Bibliotecas escolares

Biblioteca e vicedirección

A suma de facetas como dinamizadora cultural dun centro de ensino
Sabemos que o traballo de dinamización dunha biblioteca escolar é traballo difícil e esgotador, máis aínda se, como é habitual, son poucas as persoas implicadas na tarefa. Neste artigo expoño a miña experiencia e a importancia que ten o feito de que cando menos alguén do equipo directivo estea no equipo dinamizador da biblioteca.

Alexandra Cabana Outeiro
Profesora de Xeografía, Historia e Historia da Arte, vicedirectora e membro do
equipo da biblioteca e do equipo de dinamización lingüística do IES Lois Peña Novo (Vilalba-Lugo)
alexandra@edu.xunta.es

O punto de partida

Innovación, colaboración, traballo por proxectos, interdisciplinariedade, competencias básicas, TIC, coñecemento global... pero tradicionalismo, enfrontamento, curriculite, aulas maxistrais, fotocopias, compartimentación, isolacionismo... Na educación aínda andamos pivotando entre estremos, da teoría á práctica, do lexislado ou teorizado á dinámica cotiá hai moitas diferenzas e todo depende, en último termo, do docente e do seu compromiso co alumnado e coa sociedade para a que traballa. Non somos tantos os que cremos nun ensino público e de calidade (a frase é bonita para dicir, outra cousa é que se crea nela), e somos menos os que tentamos facer día a día o necesario para que o obxectivo sexa realidade, con maior ou menor acerto.

Se iso é así na docencia en xeral, no traballo de dinamización dunha biblioteca escolar se cadra aínda se fai máis patente, pois depende en gran medida do voluntarismo dos docentes ao non se estableceren horas de dedicación específica ou seren estas insuficientes. Convértese a biblioteca, entón, nunha misión duns poucos, que non só teñen que traballar para que a biblioteca funcione senón que a miúdo tamén teñen que defender a súa propia existencia.

A experiencia do IES Lois Peña Novo

Escribo este artigo nos últimos meses dun período de catro anos como vicedirectora dun IES ao que chegara no curso anterior ao inicio desta responsabilidade. Son cinco cursos dun centro que cambiou de xeito importante (e non sempre positivamente), agravando as dificultades que, de partida, ten todo labor de dinamización da biblioteca escolar: o Lois Peña Novo tiña daquela bacharelatos e ciclos formativos (nunca tivo a ESO), e educación de adultos (educación secundaria para adultos e bacharelato semipresencial de adultos). Cinco anos despois só nos queda un grupo de seis rapaces en segundo de bacharelato diúrno (recortes e outras cuestións longas de explicar fixeron que o bacharelato diúrno só quede nestas condicións e seguramente desapareza para o curso que vén), seguimos cos mesmos ciclos (tres medios e dous superiores, de catro familias profesionais distintas: Administración e Finanzas, Automoción, Electricidade e Informática) e as mesmas ensinanzas para adultos, e temos tamén o segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial e a formación profesional básica que os substitúe, unha de Mecánica e outra de Informática. É, polo tanto, un centro cunha diversidade grande de ensinanzas cunhas características que cómpre ter en conta para entender o noso traballo:

  1. Grupos pequenos de alumnado e repartidos nas distintas ensinanzas, polo tanto, pouco dados á interacción e coñecemento entre eles.

  2. Grandes diferenzas de intereses e formación de partida: alumnado adulto que compaxina traballo con estudos, alumnado rebotado da ESO e que vén tentar titular en vías máis “doadas”, alumnado sen unha especial vocación que escolle un ciclo que lle pode parecer “cómodo”, e incluso alumnado con titulacións universitarias que acode cursar un ciclo superior.

  3. Agás algún alumnado de PCPI/FP básica, non temos alumnos ou alumnas en idade de escolarización obrigatoria.

  4. Case nula participación das familias na vida académica do alumnado (agás en certa medida bacharelato e PCPI/FP básica, fundamentalmente sobre cuestións de comportamento, disciplinarias e de resultados académicos), sen existencia de ANPA nin representación no consello escolar.

  5. Un profesorado que ve reducido o seu número curso a curso, asumindo máis materias afíns ano a ano, e desmotivado con respecto ao porvir do IES.

Con esta situación comezamos a facer un traballo decidido na actualización, mellora e dinamización da nosa biblioteca. Tiñamos como bo punto de partida o feito de que a biblioteca tiña un orzamento específico dentro do xeral do centro, que había un local amplo e que os seus fondos xa estaban informatizados (nos erros de catalogación reparariamos máis adiante). Como vicedirectora tiña a responsabilidade última sobre ela e, logo dun ano con altibaixos, todo comezou a ir mellor ao atopar a persoa adecuada para responsabilizarse do proxecto: M.ª Amparo Torres Arrojo, a outra roda da bicicleta como lle chamo eu, sen a cal non teriamos chegado a onde estamos hoxe.

 

As dúas da biblioteca

No curso 2012/13 a biblioteca escolar do Lois Peña Novo afrontou unha remodelación intensa. Fíxose unha análise da actividade dos anos previos, das necesidades da comunidade educativa e das novas accións de cara ao futuro. Logo de analizar o perfil do alumnado e as características do centro, ademais dos resultados das actividades de anos pasados, chegouse á conclusión de que debiamos afrontar tres ámbitos de actuación:

  • Renovación e remodelación do espazo físico da biblioteca e do seu mobiliario.
  • Revisión, recolocación e recatalogación de fondos bibliográficos.
  • Continuación e intensificación de actividades dinamizadoras.

Foi moito o investimento en traballo e economicamente, en ilusión e proxecto de futuro. E esta maneira de entender a centralidade que debe ter unha biblioteca fíxonos presentar un proxecto chamado A biblioteca escolar: punto de encontro, co que acadamos entrar no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2013/14. E isto foi un grande impulso, ao sumarmos orzamento e, en certa medida, un referendo do noso traballo que nos chega máis a miúdo de fóra do noso centro ca de dentro del. Digamos que, tendo o PLAMBE, chamándonos desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares para expormos a nosa experiencia en encontros de Bibliotecas e do propio PLAMBE, e incluso desde algún centro de formación e recursos, ou mesmo manifestando un interese en que eu escribise este artigo (cousa que agradezo), se nos amosan razóns obxectivas para seguir no camiño andado e se axuda a que no propio centro non se nos poñan trabas ou que, cando menos, as trabas e as críticas sexan detrás da porta.

Rematamos agora o segundo curso co PLAMBE, e a experiencia é difícil aínda que positiva. Sempre crin que a biblioteca ten que ser central nun centro educativo, alí reside boa parte do coñecemento (en forma de libros), do ocio vinculado a ese coñecemento (películas, cómics, literatura en xeral...) e do acceso ao coñecemento fóra do centro escolar (ordenadores, internet). Tamén creo firmemente en que o profesorado ensina moito (non vou dicir que todo) co exemplo. Sobre unha e outra premisa (biblioteca como lugar central + profesorado como exemplo) pivota o labor da biblioteca do Lois: organizamos actividades que complementen a docencia pero, sobre todo, que acheguen dunha maneira áxil e diferente á lectura o noso alumnado, imos a eles a través do ocio, traspasando xerarquías, respectándoos e tentando aumentar a súa autoestima, traballamos con eles e para eles, e iso veno e non lles escondemos o sufrimento e o desencanto que ás veces nos asola. É grande a apatía por parte da comunidade escolar (non só do alumnado), e é máis ca evidente o afastamento da lectura e do hábito lector.

Con todo, pouco a pouco, chanzo a chanzo, algunhas cousas fomos logrando: a biblioteca estaba pechada con chave e só se abría baixo petición, agora nunca se pecha, aínda que non sempre está atendida, pois preferimos o risco de que desapareza algo a poñerlle trabas a quen queira entrar. Hoxe da biblioteca (e da vicedirección) sae a gran maioría da actividade non estritamente docente do IES: programación cultural variada con charlas, actuacións, obradoiros, clubs de lectura, cineclub... E é hoxe cando a biblioteca é unha peza fundamental do Lois Peña Novo, dentro e fóra do IES, pois a través das redes sociais (Facebook, Twitter, Pinterest) a biblioteca é o voceiro da actividade do centro. Conseguimos meter na biblioteca alumnado que nunca alí entrara nin entraría, aínda que fose como oínte nunha charla ou participante dun concurso de disfraces, que non reducimos oportunidades, pois, de feito, algo que nos caracteriza é abrirmos unha liña lúdica que conectase o académico co artesán, co estilismo incluso, a través dos obradoiros de chapas, camisetas...

Chapas literarias

Resístome a pensar que todo o positivo que se foi acadando depende dunhas individualidades, pero ben sei que certas persoas teñen ese punto que sae de dentro e que fai que florezan iniciativas importantes. Lembro o labor de profesores que estiveron só un curso no IES pero que deixaron marca co seu traballo e foron para nós exemplo: Fernando Vázquez, Magdalena Rey e Almudena Falcón. Mais non quero que o que escribo sexa a coroa para un morto, senón que a nosa experiencia sirva para seguir adiante e que outros e outras poidan atopar no noso unha pista para facer o seu traballo. E aí creo que a interacción entre vicedirección e biblioteca ten sido (e é) un factor clave na nosa experiencia.

 

Recital de Lupe Bao nos talleres de automoción

 

A colaboración entre a dirección e a biblioteca. A miña “receita”

Cinco anos xa dan certa perspectiva e, aínda que algunhas cousas xa as vin desde o comezo, outras fóronme quedando bastante claras conforme foi pasando o tempo:

  1. Nos centros educativos é necesario que haxa un centro, un foro, onde a comunidade educativa comparta experiencias e coñecementos: penso que a biblioteca é o espazo idóneo para iso, por todo o que contén (fondos, equipamento) e por ser un espazo non vinculado a ningún “sector” concreto.

  2. Traballar por proxectos debería ser primordial en calquera centro educativo e a biblioteca debería ser o eixe que dinamiza tales traballos, pois ten as pezas para selo (información e recursos).

  3. O alumnado imita comportamentos e o seu esforzo é directamente proporcional ao realizado polo profesorado en xeral. Se ve implicación, hai posibilidades de que se impliquen.

  4. A suma de esforzos (docentes, biblioteca e dirección) sempre dá mellores resultados ca a individualidade.

A dirección é centro e a biblioteca é centro, entendo que son figuras complementarias. Non é infrecuente a visión da biblioteca como algo independente e illado do resto do centro, porén, xa dixen que entendo a biblioteca como central, como centro, e, desde logo, o centro tamén o é o equipo directivo. Para evitar o illamento da biblioteca é clave que a dirección do centro sirva de canle de unión, pois a colaboración entre equipo de biblioteca e a dirección reforza a importancia que ten a biblioteca de cara ao profesorado e ao alumnado e ao fin último que esta persegue. Que un membro do equipo directivo estea no equipo da biblioteca vai servir para achegar dinamismo e fluidez na comunicación da biblioteca coa dirección e esta vai estar na mesa de traballo continuamente, sen ter que agardar a que a persoa responsable da biblioteca traslade as súas peticións ou inquedanzas. En concreto, as vantaxes que ten esta implicación, con especial fincapé na vicedirección, veñen derivadas das propias tarefas deste cargo directivo:

  1. Xefatura do departamento de actividades complementarias e extraescolares do centro.

  2. Elaboración do plan anual de actividades.

  3. Responsabilidade da biblioteca escolar.

  4. Xestión das actividades durante todo o ano académico: promover e organizar actividades, autorizacións, desprazamentos, calendario, información e difusión de propostas internas e externas ao centro...

A dirección dun centro non ten a capacidade para dirixir un claustro cara á colaboración coas actividades da biblioteca, pero si pode condicionalo: supoño que fai falla carácter e carisma para acadar óptimos resultados, pero uns resultados modestos son atinxibles. E aínda que nun claustro é raro que abunden persoas dinamizadoras, ben é certo que imos atopando algunhas que recollen as propostas que lles damos e que nos axudan nas cuestións puntuais que lles pedimos.

Como funciona todo isto na práctica? Dado que o cargo de vicedirectora dá unha certa posición de forza, eu tento levar esa forza á biblioteca, así:

  1. Xa antes do inicio de curso, téntanse garantir horas de dedicación á biblioteca poñéndoa como unha prioridade á hora de facer horarios. Cando se fai o horario de gardas, sempre que haxa xente suficiente, téntase recolocar xente prescindible en gardas de aula para ocupala en gardas de biblioteca, ao mesmo tempo que organizar un horario de atención á biblioteca o máis amplo e racionalizado posible. Temos así un profesorado do equipo cunhas horas de dedicación e un profesorado de garda que nos cobre, sobre todo en tramos horarios nos que os do equipo non estamos, fundamentalmente para faceren préstamo e garantir certa atención.

  2. Redúcense prazos e axilízanse decisións ao saber cando se vai convocar un claustro ou consello escolar (incluso propoñendo convocalos).

  3. Hai certa capacidade de orientar remanentes de orzamento (tanto do xeral do centro coma dos distintos departamentos) para investilos na biblioteca.

  4. Introdúcese a biblioteca nos documentos organizativos do centro ao facer calquera actualización ou creación ex-novo.

  5. Desenvólvese unha visión de conxunto das actividades complementarias e extraescolares dos distintos departamentos didácticos para complementalas con actividades de biblioteca e así darlle maior continuidade, relevancia e significado ou optimizar recursos, por exemplo, facendo exposición de seleccións temáticas dos fondos da biblioteca para complementar unha charla organizada por un departamento ou aproveitando as prazas sobrantes no autobús dunha excursión para levar alumnado que participa nun club de lectura.

  6. Establécese un fío directo coa xefatura de estudos e o plan de convivencia para integrar alumnado expedientado nas tarefas de xestión da biblioteca.

  7. Aprovéitase o cargo directivo para falar coa prensa e entidades diversas de cara á organización de actividades e á súa difusión. Ben sabemos que non é o mesmo chamar ou mandar unha mensaxe tendo un cargo directivo que non téndoo (e non digo que isto me pareza ben).

  8. Téntase xunguir biblioteca + dinamización lingüística + vicedirección (formo parte dos tres equipos) para facer actividades globais significativas e que optimicen recursos e espazos (convén dicir que o noso IES carece de salón de actos e a maioría das actividades faise nun espazo acondicionado dentro da biblioteca).

  9. E, sobre todo, faise un planeamento da biblioteca que transcende o curso escolar, o profesorado que pode cambiar e incluso as ensinanzas que poden desaparecer, ao traballar con marxes de tempo máis amplas.

 

 Cineclub na biblioteca

 

Concluíndo

Esgotamento e ilusión, supoño que isto resume a miña experiencia ata o de agora. Non quero deixar un pouso negativo do que ata aquí fun relatando, pois o aprendido foi moito e as experiencias sempre tiveron a súa parte positiva. Sigo en pé e traballando, a cabeza a todo meter e as mans e o tempo que non dan marxe a todo o que se nos ocorre. Que cando estou nunha aula diga “xefe de estudos” cando quería dicir “xefe de Estado” non é unha confusión casual, ás veces teño a sensación de ser un poliedro: nunha cara son a profe de Historia, noutra a formadora de usuarios da biblioteca, noutra a vicedirectora, noutra a argalleira que fai chapas e pinta camisetas con textos literarios, ou a que asesora para un disfrace ou para unha lectura... En último termo, tamén entendo a biblioteca coma un poliedro, un espazo para aprender, para gozar, para investigar, para relacionarse... A vida ten matices e cores, só coa suma de todas obtemos unha realidade completa, e a docencia debería ser tamén global, ten que ser complexa, ou non achegará o verdadeiro coñecemento a esa realidade nin poderá transmitir o gozo do saber nin a ilusión por aprender.

Cartel Maio das Letras no LPN

Sección: