Fundación Barrié

Departamento de Educación
Fundación Barrié
www.fundacionbarrie.org

 

A Fundación Barrié é unha entidade privada sen ánimo de lucro creada por Pedro Barrié de la Maza o 5 de novembro de 1966. Desde o inicio, a Fundación destinou os seus recursos a programas e proxectos dirixidos a impulsar o desenvolvemento sustentable de Galicia, con especial impulso ás iniciativas vinculadas á educación e ao fomento do talento.

Na actualidade, presidida por José María Arias Mosquera, a Fundación renova cada día o seu compromiso con Galicia, aplicando en todas as súas áreas de actuación estratexias nas que prima o enfoque innovador, o rigor e a excelencia, pero tamén a proximidade, o fomento da participación e a accesibilidade de todos os galegos aos seus servizos e actividades.

Dentro das iniciativas vinculadas á educación e o fomento do talento, destaca o programa Talento 3.0: formación do profesorado no desenvolvemento do talento.

Talento 3.0 nace como un proxecto de mellora da formación do profesorado na detección e potenciación do talento nas aulas co fin de favorecer a atención á diversidade e dar unha resposta educativa adecuada a todo o alumnado. Preténdese ofrecer un modelo de formación do profesorado que sirva de espello como forma diferente de facer as cousas, que sexa replicable e cunha eficacia demostrada. Talento 3.0 está dirixido ao profesorado en xeral.

Talento 3.0 está baseado no método SEM (Schoolwide Enrichment Model ou Modelo de Enriquecemento Escolar), desenvolvido polo profesor Joseph Renzulli e pola profesora Sally Reis na Universidade de Connecticut. Aínda que o SEM é un plan organizativo de enriquecemento e intervención educativa que permite mellorar a experiencia de aprendizaxe de estudantes que mostran un rendemento superior ou un interese avanzado, o enfoque de Talento 3.0 está centrado na aprendizaxe significativa e no desenvolvemento das fortalezas e talentos de todos os estudantes. O propósito principal é a aplicación da pedagoxía educativa en altas capacidades para a mellora escolar no seu conxunto.

Antecedentes

Durante o ano 2013, no marco dun convenio de colaboración entre a Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela, quen delega na Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades, lévase a cabo a realización dun estudo para mellorar a formación do profesorado na educación de alumnos con altas capacidades. O plan de traballo deste proxecto comprende unha estancia de investigación en catro universidades da Costa Leste de Estados Unidos —Virginia, Johns Hopkins, Connecticut e Harvard— co obxectivo de observar e participar en experiencias punteiras en programas de formación no ámbito internacional. Os achados que desta investigación se obteñen son compilados e comunicados nunha memoria sobre prácticas educativas e programas de formación nos Estados Unidos, acompañados dunha proposta de modelo de intervención para o desenvolvemento do talento en Galicia.

O proxecto

Talento 3.0, organizado pola Fundación Barrié coa colaboración da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fundaméntase  nun programa baseado en modelos científicos recoñecidos no ámbito internacional e convenientemente adaptados á realidade educativa, económica e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia.

Talento 3.0 existe debido á necesidade de tomar conciencia do papel fundamental que xoga a promoción do talento no desenvolvemento da sociedade. Primeiro, porque cada persoa debe ter a oportunidade de desenvolver o seu potencial ao nivel máis alto posible; e segundo, porque contribúe a unha provisión de individuos creativos e produtivos que inflúen no progreso social. Os grandes avances do noso tempo foron, son e serán resultado de persoas con moito talento e con fortes intereses persoais en determinadas áreas. Doutra banda, unha das características comúns que teñen os mellores sistemas educativos do mundo é que os profesores supoñen un rol central como facilitadores da aprendizaxe. Parece lóxico pensar que dotar o profesorado das ferramentas científicas e pedagóxicas adecuadas é o mellor punto de partida á hora de tratar de atender a diversidade presente en cada unha das aulas.

Por estas e outras razóns, un programa de formación docente como Talento 3.0, no que se combinan os compoñentes máis vantaxosos de diferentes teorías e experiencias sobre optimización do talento, establécese como unha medida de intervención poderosa para lles facer fronte ás necesidades idiosincrásicas do noso sistema educativo.

A formación do profesorado que inclúe Talento 3.0 non busca converter os profesores en expertos no campo das altas capacidades, pero si axudarlles a desenvolver programas dos que se beneficie toda a clase e todo o centro. Os alumnos e alumnas con altas capacidades constitúen un grupo moi heteroxéneo de estudantes que comparten unha serie de características comúns que non se limitan á superioridade cognitiva, e que por iso presentan necesidades educativas específicas. Con este modelo atendemos non só o talento senón a diversidade no seu conxunto, xa que non está destinado nin a un 2 % nin a un 12 % dos alumnos, senón a toda a poboación escolar.

Talento  3.0 busca optimizar o proceso de ensino e, en consecuencia, o proceso de aprendizaxe de todos os estudantes, respectando a individualidade e favorecendo a totalidade do alumnado. Defende, en definitiva, un cambio da formulación docente cara á positivización das posibilidades do alumnado.

A filosofía

Talento 3.0 fundaméntase en modelos e experiencias procedentes dos Estados Unidos. A modo de síntese, estas son as dimensións máis identificables que conforman o programa:

Confratute. É un programa residencial que organiza cada verán desde hai 37 anos o NEAG (Center for Gifted Education and Talent Development) da Universidade de Connecticut. Proporciona un punto de encontro no que profesionais da educación provenientes de todo o mundo poden explorar libremente e experimentar con novas ideas, procesos e estratexias para motivar e enriquecer os seus estudantes. É un curso intensivo de seis días de duración no que se ofrece formación e asesoramento sobre as mellores prácticas en enriquecemento, diferenciación do currículo, estratexias creativas, necesidades dos alumnos con altas capacidades e o uso da tecnoloxía na personalización da aprendizaxe. As actividades están impartidas por profesionais de recoñecido prestixio no seu campo de estudo e inclúen keynotes, strands, foros nocturnos e diversos eventos sociais como festas temáticas ou un espectáculo de variedades. A organización e as actividades de Confratute inspiraron, en gran medida, a estrutura de Talento 3.0.

A continuación describimos algúns dos compoñentes de Confratute que se integraron en Talento 3.0:

SEM: Schoolwide Enrichment Model (Joseph Renzulli & Sally Reis). A filosofía de base de Talento  3.0 apóiase no modelo de Renzulli e Reis. É un plan organizativo de enriquecemento e intervención educativa que lles permite aos estudantes que mostran un rendemento superior ou un interese avanzado mellorar a súa experiencia de aprendizaxe a través das varias opcións que integran o modelo. Expón un enfoque  centrado na aprendizaxe significativa e no desenvolvemento das fortalezas e talentos de todos os estudantes. O seu propósito principal reside na aplicación da pedagoxía educativa en altas capacidades para a mellora escolar no seu conxunto. SEM está integrado en Talento  3.0 polas seguintes razóns:

  • É democrático, porque se benefician todos e dálles a oportunidade de profundar en coñecemento avanzado a aqueles que queiran.
  • Agrupa por intereses  e non por idade, o que leva a unha aprendizaxe máis motivadora e significativa.
  • Está orientado ao enriquecemento e ao talento creativo-produtivo e non só ao talento académico.
  • Ofrece unha ampla variedade de servizos  (por exemplo,  actividades de tipo I, II e III, clústers de enriquecemento, compactación de currículo).
  • É un modelo replicable e adaptable que foi implantado con éxito en contextos moi diferentes.

Achievement-Orientation Model (Del Siegle & Betsy McCoach). Este modelo analiza os elementos que inflúen de forma determinante na motivación dun estudante e o levan a ser triunfador ou non-triunfador. Comprender o fenómeno de non-triunfo é de vital importancia para o profesorado, porque supón comprender as discrepancias que mostran algúns dos seus alumnos entre a habilidade e o potencial (execución ou rendemento esperado) e o logro ou a actuación que se produce en realidade.

SET: Summer Enrichment Program. É un programa de verán organizado desde hai 36 anos polo Gifted Education Department da Curry School of Education, na Universidade de Virginia. Consta de tres sesións de doce días nas que se desenvolve o talento da mocidade con altas capacidades. No curso empréganse algunhas das mellores prácticas en currículo e ensino, funcionando como unha comunidade para maximizar o potencial de cada estudante e fomentar a paixón pola aprendizaxe para toda a vida. As actividades parten do modelo SEM.

Future of Learning. Organizado polo Project Zeroen a Harvard Graduate School Education, é un programa de verán de catro días dirixido a educadores interesados no ensino, o desenvolvemento de materiais curriculares, a educación de carácter informal, a formación profesional e o liderado. Está deseñado para que os participantes aprendan a axudar os nenos do mañá para desenvolverse nun mundo suxeito a múltiples cambios. O curso estrutúrase en catro grandes bloques diferenciados: sesións plenarias (seis máis unha sesión de peche); catro minicursos de dúas horas de duración; catro reunións en grupo de traballo pequeno; e participación activa nunha contorna dixital de aprendizaxe. A estrutura de Future of Learning, moi similar aos GRADSchool provenientes do Reino Unido, é o segundo compoñente en que se baseou a disposición de Talento 3.0. A razón principal estriba na presenza de grupos de aprendizaxe, que son grupos pequenos de traballo conducidos por facilitadores. Á hora de deseñar Talento 3.0 consideramos que este tipo de sesións instauran unha importante fonte indispensable de aprendizaxe activa, interacción e reflexión.

A continuación describimos algúns dos compoñentes de Future of Learning que se integraron en Talento 3.0:

Grupos de aprendizaxe. Os grupos de aprendizaxe son unha combinación entre seminario e grupo de discusión. Están enfocados a sintetizar e personalizar a información introducida nas conferencias e sesións plenarias. Dentro deste grupo podemos reflexionar e debater cos nosos compañeiros  sobre o que estamos a aprender ao longo do programa, expor cuestións, buscar respostas e establecer conexións entre as ideas e nosa propia práctica educativa etc. Os condutores do grupo proporcionan tempo para o debate e facilitan a reflexión sobre os aspectos centrais do programa.

Protocolos de aprendizaxe e rutinas de pensamento (Tina Blythe). Os protocolos de aprendizaxe son ferramentas metodolóxicas que nos axudan a fomentar unha cultura de desenvolvemento do pensamento e de valoración continua. Serven para que estudantes e profesores se deteñan un momento para observar o seu traballo e así aprender del, sistematizando o tempo de conversación, reflexión e indagación. Dentro dos protocolos empréganse rutinas de pensamento, que son as actitudes e os hábitos que facilitan e promoven o pensamento efectivo (por exemplo, apertura de mente, curiosidade, escepticismo, consideración de varias perspectivas). Estas estratexias non adoitan obter ningún tipo de visibilidade no centro educativo, pero mediante elas conseguimos facer visibles o pensamento e a aprendizaxe.

Intelixencias múltiples e cinco mentes do futuro (Howard Gardner). A teoría das intelixencias múltiples de Howard Gardner cuestiona a idea de que a intelixencia é unha entidade única que resulta dun só factor, e que pode ser medida cunha puntuación de CI. Expón a existencia dunha ampla variedade de intelixencias diferentes e interdependentes que actúan e se potencian reciprocamente. A versión actual do modelo incorpora dez tipos de intelixencias: lingüística, lóxico-matemática, viso-espacial, musical, corporal-cinética, interpersoal, intrapersonal, espiritual, naturalista e pedagóxica. Pola súa banda, a teoría das cinco mentes do futuro describe cinco tipos de mentes ou maneiras de pensar e de actuar: tres relacionadas coa intelixencia (disciplinada, sintética e creativa) e dúas co carácter (respectuosa e ética). Estas mentes conforman as habilidades cognitivas específicas que deben ser cultivadas polos líderes do mañá. 

Educación para o descoñecido e cambio escolar (David Perkins). Segundo David Perkins, hoxe en día o universo da educación está a expandirse, e por iso debemos “reimaxinalo” educando para o descoñecido, indo máis aló do que xa coñecemos, porque non sabemos cara a onde vai a educación e en que se converterán os estudantes. A educación debe tratar o gran coñecemento e as grandes cuestións a través da reflexión, a acción, a ética e a perspectiva de oportunidades. David Perkins tamén fala de como executar  unha idea ou un sistema na educación. Expón varias fases para promover a institucionalización do cambio educativo a través dun modelo de desenvolvemento que ten en conta todos os elementos: ideas, liderado, comunidade e institución.

CTY: Center for Talented Youth. O Center for Talented Youth garda algúns aspectos en común co SEM, como a agrupación por intereses e a aprendizaxe de alto nivel, pero non é un modelo tan aberto porque se centra no desenvolvemento do talento académico. A súa integración en Talento 3.0 foi complementaria e consiste fundamentalmente en contidos adaptados do International Educators Institute e, do mesmo xeito ca  no caso do SEP, a extensa oferta de actividades dos seus programas académicos de verán.

Vemos, polo tanto, que Talento 3.0 se basea en modelos educativos adaptables á realidade española (SEM); en institucións de recoñecido prestixio educativo dentro da comunidade científica internacional (Project Zero); e nas experiencias punteiras que xorden a partir deses modelos (Confratute, Future of Learning Institute).

 

O modelo

Talento 3.0 non é un modelo creado desde cero, senón un híbrido de varios modelos previamente existentes. De forma moi resumida poderiamos dicir que é un “modelo de modelos” no que se combinan e adaptan os compoñentes máis vantaxosos de diferentes teorías ou experiencias. Por todo iso, o programa de formación docente resultante é moito máis que expresión dos modelos nos que se inspira, confórmase como unha intervención eficaz para lles facer fronte ás necesidades idiosincrásicas do noso sistema educativo. Esta vixencia vén marcada polos trazos que definen e caracterizan Talento 3.0 como modelo:

   - Educativo: o seu efecto non se reduce á aula ou ao espazo onde se desenvolve o programa, senón que se irradia a calquera situación educativa.

   - Pedagóxico: dota de estratexias e ferramentas pedagóxicas para afrontar a heteroxeneidade da clase e desenvolve destrezas como docentes.

   - Científico: os principios e as actividades deseñadas fundaméntanse en modelos baseados en investigación e en formulacións coherentes coa realidade educativa.

   - Democrático: todo o alumnado se beneficia da formación obtida polos seus profesores.

   - Práctico: ofrece oportunidades para aprender traballando. A aprendizaxe activa fomenta a motivación e o maior afondamento nos temas que se presentan.

   - Colaborativo: o cambio require de esforzos conxuntos e dunha facilitación compartida. As conexións e a aprendizaxe informal son tan importantes como o contido.

   - Significativo: proporciónase unha aprendizaxe que importa, que servirá para toda a vida, e á que realmente vale a pena dedicarlle o noso esforzo.

   - Organizacional: conduce a unha planificación do programa, a agrupación dos participantes e o resto de aspectos que contribúen a un uso eficiente do tempo e dos recursos humanos e materiais.

   - Adaptable: pode replicarse nunha variedade de ocasións en función dos medios dispoñibles, e permite ser modificado se se respecta a teoría subxacente e as metas son consistentes. A renovación con novas ideas é posible mentres todos eses cambios sexan compatibles cos obxectivos do modelo.

Obxectivos

O obxectivo deste proxecto é a posta en marcha dun programa que responde a un modelo de intervención propio que se implante por primeira vez en Galicia con base na análise das experiencias visitadas e na compilación das diversas fontes de información ás que se tivo acceso. Como resultado traballamos nunha proposta idiosincrásica e adaptable á nosa realidade socioeconómica.

Outros obxectivos son os seguintes:

  • Optimizar e potenciar o talento nas aulas.
  • Mellorar as habilidades dos docentes na detección, comprensión e intervención no ámbito das altas capacidades.
  • Desenvolver as destrezas que lle permitan actuar ao docente como facilitador da aprendizaxe dos alumnos e atender eficazmente a diversidade.
  • Producir un cambio real e significativo no docente que incida, pola súa vez, no alumno.
  • Difundir a idea de que é posible outro tipo de formación
  • En proceso: crear unha rede de centros Talento 3.0

 

Fases de Talento 3.0

Despois de dúas edicións de formación, a rede de Talento 3.0 está composta por algo máis de cen profesores. Así mesmo, uns trinta centros educativos das catro provincias e a estrutura de formación do profesorado da Consellería de Educación (CAFI e seis CFR) completan esta rede que ha de sustentar a consolidación do programa e o seu potencial crecemento futuro.

Fase I. Xornadas de divulgación-OUTREACH
Ciclo de actividades e conferencias de presentación para promover e difundir o proxecto Talento 3.0. O eixe temático central xira ao redor dos novos modelos sobre talento e a propia descrición do programa.
Neste ciclo de presentación contextualízanse e explícanse os diferentes aspectos do proxecto (filosofía, obxectivos, fases, formadores etc.).

Fase II: Formación de formadores-TRAINING
Curso de formación intensiva de catro días en réxime residencial. Selecciónase un número de docentes para que persoal cualificado os forme como facilitadores da aprendizaxe. Estes profesores exercen como titores na fase III.
O equipo técnico de Talento 3.0 selecciona os dez candidatos que se van formar nesta etapa do programa. Os perfís axústanse a estes tres criterios:
- Motivación para ser titor-formador na fase III.
- Experiencia previa no ámbito das altas capacidades (actividades de enriquecemento, detección, formación específica etc.).
- Nivel de inglés adecuado.
O curso intercala actividades expositivas con outras máis dinámicas e momentos para a interacción con compañeiros e profesores.

Fase III. Instituto de verán-INSTITUTE
Instituto de verán de catro días en réxime residencial. O programa componse de conferencias e talleres impartidos por expertos mundiais no desenvolvemento do talento e de grupos de aprendizaxe liderados polos titores formados na fase II.
Entre os formadores atópanse:
- Joseph S. Renzulli, director de National Research Center on the Gifted and the Talented da Universidade de Connecticut
- Sally M. Reis, profesora distinguida no Departamento de Psicoloxía da Educación da Universidade de Connecticut
- Carmen M.ª Pomar Tojo, directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela

Desenvolvemento da fase III:
O curso intercala diferentes formatos de instrución que versan sobre o Schoolwide Enrichment Model (SEM).

Despois de dúas edicións de formación, a rede de Talento 3.0 está composta por algo máis de cen profesores. Así mesmo, uns trinta centros educativos das catro provincias e os sete centros de formación e recursos (CFR) da Consellería de Educación completan esta rede que ha de sustentar a consolidación do programa e o seu potencial crecemento futuro.

 


 

Sección: