Métodos para la enseñanza de las competencias

(Novidade)
Antoni Zabala, Lalia Arnau Editorial GRAÒ, 2014


O 18 de decembro de 2006 publícanse no Diario Oficial da Unión Europea as recomendacións do Parlamento Europeo e do Consello sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente. Desde a súa publicación, o profesorado intentou, con diferente nivel de compromiso e éxito, a incorporación das competencias clave, chamadas básicas na LOE, ao desenvolvemento do currículo na aula.


O profesorado, ao aproximarse ao enfoque competencial do ensino, encóntrase con problemas que afectan a aspectos relevantes das súas competencias profesionais: o deseño de situacións de aprendizaxe adecuadas ao desenvolvemento das competencias clave, a metodoloxía utilizada, así como a avaliación e cualificación do grao de adquisición destas. O libro, que achega solucións de interese aos problemas metodolóxicos citados, estrutúrase en dúas partes; unha formada polos tres primeiros capítulos, na que analiza como ten que ser un ensino baseado nas competencias clave: as características, condicións e métodos máis axeitados para o ensino competencial; outra, formada polos oito capítulos seguintes, na que se desenvolve un estudo máis detallado de diferentes métodos.


Na primeira parte, Antoni Zabala e Laia Arnau abordan o tema tomando partido pola formación integral e de preparación para a vida fronte á formación propedeútica, pola funcionalidade que, mobilizando elementos cognitivos, afectivos e condutuais, permite transformar os saberes en instrumentos de creación e cambio, fronte ao utilitarismo e, por último, por unha aprendizaxe significativa fronte á aprendizaxe mecánica. Así mesmo, formúlase unha secuencia de actividades de ensino-aprendizaxe para o desenvolvemento das competencias, estúdanse os métodos globalizados e preséntase unha interesante proposta de distribución horaria axeitada a estes.


Na segunda parte do libro, os autores céntranse no tarefa fundamental da obra: identificar e describir métodos apropiados para o desenvolvemento das competencias para a vida, e actualizalos á luz do coñecemento actual das diferentes ciencias da educación. Todos eles sitúan o alumnado nun proceso de solución, de construción ou de elaboración de algo que lle é de interese. Están baseados no método de proxectos desenvolvido no seu día por Kilpatrick sobre o marco teórico de John Dewey. Dedícase un capítulo a cada un dos seguintes: método de proxectos, centros de interese, método de investigación do medio, proxectos de traballos globais, estudo de casos e aprendizaxe baseada en problemas, role-playing e simulación, aprendizaxe e servizo e aprendizaxe produtiva. Para cada un deles destácanse aquelas competencias para as que, segundo os autores, é máis axeitado, e desenvólvense exemplos que, sen dúbida ningunha, serán de grande interese para o profesorado.

 

Manuel Losada Cabanas
CFR de Ferrol

Sección: