El aprendizaje basado en el pensamiento. Cómo desarrollar en los alumnos las competencias del siglo XXI

(Novidade)
Robert J. Swartz, Arthur L. Costa, Barry K. Beyer, Rebecca Reagan e Bena Kallick Editorial SM, 2013

 

É posible aprender a desenvolver o pensamento eficaz na escola?


Este libro, coordinado por Robert J. Swartz, director do NCTT (National Center for Teaching Thinking, dos Estados Unidos) con prólogo de David Perkins, codirector do Project Zero na Universidade de Harvard, propón un método, o TBL (Thinking Based Learning), para conseguilo. Os autores non só defenden que é posible, senón que defenden que debe ser obxectivo prioritario da escola no século XXI.


Parten dunha cita de Séneca: “Como o solo, por rico que sexa, non pode dar froito se non se cultiva, a mente sen cultivo tampouco pode producir”, e critican unha ensinanza baseada na memorización de contidos que non desenvolve a capacidade potencial que teñen os nenos e nenas de pensar de forma crítica e creativa, e que precisa esmerado cultivo. O que pretende a aprendizaxe baseada no pensamento (TBL) é propor un método, unha guía didáctica para lograr o pensamento eficaz.


Para lograr este obxectivo é preciso facer unha intervención deliberada e planificada, coa aplicación de destrezas de pensamento e hábitos mentais que permitan tomar decisións, resolver problemas, argumentar e levar a cabo outras accións analíticas, creativas ou críticas.


Existen outras propostas para o desenvolvemento do pensamento eficaz nas aulas, pero o que diferencia este método doutros, como a filosofía para nenos de Lipman, é que se integra na ensinanza dos contidos das distintas materias do currículo e ten como obxectivo mellorar a capacidade de pensar do alumnado e tamén o seu rendemento escolar. O TBL defende a “infusión” da ensinanza de destrezas e hábitos de pensamento na ensinanza dos contidos.


As destrezas analíticas e sintéticas, como poden ser comparar e contrastar, diferenciar o todo das partes, clasificar ideas, establecer relacións de causa efecto, facer predicións, análise da información relevante, toma de decisións ou resolución de problemas son imprescindibles como instrumentos de pensamento que estimulan e melloran a aprendizaxe dos alumnos e, ademais, son transferibles á súa vida extraescolar.


O libro vai dirixido a educadores de calquera nivel educativo, propón estratexias, técnicas e actividades concretas, e proporciona abundantes exemplos do contexto escolar. Este método de aprendizaxe baseado no pensamento é aplicado con éxito en distintos países, como Os Estados Unidos ou O Reino Unido, e tamén en varios centros en España.

 

Consuelo Rivera Seoane
                             CFR de Vigo


 

Sección: