Programa Iacobus

Resultados do procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria do programa de mobilidade eurorrexional Galicia-Norte de Portugal
Iacobus é o programa de mobilidade da comunidade académica da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este artigo analiza os resultados de percepción da satisfacción das persoas beneficiarias da súa primeira convocatoria. Aplicando unha mostra de 106 persoas consultadas, obtivemos unha porcentaxe de éxito do programa do 86 %. Esta valoración expresa un grao de satisfacción moi alto.

Antía Pose García, María Rodríguez Gregori, David Maquieira Salgado, Rubén Camilo Lois González
Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal

 

Introdución

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten unha longa traxectoria de cooperación e de desenvolvemento de instrumentos de xestión conxunta. Antecedentes nesta colaboración remóntanse a documentos de traballo como Projectos susceptíveis de consideração conjunta por parte da Galiza e da Região Norte de Portugal, Documento de Trabalho (CCDR-N 1986). No ano 1991 foi constituída a Comunidade de Trabalho Galiza-Norte de Portugal, con apoio das administracións da Unión Europea, española e portuguesa, e que constituíu a primeira estrutura de cooperación territorial da Península Ibérica.

Neste contexto de maior integración europea da cooperación territorial foron creadas as agrupacións europeas de cooperación territorial (AECT), co fin de facilitar e promover a cooperación territorial, transfronteiriza, transnacional e interrexional. Concretamente,  a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) formalizouse o 18 de febreiro de 2010 coa toma de posesión dos seus órganos directivos, converténdose  na terceira  AECT mais antiga de Europa.

No ámbito universitario, créase no ano 2004 a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal), coa finalidade de buscar sinerxías e complementariedades nos eidos académicos universitarios da Eurorrexión e reforzar as vinculacións entre as universidades de Galicia e do Norte de Portugal. Por iniciativa da Fundación do CEER xorde o programa de cooperación cultural, científica e pedagóxica, Iacobus, que ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e o intercambio entre recursos humanos dos centros de ensino superior da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Creado con base nas prioridades definidas no PIC, Plan de investimentos conxuntos da Eurorrexión (2014-2020), que define as prioridades de investimento rexional e a política de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal nos próximos anos, o Iacobus foi impulsado pola Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal, e conta co apoio da Unión Europea, quen contribúe ao seu financiamento a través do Programa operativo de cooperación transfronteiriza España–Portugal (POCTEP). Son beneficiarias do programa Iacobus as seis universidades públicas da Eurorrexión que conforman o CEER (universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro), ás que se uniron a Universidade Católica Portuguesa-Centros Regionais do Porto e de Braga e os institutos politécnicos de Porto, Viana do Castelo, Bragança e Cávado e do Ave.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNPAECT), apoiada pola Fundación CEER, é a entidade xestora do programa Iacobus, e a encargada de tramitar e seleccionar as solicitudes da primeira convocatoria deste do programa de mobilidade eurorrexional Galicia-Norte de Portugal, Iacobus, realizada pola resolución do 23 de xuño de 2014, e publicada na páxina web da Agrupación de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP AECT).

O Consello de Dirección do CEER, reunido en maio de 2014, ao que asistiu como convidada a Dirección da AECT, acordou crear un procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria do programa Iacobus, para recoller os resultados de satisfacción das persoas beneficiarias. Os resultados obtidos pretenden contribuír a mellorar os procedementos relativos a próximas convocatorias deste programa.

 

Procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria Iacobus

O procedemento de avaliación e mellora ten como finalidade establecer de maneira sistemática o modo en que se recolle a información necesaria para avaliar o grao de satisfacción das estadías xeradas no marco do programa Iacobus, e o uso desta información para a elaboración dunha proposta de mellora continua. Este procedemento baseouse na distribución por correo electrónico dunha enquisa de valoración dos diferentes aspectos vinculados á estadía das persoas beneficiarias da primeira convocatoria do programa.

A enquisa foi elaborada polo persoal da Fundación CEER, a partir do modelo da Universidade San Jorge (Grupo San Valero) de Zaragoza, “Procedimiento de evaluación y mejora del programa de movilidad. PEM4, Revisión 6” (2011). Consistiu nun total de 15 preguntas, distribuídas en tres grupos de tarefas: planificación, desenvolvemento e resultados da estadía. A cada grupo de tarefas asignóuselle unha serie de accións (9 accións), a partir das que se elaboraron as preguntas relacionadas co grao de satisfacción.

O alcance do procedemento abarcou as persoas beneficiarias da primeira  convocatoria Iacobus. Os destinatarios foron persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador e persoal investigador.

O número de solicitudes recibidas na primeira convocatoria Iacobus foi de 190 en total, das que foron aprobadas finalmente 118 (62 %), correspondendo a 56 mulleres (60 % aprobadas das candidaturas recibidas de mulleres) e 62 homes (65 % aprobadas das candidaturas recibidas de homes). Por causa dunha renuncia, o número final de enquisas distribuídas foi 117.  O envío das enquisas executouse tendo en conta as variables “perfil” e “orixe dos beneficiarios”. Así, obtivéronse catro mostras discriminadas segundo as variables PAS de orixe galega, PAS de orixe portuguesa, PDI e PI de orixe galega, PDI e PI de orixe portuguesa.

Finalmente foron recompiladas 106 enquisas cubertas, segundo a seguinte distribución: 61 enquisas do perfil PDI e PI de orixe, correspondendo a un 67,03 % do total de PDI e PI e a un 57,55 % do total enquisados; 30 enquisas do perfil PDI ou PI de orixe portuguesa, correspondendo a un 32,97 % do total de PDI e PI e a un 28,3 % do total enquisados; 10 enquisas de PAS de orixe portuguesa, correspondendo a un 66,67 % do total de PAS, e a un 9,43 % do total enquisados; e 5 enquisas de PAS de orixe galega, correspondendo a un 26 % dos PAS enquisados e a un 5 % do total de beneficiarios enquisados. A cada unha das mostras aplicóuselle un cuestionario concreto.

 

Resultados e conclusións

Os resultados globais obtidos no proceso de avaliación mostran que a primeira convocatoria do programa Iacobus obtivo un grande éxito. Unha ampla maioría dos beneficiarios valorou o programa como moi satisfactorio, situándose nos valores grao de satisfacción moi alto e alto para os aspectos formulados nas enquisas.

En relación cos catro perfís de beneficiarios (PDI e PI de orixe galego, PDI e PI de orixe portuguesa, PAS de orixe galega e PAS de orixe portuguesa), a valoración do Iacobus acada maioritariamente o grao de satisfacción moi alto (44,61 %) e alto (42,35 %). O grao de satisfacción foi incluso superior entre o grupo de perfís de orixe portuguesa. Concretamente, da análise dos datos obtidos nas enquisas, para os beneficiarios co perfil PI e PDI de orixe portuguesa obtívose unha porcentaxe do 63 % para o grao de satisfacción moi alto.

Gráfico 1. Valoración global do grao de satisfacción das persoas beneficiarias da primeira convocatoria Iacobus, segundo perfil e nacionalidade de orixe

Debido aos mellores datos obtidos polo perfil PDI e PI, así como por parte dos beneficiarios de orixe portuguesa, comprobamos a relación de dependencia que existe entre as valoracións de satisfacción e o perfil e orixe dos beneficiarios.

Analizamos a dependencia entre a orixe dos beneficiarios e o grao de satisfacción. Establecéronse as hipóteses (H), H0, non existe dependencia do grao de satisfacción coa orixe, e H1, existen diferenzas significativas dos graos de satisfacción segundo a orixe dos beneficiarios. Os resultados, para un nivel de significación de 0,05, indican unha X2proba (30), superior á X2táboa (9,48), anulando a H0 e manifestando que o grao de satisfacción dependeu da orixe

Táboa 1. Frecuencia observada do grao de satisfacción segundo a orixe

Táboa 2. Frecuencia esperada do grao de satisfacción segundo a orixe

Para avaliar a dependencia do grao de satisfacción en función do perfil dos beneficiarios, establecéronse as hipóteses (H), H0, non existe dependencia do grao de satisfacción co perfil e H1, existen diferenzas significativas dos graos de satisfacción, segundo a orixe dos beneficiarios. Así, para un nivel de significación de 0,05, a X2proba (36) resultante é  superior á X2táboa (9,48), volve anularse a H0, demostrando que o grao de satisfacción dependeu do perfil das persoas beneficiarias.

Táboa 3. Frecuencia observada do grao de satisfacción segundo o perfil PAS e PDI e PI dos beneficiarios

Táboa 4. Frecuencia esperada do grao de satisfacción segundo o perfil PAS e PDI e PI dos beneficiarios

 

Os resultados obtidos tras a análise da información recibida mostra a percepción de satisfacción por parte dos destinatarios do programa, así como os éxitos e deficiencias nos procesos. Unha ampla maioría das valoracións foi de grao de satisfacción moi alto e alto para os aspectos presentados nas enquisas. O grao de satisfacción moi alto co programa Iacobus alcanzou unha porcentaxe de valoración xeral do 44 %. Seguidamente os mellores resultados foron para o grao de satisfacción alto, que recibiu un 42 % das valoracións. A suma do resto das valoracións —grao de satisfacción medio, baixo ou moi baixo— non supera o 14 % das valoracións.

Por perfil e orixe das persoas beneficiarias da primeira convocatoria Iacobus, as porcentaxes de valoración global máis altas foron de grao de satisfacción moi alto por parte dos PDI e PI portugueses (63 %), as valoracións de PDI e PI galegos alcanzaron un 49 %. O grao de satisfacción alto foi escollido maioritariamente polos PAS de orixe galega (59 %) e os PAS de orixe portuguesa (45 %).

Os aspectos do programa mellor valorados difiren segundo a orixe e perfil dos beneficiarios. Non obstante, os catro grupos manifestan un grao de satisfacción moi alto ou alto para as seguintes cuestión: “Atención recibida”; “Cumprimento dos obxectivos”; “Satisfacción no lugar de destino”…

Pola contra, os graos de satisfacción baixa ou moi baixa non superan porcentaxes do 4 %. Os aspectos menos valorados polo conxunto dos enquisados foron os seguintes: “Dificultade na tramitación da documentación”; “Resolución de dúbidas no lugar de destino”.

Simplificar o procedemento na tramitación da documentación serviría para reducir, aínda en maior medida, os valores mais negativos do grao de satisfacción, de xeito global. Permitir a presentación de documentación telemática ademais de en papel e validar a achega de copias de certificados de aceptación na universidade de orixe, mediante fax ou correo electrónico, dende o departamento da universidade de orixe, contribuiría a mellorar a percepción de satisfacción por parte das persoas beneficiarias.

Construír novas e mellores canles de comunicación entre a entidade xestora do programa AECT-GNP, en colaboración coa Fundación CEER e as universidades, permitirá manter informadas de xeito máis completo e eficaz as entidades destinatarias do Iacobus e asegurar que a información necesaria chegue aos departamentos acolledores das persoas candidatas.

 

 

Bibliografía: 

 

 

CCRN (1986): Projectos susceptíveis de consideração conjunta por parte da Galiza e da Região Norte de Portugal, documento de trabalho. Porto: CCDRN.

CCDRN (2007): Plano Estratégico de Cooperação Galiza-Norte de Portugal, 2007-2013. Porto: CCDRN e Xunta de Galicia.

CE (2006): Regulamento (CE) núm. 1082/2006 do Parlamento Europeo e do  Consello, do 5 de xullo de 2006, sobre a Agrupación europea de cooperación territorial (AECT). Estrasburgo: Parlamento Europeo.

Domínguez Castro, L. (2008): La cooperación transfronteiriça entre Portugal y España (1990-2006). Vigo: Eixo Atlántico.

Domínguez Castro, L. (2012): Trinta anos de cooperación institucional. Anuário da Euroregião Galicia-Norte de Portugal 2011. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

GNP-AECT (2014): Protocolo de cooperação cultural, científica e pedagógica entre as universidades e as instituições de ensino superior do Euro-região Galiza-Norte de Portugal. Vigo: Comunidade de Traballo Galicia de Portugal.

Fundación CEER (2004): Acta do Padroado da Reunión do Constituínte da Fundación CEER. Santiago de Compostela: Fundación CEER. Norte de Portugal do 9 de decembro de 2002.

Fundación CEER (2014): Acta do Consello de Dirección do 20 de maio de 2014. Monção: Fundación CEER.

Fundación CEER (2014): Procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria do programa Iacobus.  Santiago de Compostela: Fundación CEER

UE/FEDER (2015). INTERREG V-A “España-Portugal”. Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Bruxelas: Comisión Europea.

Grupo San Valero (2011).  Procedimiento de evaluación y mejora del programa de movilidad. PEM4. Revisión 6. Zaragoza: Univerdade San Jorge.

Sección: