Cómo crear mapas mentales. Utiliza al máximo la capacidad de tu mente

(Imprescindible para hoxe)
Tony Buzan. (2013) Urano, Barcelona.

Tony Buzan amósanos a importancia dos mapas mentais tanto para a nosa vida persoal como profesional á hora de organizar unha presentación e escribir un informe, potenciar as destrezas mentais para ter ideas brillantes, persuadir as persoas e negociar con elas, recordar cousas, planificar os obxectivos persoais e adquirir control sobre a vida.

Compara o funcionamento dos mapas mentais co funcionamento do noso cerebro sinalando que, na creación dun mapa mental, os motores que poñen en funcionamento a marcha do cerebro son a imaxinación e a asociación.

O autor nesta obra tamén fai referencia aos sete pasos para debuxar un mapa mental:

  1. Empezar polo centro dunha folla en branco. Isto dálle ao cerebro a liberdade de moverse en todas as direccións e expresarse máis naturalmente.
  2. Debuxar no centro da folla unha imaxe que simbolice a idea principal. Unha imaxe central é o núcleo de interese, un centro de atención.
  3. Empregar moitas cores. As cores excitan o cerebro. Proporciónanlle enerxía positiva ao pensamento creativo.
  4. Conectar todas as ideas mediante liñas ou ramas. O cerebro traballa mediante asociacións.
  5. Trazar liñas curvas en lugar de rectas. As liñas curvas e asimétricas son máis atractivas e capturan a atención dos ollos con maior facilidade.
  6. Empregar unha palabra clave por liña. Os núcleos individuais de palabras clave proporciónanlles aos mapas mentais máis flexibilidade e contundencia.
  7. Utilizar moitas imaxes. Cada imaxe, coma a imaxe central, vale máis ca mil palabras.


Tony Buzán, pouco a pouco, empezou a empregar estas técnicas deixando atrás o sistema tradicional monótono e lineal de tomar apuntamentos. Ademais, descubriu que a maioría dos grandes pensadores, especialmente Leonardo da Vinci, empregaba imaxes, códigos e liñas ou ramas entrelazadas para escribir as súas anotacións. Os gregos para recordar cousas tamén desenvolvían dous poderosos conceptos: a imaxinación e a asociación. Así naceron os mapas mentais, un instrumento sinxelo e brillante que respecta a creatividade do cerebro e facilita enormemente os procesos mentais.

María teresa González Rodríguez
teresagr@edu.xunta.es
CFR de Lugo

Sección: