Neuroeducación. Solo se puede aprender aquello que se ama

(Imprescindible para hoxe)
Francisco Mora Teruel. (2013) Alianza Ensayo, Madrid.

De certo que terás oído falar de que o común dos mortais non utilizamos máis aló dun 10 % do noso cerebro. Quizais tamén saibas do beneficioso que resulta escoitar música clásica durante o embarazo (para o desenvolvemento da intelixencia do futuro bebé). Se cres con firmeza estas cousas, se cadra non deberías achegarte a este libro. Ou si.

Agora ben, se es docente e queres estar ao día das novidades que a ciencia vai desentrañando e que poden axudarche a ensinar mellor e a que o teu alumnado aprenda máis e mellor, entón decididamente debes buscar este libro e mergullarte no seu apaixonante contido.

Este libro fala da importancia da emoción e da empatía, da curiosidade, dos mecanismos da atención, do propio proceso cerebral da aprendizaxe e consolidación da memoria, dos ritmos circadianos e de tantos outros ingredientes que inflúen para innovar e mellorar a educación e o ensino.

Que é a ventá da atención? Sen emoción… non pode haber aprendizaxe? Que sabemos do cerebro cando aprende e como o fai? Que sabemos do cerebro dun neno que poida ser utilizado polo profesorado  para mellorar o ensino? Que danos psicolóxicos, cerebrais, aínda que sexan sutís, impiden ou dificultan a aprendizaxe? Como inflúe a luz na aprendizaxe? Son preguntas que aínda non teñen resposta definitiva, pero comeza a haber esbozos de respostas novas.

A neuroeducación —este termo híbrido que titula a obra que comentamos— comeza a aclarar os ingredientes neuronais do que coñecemos como emoción, curiosidade, atención, conciencia, procesos mentais, aprendizaxe, memoria e consolidación da memoria, e tamén o sono e os ritmos biolóxicos e todo isto desde o neno ata a persoa adulta, mesmo anciá. A neurociencia ao servizo de ensinar e, sobre todo, de aprender mellor. En palabras do autor:

Aprender é unha das condutas (conscientes ou inconscientes) máis vellas do mundo. Aprender é innato. Aprender é intrínseco ao proceso mesmo da vida, un proceso consubstancial á supervivencia, como o é comer, beber ou reproducirse. (…) Un ser vivo que non aprende, ou aprende mal, é un ser vivo que perece pronto.

No apartado ENFOQUES, contamos cunha entrevista ao profesor Mora, autor deste suxestivo libro. Francisco Mora Teruel é doutor en Medicina e Neurociencias, catedrático de Fisioloxía Humana e actualmente imparte docencia nas universidades Complutense de Madrid e Iowa nos Estados Unidos. É membro do Wolfson College da Universidade de Oxford. Tamén é —como poderás comprobar se accedes a este apartado ENFOQUES— persoa de verbo impactante, de fonda sabedoría e, sobre todo, un ser absolutamente entrañable.


Pacodiaz
Asesor. CFR Pontevedra
francisco.cesardiaz@edu.xunta.es

Sección: