Mellora da lectura, escritura e cálculo a través dos obradoiros de aprendizaxe no CEP Altamira (Salceda de Caselas)

Neste traballo preséntase unha proposta real e práctica de integración curricular de obradoiros na aula a través do Programa de mellora da lectura, escritura e cálculo dentro da modalidade Contratos-programa para a mellora do éxito escolar. O traballo a través de obradoiros vai supoñer un recurso que nos axudará a fomentar a educación inclusiva, xa que a través da proposta como integración curricular na aula propicia as aprendizaxes de todo tipo.

M.ª Montserrat Vaqueiro Romero
Directora CEP Altamira (Salceda de Caselas-Pontevedra)
Profesora-titora centro asociado UNED Pontevedra (Graos de Lingua Española, Estudos Ingleses e Historia da Arte)
Grupo de investigación en lingua española e linguas signadas da Universidade de Vigo (GRILES)
mvaqueiror@edu.xunta.es

 

1. CONTEXTUALIZACIÓN

A actuación lévase a cabo nun centro de educación primaria, o CEP Altamira de Salceda de Caselas (Pontevedra), onde se escolariza alumnado con idades comprendidas entre 6 e os 12 anos. O desenvolvemento de obradoiros lévase a cabo no terceiro ciclo, nos cursos quinto e sexto (10-12 anos). O centro conta con 24 unidades e máis de 500 alumnos. Os destinatarios desta actuación son arredor de 150 alumnos.

1.1. Contorno histórico

O concello de Salceda de Caselas está situado ao sur da provincia de Pontevedra e conta cunha extensión de 36,1 quilómetros cadrados. Limita ao norte co municipio de Ponteareas, ao leste con Salvaterra de Miño, ao sur con Tui e ao oeste co Porriño.
Na actualidade é o concello con maior índice de natalidade de Galicia, con preto de 9000 habitantes, que se reparten entre as sete parroquias que compoñen o municipio: Santa María de Salceda, Parderrubias, A Picoña, Entenza, Santo Estevo de Budiño, Soutelo e San Xurxo de Salceda.

1.2. Contorno natural

O CEP Altamira atópase na vila de Salceda de Caselas. O alumnado do centro procede das sete parroquias do concello. Polo xeral, é procedente do medio rural, salvo os habitantes do centro da vila.
Son salientables as explotacións graníticas, que lles proporcionan traballo a moitos veciños da zona. Aínda que a agricultura estea en fase de modernización, este sector limítase máis ben a ser de autoconsumo.

1.3. Contorno familiar

O nivel socioeconómico e cultural das familias é medio-baixo. As principias fontes de emprego da zona son as canteiras de granito e empresas derivadas, as empresas situadas no polígono industrial A Granxa (O Porriño), empresas construtoras da localidade e empresas de automoción (talleres, concesionarios de vehículos e grandes multinacionais en Vigo).

2. FUNDAMENTACIÓN LEGAL

Os centros educativos, para lograr a equidade e a excelencia na educación, deben desenvolver as capacidades de todo o alumnado conforme as súas posibilidades e circunstancias e, para iso, teñen que organizarse de xeito diferenciado, planificando os seus recursos e desenvolvendo as actuacións necesarias para o logro duns obxectivos específicos nun período de tempo determinado.
Concretamente na nosa comunidade autónoma encontrámonos con que para os cursos segundo, cuarto e sexto continúa vixente a LOE (do ano 2006), mentres que para primeiro, terceiro e quinto se iniciou a aplicación da LOMCE (2013). Por iso, para levar a cabo as actuacións formuladas, debemos cinguirnos ao marco legal educativo vixente para a Comunidade Autónoma galega:

  • Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (Lei orgánica de educación). BOE do 4 de maio.
  • Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE). BOE do 10 de decembro.
  • Orde do 23 de xullo 2014 pola que se regula a implantación para ou curso 2014/15 dos cursos primeiro, terceiro e quinto de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o calendario de aplicación da Lei orgánica 8/2013, para a mellora da calidade educativa (DOG do 14 de agosto).
  • Decretos que desenvolven os currículos (infantil, primaria, secundaria, bacharelato...).

No noso caso particular, ao tratarse dun centro de primaria, a referencia curricular encóntrase recollida en dous decretos. Por unha parte, para os cursos pares (segundo, cuarto e sexto) rexe o Decreto 130/2007, do 28 de xuño (DOG do 9 de xullo), polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, mentres que para os cursos impares se establece o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 9 de setembro).
Por outra parte, debemos ter en consideración as achegas da programación xeral anual, xunto cos seguintes documentos oficiais do centro que a complementan: Plan de atención á diversidade, Proxecto lingüístico, concrecións curriculares de ciclo e nivel, Proxecto TIC, Proxecto lector e Plan de acción titorial.
Con todo, tratamos de levar a cabo o desenvolvemento de competencias curriculares establecidas legalmente no Decreto 130/2007, do 28 de xuño (denominadas competencias básicas na LOE, cursos pares):
1. Competencia en comunicación lingüística
2. Competencia matemática
3. Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico
4. Tratamento da información e competencia dixital
5. Competencia social e cidadá
6. Competencia cultural e artística
7. Competencia para aprender a aprender
8. Autonomía e iniciativa persoal

Na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) establécense sete competencias, denominadas competencias clave, e que se extrapolan ao Decreto 105/2014, do 4 de setembro:
1. Comunicación lingüística (CCL)
2. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT)
3. Competencia dixital (CD)
4. Aprender a aprender (CAA)
5. Competencias sociais e cívicas (CSC)
6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE)
7. Conciencia e expresións culturais (CCEC)
Segundo se especifica en ambos os desenvolvementos curriculares polos que se establecen os currículos da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a Área de Educación Artística atópase subdividida en Plástica e Educación Musical. A carga horaria lectiva para cada unha das subáreas é dunha hora semanal.
Dentro desta estruturación, no CEP Altamira, con base no criterio da autonomía dos centros e sempre, por suposto, coa preceptiva aprobación e autorización da Inspección Educativa, temos establecido para o terceiro ciclo de primaria (quinto e sexto curso) unha estruturación rotatoria da Área de Plástica, onde teñen cabida diversos obradoiros, entre os que destacamos: radio escolar (quinto curso), blog (sexto curso), xardinería (quinto e sexto curso), danza (quinto curso), cociña (quinto e sexto curso), macramé (quinto e sexto curso), papiroflexia (sexto curso), debuxo técnico (sexto curso) e teatro (sexto curso). Todo o alumnado pasa por todos os obradoiros, en grupos de aproximadamente 10-15 integrantes.



 

3. MELLORA DA LECTURA, ESCRITURA E CÁLCULO

a) Razóns que xustifican a necesidade desta actuación

Nos últimos anos, por diferentes situacións (sociais, económicas ou familiares), vénse detectando alumnado con falta de hábitos de traballo, escaseza de motivación, atraso no proceso de maduración persoal, aprendizaxe deficiente das áreas instrumentais etc. e que, por diversos motivos, non pode recibir o apoio e reforzo que precisa no seo da súa familia. Polo tanto, o noso centro optou -entre outras- pola modalidade de mellora da escritura, lectura e cálculo, de maneira que este proxecto supoña un elemento de reforzo educativo que implique a comunicación e o compromiso mutuo do docente, do alumnado e das familias.

b) Obxectivos que se perseguen nesta actuación

  • Favorecer a correcta aprendizaxe da lecto-escritura e previr futuras alteracións no proceso.
  • Desenvolver as habilidades básicas implicadas no desenvolvemento do espazo.
  • Desenvolver a organización espacial a partir da interiorización das nocións espaciais básicas.
  • Desenvolver estratexias que lle permitan mellorar a través da experiencia o seu nivel lector.
  • Adestrar procedementos sistemáticos para desenvolver a comprensión.

c) Medidas concretas que se van desenvolver

  • Traballo en colaboración co obradoiro de cociña (tipoloxías textuais: a receita, medidas de ingredientes, vocabulario específico, aspectos culturais...).
  • Traballo da lingua oral e escrita a través da elaboración e emisión do obradoiro de radio escolar. O guión de radio. Traballo en galego, castelán e inglés.
  • Tipoloxías da lingua escrita en contornos dixitais: o blog.
  • Traballo da dramatización a través do obradoiro de teatro.
  • Traballo de cálculo e lingüístico a través dos obradoiros de xardinería, danza, macramé, papiroflexia e debuxo técnico.

d) Alumnado ao que vai destinada esta actuación

Participarán catro cursos de quinto e catro cursos de sexto de primaria, 150 alumnos.

e) Profesorado

Equipo de terceiro ciclo e de segundo (titores de cuarto, quinto e sexto, xunto con especialistas, implicados nos obradoiros).

4. DESENVOLVEMENTO DOS OBRADOIROS

4.1. Temporización

Ao alumnado de quinto adxudícanselle dous obradoiros por trimestre (distribuídos polo profesorado en función do número de alumnos e de obradoiros) e en sexto, un obradoiro por trimestre (elixidos polo alumnado). Deste xeito, en quinto curso todo o alumnado rota pola totalidade dos obradoiros ofertados neste nivel. Non obstante, en sexto os obradoiros temporízanse trimestralmente, polo que participan en tres ao longo do curso.

4.2.Metodoloxía aplicada

A metodoloxía aplicada é fundamentalmente activa e participativa, o alumno é o protagonista do proceso, intentando construír aprendizaxes significativas, polo que partimos de coñecementos previos, desde o contorno máis próximo.
O profesorado é un elemento dinamizador ou encauzador de ideas, descubrimentos e vías de avance do alumnado, de xeito que intentamos estimular a investigación con suxestións concretas cando foron necesarias, sen esquecer que os nenos e as nenas deben chegar aos seus propios resultados.

4.3. Recursos empregados

A necesidade de recursos depende de cada obradoiro: aula de informática para o blog e preparación de guións de radio, emisora de radio para as emisións durante o recreo, cociña equipada para o obradoiro de cociña, aula multiusos con ordenador e amplificadores para danza, invernadoiro, sementes e utensilios diversos para xardinería, outras aulas para macramé, debuxo técnico e papiroflexia. No relativo a teatro, é preciso vestiario, maquillaxe e decorados para a representación pública.

4.4. Dificultades atopadas

O único inconveniente que atopamos é que hai que botar man das capacidades do profesorado, pero con diálogo e boa disposición todo é posible.

4.5. Actividades realizadas

Son moitas e moi variadas as posibilidades de traballo con este sistema. Ademais é, sen lugar a dúbidas, enormemente enriquecedor para os destinatarios da acción formativa: o alumnado. A modo de exemplo, indicamos algunhas das actividades postas en práctica:

. No obradoiro de cociña trabállanse, por unha parte, as tipoloxías textuais: a receita, medidas de ingredientes, vocabulario específico (utensilios de cociña, técnicas, produtos...) e aspectos culturais. Por outra parte, as receitas elabóranse e degústanse na propia cociña. Isto serve para traballar tamén a importancia de hábitos saudables na alimentación e a hixiene na manipulación dos alimentos.

. Traballo coa lingua oral e escrita a través da elaboración de guións radiofónicos e emisión do obradoiro de radio escolar. Tipoloxías textuais: o guión de radio, a narración, a descrición, a entrevista... Traballo en galego, castelán e inglés. É a radio onde os protagonistas son os alumnos coas súas aprendizaxes.
Un dos obxectivos máis atractivos desta proposta é que os estudantes teñan a oportunidade de realizar o seu propio programa de radio, para o cal elaboran todos os materiais necesarios, guions radiofónicos e apuntamentos técnicos. Así mesmo, perséguese que o alumnado mellore o seu nivel de expresión escrita, a súa capacidade para traballar en equipo e a súa creatividade.
O traballo do obradoiro de radio (co alumnado de quinto) vai ser o marco para as emisións diarias durante o recreo, onde colabora cada día da semana un curso. O obradoiro constitúese así nun núcleo importantísimo para a implicación de todo o centro nas emisións diarias de radio escolar. Durante as emisións de radio, o alumnado de sexto fai os labores técnicos (xa se formaron ao longo do curso anterior como tales, cos compañeiros do curso superior).
O alumnado é o encargado de elaborar os guións, buscando información na web ou noutros formatos tradicionais (libros, revistas, prensa...).

As seccións dos programas radiofónicos son:
Luns pola mañá (luns), coas seccións: A fiestra dos cuartos (colabora cuarto curso na emisión do recreo), Monumentos e Animais en perigo.
Martes a bordo (martes), coas seccións: Radio miúda (colaboran primeiro e segundo na emisión do recreo), Países do mundo e Patinaxe.
Hoxe mércores (mércores), coas seccións: A quinta dos quintos (colabora quinto curso na emisión do recreo), Cociña e Curiosidades.
Xoves de recreo (xoves), coas seccións: O sexto sentido (colabora sexto curso na emisión do recreo), Mundo deportivo e Coches deportivos.
Venres nas ondas (venres), coas seccións: Radio 3 (colabora terceiro curso na emisión do recreo), Tendencias e Aquí hai praia.

. Tipoloxías da lingua escrita en contornos dixitais, a lectoescritura dixital: o blog. Redacción de entradas no blog (narración, descrición...), incorporación de imaxes, recensións de diferentes temáticas. A creación dun blog colectivo para este obradoiro permite desenvolver capacidades de traballo colaborativo a través da distribución de funcións no grupo, co cal se busca o recoñecemento do traballo persoal do alumnado no proxecto xunto coa consecución dun maior grao de autonomía. Os trazos fundamentais para o traballo co blog son:
   . Organización clara que facilite a lectura: un tema ben estruturado e en poucos parágrafos,
   . Uso de recusos tipográficos: tipos de letra, numeración, viñetas...
   . Uso de multimedia: imaxes, audio, vídeo...
Deste xeito, o blog pode ter diversas finalidades:
   . Proporcionarlle informacións e pautas de traballo ao alumnado.
   . Ser un medio de exposición dos traballos do alumnado.
   . Realizar proxectos en grupo.
   . Traballar sobre temáticas elixidas libremente.

. Traballo da dramatización e de responsabilidade compartida a través do obradoiro de teatro. Mellora da dicción, da expresión oral e corporal, memorización... Ademais da competencia lingüistica e comunicativa, trabállanse outras cuestións derivadas como a pragmática, a competencia sociolingüística e a competencia intercultural, establecidas no Marco común europeo de referencia para as linguas.

. Traballo de cálculo e lingüístico a través dos obradoiros de xardinería, danza, macramé, papiroflexia e debuxo técnico. En xardinería redáctanse as normas do obradoiro, recóllense por escrito datos diversos: utensilios e ferramentas, cultivos segundo a época do ano. Traballo de tipoloxías textuais: a narración (unha sesión no obradoiro), a descrición (de todo un proceso desde a semente ata o nacemento dos cultivos), a entrevista, por exemplo, sobre os cultivos e a época na que corresponde cada un (a pais, avós, veciños ou coñecidos). Traballo de educación documental a través de búsquedas na web o en formato tradicional sobre cultivos, sementes, apeiros de labranza e xardinería etc.
Doutra banda, no obradoiro de danza, ademais de traballar o ritmo, o cálculo (número de pasos) etc., trabállanse aspectos relacionados coas demais competencias: busca de información de diferentes estilos musicais, descrición de pasos (a través de fichas escritas) e recensións ou valoracións.
Os traballos manuais de macramé, papiroflexia e debuxo técnico acompáñanse da narración ou descrición escrita e oral dos procesos, ben sexa a través de pautas para a elaboración dos traballos, murais ou descrición de materiais.

. Traballo de concienciación ambiental no obradoiro de xardinería: coidado das plantas do centro, cultivo de produtos de horta no invernadoiro, limpeza do invernadoiro etc.

Concluímos, polo tanto, salientando que, independentemente das aprendizaxes formais, se están potenciando valores como a socialización, fomentando a aprendizaxe cooperativa e significativa, a coconstrución do coñecemento e a responsabilidade compartida.

4.6. Colaboración da comunidade educativa

A comunidade educativa é moi receptiva a este traballo. Todos os sectores implicados dan unha acollida moi positiva a representacións públicas e exposicións. Hai moita receptividade e boa disposición cando se solicita material ou información para o desenvolvemento de determinadas tarefas (vestiario ou complementos para teatro, informacións, receitas tradicionais, material para exposicións puntuais etc.).

4.7. Avaliación dos obradoiros desde diversas perspectivas (docentes, alumnado, familias...)

Valoración moi positiva en toda a comunidade. Sinal de identidade do centro.
No relativo á avaliación formal das aprendizaxes, pondéranse como calquera outra materia (do 0 ao 10). En concreto, no caso do alumnado de quinto curso, que asiste a dous obradoiros por trimestre, faise a nota media da obtida nas dúas actividades.

4.8. Vantaxes e inconvenientes

Afortunadamente, o sistema proporciona múltiples vantaxes e non se atopan inconvenientes no seu desenvolvemento e aplicación. O único inconveniente que podemos atopar como equipo directivo é que hai que botar man das capacidades do profesorado, pero con diálogo e boa disposición todo se acada.
O traballo a través de obradoiros, ademais de supoñer un sinal de identidade do noso centro, vai supoñer un recurso que nos axudará a fomentar a educación inclusiva, xa que a través da proposta como integración curricular na aula propicia as aprendizaxes interdisciplinares.    
As posibilidades ilimitadas que nos ofrecen estas actividades xa só se encontran na creatividade do profesor xa que supoñen en boa medida unha ruptura coa concepción xerárquica de profesor/alumno e moitas delas outórganlles prioridade ao movemento e á liberdade de expresión.


 

A través de representacións públicas puntuais, de emisións diarias de radio ou de publicacións (en formato papel, dixital e na web) que se levan a cabo no centro, o CEP Altamira visibiliza ante toda a comunidade educativa o resultado da práctica da actividade ao longo do curso.

 

Consideramos moi enriquecedora esta distribución, xa que nos permite levar a cabo unha implantación curricular das aprendizaxes. Tratamos de implantar estas actuacións con outros programas e iniciativas de innovación que se realizan no centro. Así, o obradoiro de xardinería enmárcase, pola súa vez, no proxecto ambiental Voz Natura (La Voz de Galicia) e vinculámolo coas actividades levadas a cabo a través do plan Proxecta, concretamente con Aliméntate ben, co que tratamos de aproveitar os produtos do invernadoiro para traballar na cociña.

 

O traballo desenvolvido nos obradoiros visibilízase para toda a comunidade educativa a través da páxina web do CEP Altamira. As emisións de radio lévanse a cabo a diario (con colaboracións dos cursos de primeiro a sexto), xunto con participación doutros eventos radiofónicos nas ondas como o proxecto Ponte... nas ondas (neste ano a emisión levouse a cabo en directo desde a emisora local Radio Líder Salceda).
                                                                                                       


Os traballos dos obradoiros de danza e teatro lévanse a cabo nos festivais de Nadal e das Letras Galegas, deste xeito veos toda a comunidade educativa. A visibilización do obradoiro de xardinería lévase a cabo no mes de xuño na festa de Voz Natura, onde presentamos os traballos do alumnado de sexto curso a outros centros de toda Galicia. Tamén se visibiliza a través da publicación da revista escolar (dixital e en papel), con gran proxección a toda a comunidade educativa.

5. CONCLUSIÓNS

En definitiva, como se expuxo ao longo da publicación, son actividades e medios que van propiciar a mellora da autoestima e a favorecer non só as relacións persoais e sociais senón tamén a cooperación e a construción colaborativa do coñecemento, coa conseguinte mellora no resultado das aprendizaxes. Estariamos ante a cohesión de diversas actividades e proxectos de innovación que se articulan no centro partindo dos talleres de aprendizaxe, o cal resulta enriquecedor xa non só por si mesmo senón pola implantación curricular das aprendizaxes, significando neste caso un sinal de identidade do centro.

 

 

Bibliografía: 

 

 

BOBES, M.ª del Carmen (1997): Semiología de la obra dramática (2.ª edición corrixida e ampliada). Madrid: Arco/Libros.

CASSANY, D. (1994): Enseñar Lengua. Barcelona: Graó.

CASSANY, D. (2006): “Aprendizaje cooperativo para ELE”. XV Encuentro práctico de profesores de ELE. Difusión e International House. Barcelona. 8 sep. 2011 (http://www.encuentro-practico.com/pdf06/cassany.pdf).

CONSEJO DE EUROPA (2002): Marco común europeo de referencia para las lenguas. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (http://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/asele/pdf/09/09_0636.pdf).

HIDALGO MARTÍN, V. (2013): “El teatro en la clase de ELE. Dos propuestas de taller”. Marco ELE, 15, xullo-decembro 2012 (http://marcoele.com/descargas/15/hidalgo_teatro.pdf).

NICOLÁS ROMÁN, S. (2011): “El teatro como recurso didáctico en la metodología CLIL: un enfoque competencial”. Encuentro, 20 (http://dspace.uah.es/dspace/bitstream/handle/10017/10111/teatro_nicolas_ENCUENTRO_2011.pdf?sequence=1).

PALACIOS GARCÍA, I. M. (2013): “Taller de teatro en la escuela”. Innovación y experiancias educativas (http://www.csi-csif.es/andalucia/modules/mod_ense/revista/pdf/Numero_20/ISABEL_PALACIOS_1.pdf)

Proyecto Atlántida, Educación y Cultura. 2013 (http://www.proyectoatlantida.net/).

TORRES NÚÑEZ, J. J. (1993) “Drama versus teatro en la educación”. Cauce: Revista de Filología y su didáctica, 16, 2 sep. 2011 (http://cvc.cervantes.es/literatura/cauce/pdf/cauce16/cauce16_18.pdf).

VACAS POZUELO, C. (2009): “Importancia del teatro en la escuela”. Innovación y Experiencias educativas, 16. Recuperado de http://www.csi-csif.es/andalucia/modules/mod_ense/revista/pdf/Numero_16/CRISTINA_VACAS_2.pdf

VAQUEIRO ROMERO, M. M. (2014): “El teatro como recurso didáctico”. Arriba el telón: enseñar teatro y enseñar desde el teatro: propuestas didácticas para trabajar el teatro en la clase de español. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

VAQUEIRO ROMERO, M. M. (2014): “Mejora del proceso de enseñanza-aprendizaje de las lenguas a partir de la motivación: el caso de los talleres de aprendizaje”. La enseñanza de ELE centrada en el alumno: Actas del XXV Congreso Internacional

ASELE. Univ. Carlos III de Madrid (pendente de publicación).

Sección: