Arte pola igualdade

Unha exploración dos futuros

López Prado, Jesús
Director do Conservatorio Profesional de Música da Coruña
Orellán Valiño, M.ª Dolores
Profesora de AL no CEE María Mariño (A Coruña)

 

Durante anos, no antigo CEE Santiago Apóstol, hoxe convertido no CEE María Mariño, investigamos e aproveitamos as melloras que, fundamentalmente, nas capacidades comunicativas do alumnado de educación especial producía a súa participación nos talleres de danza tradicional e de teatro que se desenvolvían no centro educativo. Convertendo a cultura común en núcleo de formación dos alumnos e alumnas buscabamos lograr persoas solidarias, unha interacción social satisfactoria, evitar a exclusión e facer das diferenzas riquezas.

Eramos conscientes de que as referencias bibliográficas facían máis fincapé na musicoterapia e en experiencias con suxeitos adultos, moitos dos cales eran pacientes hospitalarios. Aínda nos casos de estudos sobre os efectos da danza en rapaces e rapazas, estes centrábanse nas capacidades asociadas ao movemento e na saúde física. Só nalgún caso illado se facía unha mención tanxencial á inclusión da música tradicional.

De todos os xeitos, curso tras curso, no centro educativo íanse cumprindo os obxectivos de mellora comunicativa do alumnado mentres medraba a consciencia das limitacións, especificamente musicais, do que se estaba a realizar.

Descoñeciamos daquela o labor que, de xeito paralelo, estaba levando adiante o Conservatorio Profesional de Música da Coruña para achegar a vivencia e o gozo da música ás persoas con necesidades educativas especiais que non adoitan ter fácil acceso aos ben culturais. A súa comunidade educativa non só centraba o seu desempeño na formación educativa dos seus estudantes, senón que tamén pretendía inculcar neles valores de solidariedade, igualdade e non discriminación.

 Orquestra do Conservatorio Profesional de Música no teatro Colón

 

Foi na visita do xefe territorial da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, don Indalecio Cabana Leira, durante o curso 2011/12, ao CEE María Mariño, para coñecer o seu funcionamento, cando se pensou, por primeira vez, na posibilidade dun traballo conxunto entre os dous centros educativos. O desafío era importante, xa que se trataba de compaxinar a actuación de dúas institucións singulares, tanto nos seus proxectos educativos como no seu modo de actuar, e non existía en Galicia ningunha experiencia de cooperación similar.

Desde o primeiro momento, o clima de colaboración foi excelente e as iniciais reunións, realizadas na propia Xefatura Territorial da Coruña, deron como froito xa nese curso 2011/12 a representación dunha adaptación libre da obra O velorio, de Francisco Taxes, e a interpretación dunha selección de danzas tradicionais tanto de Galicia como do resto do mundo, que constituíu o primeiro  Festival Arte pola Igualdade.

Continuouse, xa tendo como escenario o teatro Colón da Coruña,  coa adaptación da Frauta máxica  de Mozart, co título Os músicos máxicos,  no curso 2012/13. No seguinte ano representouse a peza O meu mundo non é deste reino. Farsa do rei Bululú, do poeta e dramaturgo galego Manuel María.

Actuando todos xuntos

 

No cuarto Festival Arte pola Igualdade, correspondente ao curso 2014/15, púxose en escena a obra Tres estampas galegas, tamén coñecida como A Espadela, con libreto orixinal de Leandro Carré Alvarellos e música de Mauricio Farto Parra, que se estreara no teatro Rosalía de Castro o 10 de decembro de 1924, interpretada polo coro Saudade. Trátase dunha obra organizada en tres actos: “Alborada no día da festa”, “Unha palillada en Camariñas” e “A Espadela”.

Plano xeral da representación de A Espadela

 

Leandro Carré foi un firme defensor do teatro costumista, con implicación total dos coros, dentro do Conservatorio Nacional do Arte Galega das Irmandades da Fala. O seu inxente labor á fronte da Escola Dramática Galega quedará interrompida pola desaparición das Irmandades, e mesmo do teatro galego, polas prohibicións da ditadura de Primo de Rivera.

Pola súa banda, a traxectoria de Mauricio Farto sempre estivo vinculada á música galega. Foi director de El Eco e, posteriormente, fundou Cántigas da Terra, o coro máis vinculado ás Irmandades, no 1917. No 1924, despois de deixar Cántigas, funda Saudade, coro que ten como obxectivo interpretar a música do seu director.

Aproveitamos a representación para lle facer unha pequena homenaxe a don  Xosé Filgueira Valverde, ao que se lle dedicaron as Letras Galegas dese ano. Coa súa traxectoria (cofundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Instituto Padre Sarmiento e do Museo de Pontevedra, do que foi creador, presidente do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega) e coa súa obra (máis de trescentos títulos entre libros e folletos, mil artigos en periódicos e revistas e máis de 1600 conferencias) contribuíu a reforzar a corrente da cultura tradicional galega, na que se integran os traballos de Carré Alvarellos e Farto. Para iso eliximos un tema que sabiamos que fora moi querido para o Vello Profesor: o traxe galego. É por iso que a nosa posta en escena estivo salpicada pola descrición dalgunha indumentaria tradicional.

A representación, como todos os festivais de Arte pola Igualdade, supuxo un éxito de público que cos seus aplausos rubrica sempre os esforzos de todos os participantes, tanto os que se asoman ao escenario como os que realizan a súa tarefa tras as bambolinas.

Cómpre salientar que en todas as representacións a elaboración dos decorados foi realizada polo alumnado e o profesorado do CEE María Mariño.

Decorado de A Espadela

 

Nestes anos de traballo conxunto entre o CEE María Mariño e o Conservatorio Profesional de Música da Coruña, son moitos os obxectivos acadados, tanto para o profesorado e o alumnado participante como para a sociedade en xeral. E tamén de subliñar a visibilidade lograda dos esforzos que, día a día, se realizan para conseguir a integración das persoas con diversidade funcional. Esforzos que, aínda con máis dificultade, son similares aos do resto da sociedade e atinxen os seus diferentes eidos. Así, destacariamos tamén a implicación que a dinamización da lingua e da cultura galega ten no cerne da Arte pola Igualdade. Con esta experiencia comprobamos que a proximidade da linguaxe propia e da cultura tradicional supón, en tanto que é compartida por unha gran parte da sociedade, un piar moi importante do edificio de integración que queremos construír.

Este traballo interdisciplinar e multidisciplinar supuxo tamén cambiar o modo de facer do profesorado. A ampla colaboración conseguida é máis valiosa se se ten en conta que se pedía a súa participación nun experimento onde a avaliación supoñía autocalibrarse, ao tempo que se lle esixía poñerse ao nivel dos seus alumnos e alumnas especiais para aprender todos xuntos. A súa intervención para axudar o alumnado a captar a estrutura das ideas e establecer conexións necesitaba o coñecemento das ideas previas dos alumnos e alumnas, pero tamén sensibilidade para que as súas suxestións, orientando e prestando as axudas individuais necesarias, evitasen, en todo momento, os xuízos de valor sobre as actividades, para crear un ambiente de tranquilidade que favorecese a aprendizaxe.

A implicación do alumnado foi total, ata o punto de que as actividades ligadas ao proxecto se converteron nun dos principais centros de interese. Pero máis alá desta valoración obxectiva, debe sinalarse a importancia de conseguir moitos sorrisos de felicidade nos alumnos e alumnas por unha frase ben dita, un paso de baile correctamente realizado ou unha canción compartida por todos.

O futuro pasa por seguir abrindo portas, enfrontando retos, todos xuntos, que nos leven a entender que a igualdade radica na aceptación das diferenzas dos outros e en que eles acepten as nosas. Máis iguais canto máis diferentes. Máis ricos canto máis damos e os rapaces e rapazas da Arte pola Igualdade demostran, día a día, que son capaces de entregar o mellor de si mesmos, que é moito e moi bo.

Celebración final

 

Quédanos corresponderlles abrindo todas as vías, que sexamos capaces, para que teñan unha vida plena e feliz, porque o merecen. Que o primeiro deses camiños que lles abramos sexa o da arte.

 

Sección: