Centenario das Escolas Labaca

Das Escolas do Ave María ata o CEIP Labaca

Andrés Soto Domínguez
Director do CEIP Labaca (A Coruña)

 

 

A historia do colexio Labaca comeza nos primeiros anos do século XX, cando tres persoas realmente únicas cruzan as súas traxectorias vitais para dar lugar á creación dunha institución educativa realmente innovadora e motivo de orgullo para todos os coruñeses.

A primeira destas personalidades non é outra que Ricardo Labaca, filántropo e fundador das Escolas Labaca, xunto coa súa irmá, Ángela, primeira presidenta da fundación que xestiona o centro. Ricardo nace na Coruña en 1842. Realiza estudos de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Santiago. Unha vez finalizados estes, desempeña varios postos relacionados coa avogacía ata que en 1882 é nomeado maxistrado da Audiencia en Santander. Posteriormente ocupa este posto nas cidades de Bilbao (1886), Granada (1892) e Pamplona (1901). Despois de pedir a xubilación voluntaria, trasládase definitivamente á súa cidade natal para converterse en presidente da Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña. Home de profundas convicións relixiosas, desenvolve un inxente labor de compromiso coas clases máis pobres da cidade. Como filántropo, podemos destacar dúas das súas principais iniciativas: a construción do Hospital Sanatorio de Labaca (actualmente Centro Oncolóxico de Galicia) e as Escolas da Ave María na Coruña, máis coñecidas polo nome do seu fundador.

A construción das Escolas Labaca encárgaselle ao arquitecto Leoncio Bescansa Casares. Este nace na Coruña en 1879 e realiza os seus estudos de bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda. Posteriormente, trasládase a Madrid para iniciar a carreira de arquitectura que remata en 1903. Seguidamente completa a súa formación académica viaxando por diversos países europeos, principalmente Alemaña, Austria e Italia. Xa de regreso a España, ocupa diversos cargos como arquitecto municipal (Lugo, Córdoba e Santiago). Bescansa recibe dos irmáns Labaca un primeiro encargo de construción dunha escola para nenos e nenas con fachadas ás rúas Teresa Herrera e Payo Gómez. Este proxecto remátao en Lugo o 15 de febreiro de 1911. A aparición dun terreo en venda no chamado Camiño Novo determina un cambio de localización que leva á elaboración duns planos novos que se rematan na Coruña o 27 de maio de 1912. Esta situación na novísima rúa Juan Florez percíbese na cidade como moi acertada e como un importantísimo elemento de educación e progreso. Temos que ter en conta que naquel momento o barrio de Santa Lucía estaba poboado de xente moi humilde e traballadora, vinculada á pesca e actividades portuarias ou ben como empregados da Fábrica de Tabacos, segundo testemuña o libro de matrícula do centro desa primeira época.

No proxecto, Bescansa plasma as súas ideas do que debe ser unha construción escolar. Así temos que o espazo por alumno é de 0,785 m2 e 3,94 m3 de capacidade, superior aos estándares europeos dese momento. O edificio escolar debe estar rodeado dun xardín que o ille do ruído e contaminación urbana. Debe contar con patios amplos que permitan o xogo e as actividades deportivas. A lonxitude das clases non debe ser superior a doce metros. A distancia do último pupitre ao encerado non será superior a dez metros, para que o alumno poida ver con claridade e sen esforzos os estudos ou figuras pintados nel. A altura das aulas será superior a catro metros para facilitar que a luz natural chegue a todos os alumnos. As paredes deben estar pintadas de cores claras e para o teito a cor máis adecuada é a branca. Na colocación das ventás debe evitarse a penetración directa da luz solar nas horas de clase. A luz debe entrar polo lado esquerdo do alumno. Todas estas consideracións, na súa maioría presentes nas normativas europeas máis avanzadas, son recollidas por Bescansa e opta por levalas a cabo nas Escolas Labaca en 1912. Son varios os estilos que conflúen no deseño do edificio, aínda que son evidentes os elementos de estilo modernista, neogótico segundo algúns, que permite plasmar na práctica as ideas pedagóxicas dos seus patrocinadores. Todo isto, reforzado pola utilización de materiais como o cemento armado que foi habilmente traballado polos artesáns da época, permite admirar un dos edificios máis bonitos que se poden atopar na cidade da Coruña.

 

 

O terceiro elemento que configura a escola na súa orixe non é outro que a chamada pedagoxía manjoniana. Durante a estancia de Ricardo Labaca en Granada como maxistrado coñece a obra e as teorías do sacerdote Andrés Manjón. Nacido en Sargentes de Lora (Burgos) en 1846, realiza estudos xurídicos en Valladolid e pasa a ocupar, unha vez finalizados estes, a Cátedra de Institucións Eclesiásticas en Santiago de Compostela en 1879 e despois a de Disciplina Eclesiástica en Granada, a partir de 1880. Home de profundas crenzas relixiosas, ordénase sacerdote en 1886 e pasa a ser cóengo na Abadía do Sacro Monte. En 1889, funda a primeira das escolas avemarianas cunha pedagoxía que, en palabras dos profesores Ángel Porto e Raquel Vázquez, é un antecedente claro, xunto coa Institución Libre de Ensinanza, da Escola Nova Europea. O aspecto máis significativo desta pedagoxía non é outro que o de ensinar xogando. Afirma Manjón: “No divorciemos al niño de sí mismo, no le privemos del encanto de su vida..., bajemos de nuestro sillón... adonde él está y vive contento y allí enseñemos jugando y eduquemos paseando”. Home de fortes conviccións, non dubida en afirmar que el juego es la única asignatura del niño hasta los cinco años; la principal de los seis a los nueve años; la indispensable, de los diez a los catorce; y la más saludable e higiénica hasta los veintiún años; y el educador que de ella no se ocupe ni preocupe, no sabe ni vale para educar”. Esta filosofía impregna a didáctica manjoniana, que se materializa en todas as áreas do currículo: hai xogos de aritmética e xeometría, de lingua e gramática, de xeografía e historia. Podemos atopar mariolas de números, de xeometría, abecedarios, partes da oración. Tamén mapas en relevo e cadros conceptuais pintados nas paredes tanto dentro coma no patio da escola.

En 1915, comezou a andaina coruñesa do colexio Labaca baixo o nome das Escolas da Ave María. Nestes primeiros anos a escola alcanza un grao de desenvolvemento notable. Na primeira etapa, as escolas constituíron non só unha oportunidade educativa para os cativos senón tamén para todos os habitantes do barrio. En 1923 e baixo a dirección de Francisco Javier Anta Seoane e cunha matrícula de 250 alumnos, organizábanse numerosas veladas teatrais e culturais que favorecían grandemente o labor formativo dos alumnos e familiares. Neste momento ao edificio principal engadíuselle un amplo e magnífico edificio cun teatro e unha capela, hoxe desaparecidos.

A metodoloxía e didáctica empregada nesta época responden claramente ás establecidas por Andrés Manjón. No horario escolar resérvase un espazo de 30 minutos diarios para a redacción do “Diario escolar”, que é un dos elementos significativos dos principios manjonianos. Mediante este exercicio diario o alumno expresa os seus sentimentos e vivencias, ao mesmo tempo que lle serve para practicar a ortografía e a caligrafía. Nun documento recollido por Manuel Banco Rey no número 34 do Anuario Brigantino, o director da escola, Francisco J. Anta, fai unha relación de elementos presentes no centro en 1923 e que ilustran moi claramente a didáctica apuntada anteriormente:

Dispone la escuela de [...] una revista mensual escrita por profesores y alumnos que se reparte gratuítamente entre éstos y sus familias; un decorado compuesto por 8 juegos de decoraciones [...] para las funciones teatrales; [...] un armonium para las clases de canto... En el piso de los patios tienen seis grandes mapas, mudos y en colores, de cemento, en relieve y sumergibles de unos 8 metros cuadrados cada uno; un mapa de España, de jardín, que ocupa 72 metros cuadrados; un contorno del cuerpo humano de 5 metros de largo...; una cuadrícula para el estudio de la aritmética de 4,5 metros de lado; una esfera de reloj de 2,60 metros de diámetro; y una rosa de los vientos; todo esto de cemento y en relieve... En las paredes existen pintados 2 grandes cuadros sinópticos de Historia de España y otros 2 de la Historia de la Religión de 6 metros cuadrados cada uno; 8 gráficos de Geografía, 12 de Geometría, 8 de Sistema Métrico Decimal, [...] 2 mapas mudos de España y otros 2 también mudos de Galicia.

 

 

En 1925 impartíanse clases nocturnas para ex-alumnos e ao ano seguinte saía á rúa a Banda Xuvenil de Música integrada totalmente por nenos do colexio, a cal obtén o primeiro premio nos certames escolares de bandas de música da época. Como xa dixemos, o colexio distribuía mensualmente a publicación realizada por mestres e alumnos baixo o título de El Avemariano Coruñés, da que din as crónicas “que levaba aos fogares da bisbarra as saudables ensinanzas da escola” e tamén se celebraban eventos como as exposicións anuais de traballos do alumnado que convertían o colexio nun centro educativo moi admirado na cidade.

A escola e a súa fundación aparecen recoñecidos unanimemente nos testemuños da época. Vicente Risco visita a escola con motivo da exposición de traballos dos alumnos de outubro de 1926 e deixa escrito no seu libro de visitas: “Que o labor tan feiticeiro das Escolas LaBaca siga por moitos anos dando o seu froito pra ben dos galeguiños de mañá, chamados a levar un outro grado d’esprendor â Nosa Terra”. E outro dos visitantes ilustres destas mostras, Ánxel Casal, anota no mesmo libro: “Cando os ricos galegos se decaten da importancia que para a nosa Galicia ten o insiño dos nosos rapaciños, terán que copiar a orgaización das “Escolas Labaca”, institución que honrando â Coruña, honra aos seus fundadores e mestres”.

Mais coa terrible convulsión social de 1936 iníciase na institución un período de decadencia que, sen responder a razóns estritamente pedagóxicas, culmina co peche das escolas no ano 1950.

Non é ata a Orde ministerial do 24 de novembro de 1966 cando as Escolas Labaca retoma a súa tarefa educativa, reabrindo as portas convertida nunha escola graduada, é dicir, na que os alumnos estaban separados segundo a súa idade. O primeiro ano estaba formada por dúas aulas de nenos e ao ano seguinte foi agregada unha unidade de párvulos.

 

 

Ao pouco tempo, a adaptación á nova lexislación educativa de principios dos anos setenta supón un novo cambio de funcionamento. A Administración impón a adaptación dos centros escolares aos requisitos estruturais e funcionais da Lei xeral de educación de 1970, polo que a Fundación Labaca, que non conta con medios económicos para atender os ciclos completos de ensinanza obrigatoria, lle cede as instalacións escolares ao Ministerio de Educación.

Representan estes anos un período crítico para a escola, dada a presión especulativa que leva a desprazar varios colexios dos contornos da rúa Juan Flórez cara á periferia da cidade. Non obstante, grazas á determinación das familias e dos profesores de continuar coas tarefas educativas, a Consellería de Educación decide custear as obras de ampliación construíndo dous edificios novos, un para educación primaria, co ximnasio na planta superior, e outro para educación infantil. Foron tempos convulsos para o noso centro, resoltos non sen custo emocional, como foi o derrubamento dos edificios do parvulario e do teatro situado na parte de atrás do edificio principal. Podemos dicir que os anos oitenta supoñen unha pequena revolución dentro da nosa comunidade educativa. De novo son moitas as actividades e iniciativas que se levan a cabo, das que podemos destacar o grupo de teatro constituído polos alumnos do centro e a organización dos Encontros Labaca. Os primeiros encontros dos varios realizados teñen lugar no días 3, 4 e 5 de xuño do ano 1983 e reúnen a destacados profesionais do ámbito educativo baixo o título “Que escola, que galego?”.

Na actualidade, no CEIP Labaca estudan 228 alumnos e conta cun cadro de persoal de 17 profesores que imparte ensinanzas de educación infantil e primaria. Coa inestimable colaboración da Asociación de Nais e Pais de Alumnos, organízanse múltiples actividades, tanto complementarias coma extraescolares, e desde a escola estase apostando pola educación plurilingüe e polas ferramentas multimedia como elementos de innovación educativa. Tamén polos valores de pluralidade, de respecto á diferenza, á participación democrática, á inclusión social, á igualdade de oportunidades, á xestión positiva dos conflitos e á cultura do diálogo.

Por último, a celebración do centenario é para nós un motivo de reflexión coa mirada posta no futuro. Debemos comprender e estimar a xenerosidade e lucidez de persoas que, como Ricardo e Ángela Labaca, emprenderon a fundación da nosa escola, a ousadía e a creatividade de Leoncio Bescansa, o arquitecto, a sabedoría e bondade de Andrés Manjón, o pedagogo, e o compromiso de tantos e tantos profesionais, alumnos e alumnas, pais e nais, colaboradores e amigos que compartiron este espazo centenario. O futuro pasa para nós por unha educación centrada no alumno, preocupada porque este aprenda e se forme como persoa. Esa é a nosa ilusión e o noso compromiso porque, como decía Manjón, en el niño todo es esperanza”.

 

Exposición "100 anos de historia. Escolas Labaca 1915-2015"

 

Bibliografía: 

 

 

MANJÓN Y MANJÓN, A. (1945). El maestro mirando hacia dentro. Edición Nacional de las Obras Selectas de don Andrés Manjón. Alcalá de Henares (Madrid): Patronato de las Escuelas del Ave-María (1.ª edición).

MANJÓN Y MANJÓN, A. (1949). El maestro mirando hacia fuera o de dentro a fuera, primera parte. Edición Nacional de las Obras Selectas de don Andrés Manjón. Madrid: Patronato de las Escuelas del Ave-María (1.ª edición).

BLANCO REY, M. (2011). “Recordando un centenario: las escuelas del Ave María”. Anuario Brigantino, 34. Concello de Betanzos.

FUNDACIÓN LABACA (1984). I Encontros Labaca. Ponencias. A Coruña: Edicións do Castro (1.ª edición).

PORTO UCHA, A. S. e VÁZQUEZ RAMIL, R. (2012). “Un espacio escolar centenario: Las escuelas Labaca de A Coruña, del pasado manjoniano al presente modelo público integrado”. III Foro Ibérico de Museísmo Pedagóxico - V Xornadas Científicas da SEPHE. Murcia.

Sección: