Los dones de los cuentos

(Novidade)
Paco Abril. Editorial Octaedro, Barcelona, 2014

 

Julio Cortázar dícía que o conto fronte á novela nos gaña por knock out. A lectura dun conto provocaría, deste xeito, unha reacción tan impactante no lector que a este lle custaría reaccionar nun primeiro momento. Aquí, sen dúbida, atópase unha das claves dun xénero literario vinculado ás nosas emocións. O conto atrápanos desde as primeiras páxinas e non nos libera ata o desenlace da historia.


Paco Abril ganduxa unha serie de reflexións arredor do xénero literario conto no que as palabras emoción, gozo, pracer conviven con termos como coñecemento, imaxinación e aprendizaxe. O autor defende que estas narracións son un auténtico sustento vital para os individuos e, como di Santos Guerra no limiar, os contos achégannos á verdade, condúcennos de xeito eficaz cara ao coñecemento, avivan a nosa imaxinación e espertan o noso interese.


O autor vincula cada capítulo da obra a conceptos como desexo, empatía, atención, verdade, fuga, imaxinación, que serían os dons que a lectura dun relato singular proporciona a todo esperto e asemade curioso lector. Nos dous anexos que pechan o libro podemos atopar unha interesante campaña de fomento da lectura, Contadnos cuentos, por favor, e unhas útiles recomendacións para todo aquel que pretenda ser un sedutor contador de historias .


A lectura da obra aparece, ademais, enriquecida polas oportunas citas que inician cada capítulo e pola excelente selección de relatos con que o autor ilustra as ideas, expostas dun xeito no que teoría e práctica camiñan da man e son fiel reflexo das pretensións pedagóxicas do libro.


Los dones de los cuentos é un agasallo para todo lector que se deixe seducir pola maxia das palabras e o poder cativador dos contos nos que sempre se poden atopar significados que transcendan o texto e iluminen a nosa existencia.

 

Javier Pintor Elizalde
CFR de A Coruña

 

Sección: