movemento artístico e literario que xorde en Francia nos anos vinte e deriva doutro movemento artístico coñecido co nome de dadaísmo. Os seus principias impulsores foron Guillaume Apollinaire e André Bretón, ambos os dous poetas. A principal intención deste movemento foi cambiar o mundo daquela época salpicada polas grandes guerras mediante a liberación dos sentidos e da mente das persoas a través da arte. Por este motivo, os artistas trataron de liberar o seu ser xogando, experimentando, buscando no subconsciente e, sobre todo, soñando. André Bretón adoitaba denominar este movemento como  “un novo vicio co que mudar o mundo”.

Así foi como apareceu un dos ismos de vangardas máis rebelde, provocador, subversivo e ilóxico. Por este motivo, cando nos referimos, na linguaxe cotiá, a algo que dicimos que é surrealista, é para expresar que é estraño, chocante ou excéntrico pero, en realidade, o termo “surrealismo” apareceu por primeira vez no 1917, foi inventado por Guillaume Apollinaire e empregado para describir a súa obra Las tetas de Tiresias como un drama surrealista e tamén para cualificar o ballet Parade como un ballet que “ía máis alá do surrealismo”, máis alá do tolerable.

Ao movemento surrealista pertenceron artistas como Salvador Dalí, Joan Miró, Giorgio de Chirico, Man Ray, René Magritte, Marc Chagall, Paul Klee, Eugenio Granell, Luís Buñuel, Francis Picabia, Maruja Mallo, Marx Ernt, Méret Oppenheim… artistas que consultou o alumnado de terceiro e cuarto da ESO  para desenvolver os seus traballos. Indagaron ademais sobre as principais características que definen o estilo. Algunhas  delas son as seguintes:

  • Crear a partir de técnicas baseadas nos conceptos psicanalíticos de Sigmund Freud.
  • Interpretar a realidade desde o soño, o inconsciente, a maxia e a irracionalidade.
  • Mesturar imaxes dispares (reais ou irreais).
  • Empregar imaxes polivalentes suxeitas a ser interpretadas de varios xeitos.
  • Xogar co tempo, espazo e perspectivas.
  • Empregar o paradoxal, o absurdo, o misterioso e simboloxías eróticas e sexuais.
  • Conxugar obxectos cotiáns dotados doutra significación diferente á convencional.
  • Intervención do azar no proceso creativo.
  • Gusto pola experimentación: descubrimento e emprego de técnicas artísticas como o cadáver exquisito, colaxe, frottage, decalcomanía, caligrama ou debuxo automático entre moitas outras.

 

O proxecto

O proxecto xorde do Departamento de Debuxo do IES banduense, concretamente da materia de Plástica, como unha actividade pedagóxica alternativa que pretende o desenvolvemento do coñecemento propio e emancipado mediante a busca de información e experimentación, ademais de fomentar a paixón pola aprendizaxe, o traballo e  a súa exhibición.

Un proxecto artístico que ten como punto de partida o surrealismo e segue unha liña semellante á seguida na exposición inaugurada o 29 de febreiro de 2008 no Museo Guggenheim de Bilbao. Unha exposición organizada polo prestixioso Victoria & Albert Museum e coproducida polo museo bilbaíno na cal se explorou a influencia do surrealismo no mundo do deseño, teatro, moda, cine etc.

Para abordar este proxecto artístico-pedagóxico os escolares tiveron que estudar e analizar o contexto histórico no que se desenvolveu o surrealismo, as súas características, autores e obras principais, filosofía do movemento,  técnicas artísticas empregadas e linguaxe visual propia do estilo.

Cada un dos alumnos desenvolveu un proxecto artístico individual, agás catro alumnos que o fixeron por parellas. Todos os proxectos foron diferentes, desde o enfoque ata a resolución plástica, e orixináronse así obras pertencentes a múltiples e diversas disciplinas artísticas. Deste xeito, Cousas do Surrealismo incluíu pinturas, esculturas, vestiario, fotografía, instalación, ready-made, videoarte e performances. Estas obras, unha vez rematadas, expuxéronse na Casa do Concello de Bande, onde a mostra permaneceu unha semana aberta ao publico.

Metodoloxía

O proxecto artístico desenvolveuse ao longo dun mes (desde o 12 de maio ao 12 de xuño) e pasou por diferentes etapas.

PRIMEIRA ETAPA: exposición do proxecto e clase teórica

A profesora de Educación Plástica e Visual que dirixe o proxecto, Ana Delia Rodríguez Dorrego, dedica varias clases para facer unha introdución ao proxecto, explicar en que consiste e lanzar a súa liña temática (o surrealismo) para posteriormente explicar como emerxe o movemento, a súa filosofía, linguaxe visual, características e principais artistas.

SEGUNDA ETAPA: preparación

Cada alumno busca información sobre o estilo artístico, analiza e xera unha pequena tormenta de ideas para o seu proxecto persoal.

TERCEIRA ETAPA: incubación

Os alumnos seleccionan as súas ideas para o proxecto, expoñen e xustifican a súas ideas diante da profesora e do resto dos compañeiros coa finalidade de que todos os compañeiros saiban que van facer os demais e poidan achegar ideas aos proxectos alleos. Posteriormente planifican como van desenvolver o proxecto.

CUARTA ETAPA: produción

Os estudantes pasan á fase de executar a obra, facer realidade as súas ideas. Na fase do proceso de execución cada alumno tivo que facer fronte a diversos problemas, tanto técnicos como conceptuais, que foron xurdindo ao longo do proceso creativo, e formular alternativas para resolvelos.

QUINTA ETAPA: autoavaliación

Nesta fase o alumno comproba se o seu traballo logrou alcanzar a idea proposta nun comezo e se ten un bo acabado para poder ser exposto.

SEXTA ETAPA: montaxe da obra no espazo expositivo e publicitación

Unha vez avaliadas as obras, o alumnado buscou o lugar máis axeitado dentro do salón de actos do Concello de Bande para colocar e presentar os seus respectivos traballos.

Nesta etapa, os escolares tamén tiveron que facer propaganda da mostra colocando carteis e repartindo folletos nas diferentes localidades do concello de Bande.

 Alumnos traballando na clase

 

Algunhas obras do proxecto

A maioría do alumnado elixiu un artista surrealista como referente para elaborar a súas obras. Anabel Neira fixo unha copia dun fragmento do cadro de Salvador Dalí La persistencia de la memoria para empregar como pano de fondo na súa performance.

Cadro Vivant Dalí. Anabel Neira

 

Alba Pérez interpretou o cadro El hijo del hombre de René Magritte, no que quixo reflectir que “as persoas queremos ver máis alá do realmente visible e que os soños son inexplicables” segundo expón a alumna.

El hombre con la manzana en la cara.  Alba Pérez

 

Outros alumnos, como Ricardo Ignacio Valeiras, deixáronse levar pola actitude surrealista presentando unha postura rebelde, crítica ante a sociedade actual. Primeiramente, Ricardo reflexionou sobre o que quería contar no seu traballo e fixo un escrito que logo acompañou a obra como texto informativo:

"He decidido plasmar en este trabajo un espejo de la sociedad actual, con algunos retoques y algún que otro añadido personal. Con poco se puede hacer mucho. Tres cartones, una revista y témperas, la imaginación puso el resto. Tal era mi empeño por hacer gasto, que mi imaginación se declaró en bancarrota. Y eso que me cuesta tener imaginación en este estado, pero de repente, llegó un fondo de inversión muy interesante, ¡pegatinas farmacéuticas! No sólo son súper-mega-hiper-buenas para marcar una página en un libro, sino para pegar en todo tipo de superficies sólidas, les puede dar un toque muy surrealista… La imaginación sin esfuerzo es lo mismo que un cuadro sin pintura. La imaginación sin esfuerzo es una canción de amor con palabras de odio. Los temas tratados son, en su totalidad, una sátira de la sociedad actual, como ya he dicho antes. Ejemplos de ésto son las rupturas sentimentales, como las de Irina Shayk y Cristiano Ronaldo, o los “simpáticos” añadidos como la caracterización del papa en demonio. Ahora, lo único que hay que hacer es verlo y reflexionar un poco".

 La eterna remodelación. Ricardo Ignacio Valeiras

 

O contexto tamén foi fonte de inspiración; María Silva fixo unha instalación baseada nas parellas de namorados que quedaron desfeitas pola irrupción das grandes guerras.

 

Amor de guerra, María Silva

 

A exposición

A inauguración tivo lugar o 12 de xuño ás 19:30 no Concello de Bande. Ao  acto inaugural acudiron amigos, familiares, profesores do IES Aquis Querquernis e ata o alcalde de Bande, José Antonio Armada, os cales puideron presenciar catro performances e un pequeno desfile de moda.

Posteriormente, os asistentes observaron o resto das obras plásticas que se presentaron na exposición. Algúns dos alumnos aproveitaron para lles explicar os seus traballos in situ aos espectadores máis curiosos e interesados neste movemento de vangardas, así como a varios xornalistas que acudiron para recoller toda a información posible sobre o proxecto para sacala na prensa.

Tamén houbo tempo para facer unhas cantas instantáneas e tomar un pequeno ágape, á vez que os alumnos emocionados vendían as camisetas da exposición, cuxo deseño foi realizado polo alumno Luís Garrido Feijóo con base na obra daliniana Teléfono afrodisíaco blanco que figura no cartel da mostra. O diñeiro recadado será destinado á excursión de fin de curso do ano que vén.

Cartel da exposición

Camiseta da exposición, deseño de Luís Garrido

 

Conclusión

Deberían ser os propios alumnos os que escribisen este apartado, pois opino que lles compete a eles expresar o que foi este proxecto artístico e como o viviron, pero podo aventurarme a dicir que polo menos o pasaron en grande e que me consta que algo máis aprenderon sobre a historia da arte.

Desde o meu punto de vista, a experiencia foi totalmente gratificante. Ver como o alumnado se implica ao 100 % para sacar adiante as súas ideas e sentimentos expresados a través da arte, ademais de facer partícipes deles tanto a min coma a todos os asistentes á exposición, é o mellor que lle pode acontecer a un docente.

Compañeiros de profesión, familiares e amigos dos alumnos e todos os que puideron observar todos os traballos o día da inauguración da exposición quedaron abraiados e felicitaron os artistas.

 

 

Sección: