Curriculum XXI. Lo esencial de la educación para un mundo en cambio

(Novidade)
Heidi Hayes Jacobs (edit.). (2014) Educación Hoy Estudios, Narcea, S. A. de Ediciones, Madrid.

A editora deste libro, Heidi Hayes Jacobs, é unha experta internacional en currículo, directora e fundadora de Curriculum Designers Inc e  directora do Curriculum Mapping Institute, cunha longa experiencia en todos os niveis educativos, desde a escola elemental ata a Universidade de Columbia.

A obra recompila unha serie de artigos de distintos autores que pasan revista a distintas experiencias e propostas educativas que se están a levar a cabo nos Estados Unidos e noutros países.  

Na introdución, a editora diríxelles aos lectores unha pregunta directa para promover  a reflexión e  invitar á lectura de dez experiencias educativas innovadoras, progresistas e prácticas presentadas por dez colaboradores. A cuestión que propón a editora é clara:

Estamos preparando o alumnado para o futuro, ou sequera para o presente?

Para que a educación poida adaptarse ao mundo actual,  é imprescindible unha revisión e actualización dos currículos e das estruturas escolares. En palabras de Heidi Hayes Jacobs: “A nosa responsabilidade consiste en preparar os nosos estudantes para o seu mundo e o seu futuro. Preocúpannos cada vez máis as competencias e as ferramentas do século XXI para o noso alumnado. E preguntámonos: Que recortamos? Que mantemos? Que creamos?”

Entre os distintos artigos que compoñen a obra sinalarei algúns a modo de exemplo:
Stephen Wilmarth fai unha análise de  “Cinco tendencias sociotecnolóxicas que cambian todo na aprendizaxe e a ensinanza”,  centrándose no aproveitamento dos recursos tecnolóxicos, no acceso á información e nas redes sociais. Vivien Stewart defende “Unha aula tan ampla como o mundo”,  falando das repercusións da aprendizaxe global e as conexións globais. David Niguidula propón “Portfolios dixitais e mapas curriculares: enlazar o traballo do docente e do estudante” para que o alumnado poida construír a súa propia aprendizaxe. Jaimie P. Cloud propugna “Educar para un futuro sostible”, cun currículo que apoie a sustentabilidade e o entendemento global.

No último capítulo, Arthur L. Costa e Bena  Kallick propoñen “Repensar o currículo do século XXI”, que debe ser un currículo de procesos, de desenvolvemento de hábitos mentais e de estímulo da metacognición. Isto implica tres cambios:

  1. De saber as respostas correctas a saber como actuar cando as respostas non aparecen inmediatamente.
  2. De transmitir o significado a construír o significado.
  3. Da avaliación externa á autoavaliación.

En definitiva, o currículo debe preparar os individuos para a aprendizaxe de por vida, o que require un cambio no modelo de docente. Segundo os autores, estes cambios de modelos mentais ocasionarán necesariamente perturbacións e desequilibrios e, se non é así, non se estarán a producir tales cambios. A lectura deste libro supón unha axuda moi recomendable para guiarnos neste camiño da innovación crítica e reflexiva.

Consuelo Rivera
consuelorivera@edu.xunta.es
CFR de Vigo

Sección: