A biblioteca democrática, unha biblioteca para todos

Este artigo, humildemente, pretende ser unha reflexión sobre a xénese, formación e desenvolvemento dos grupos de estudo que funcionan na biblioteca do IES de Vilalonga desde o ano 2006 para a compensación das desigualdades en educación derivadas de causas familiares, sociais, económicas e culturais.

Elisa Rey Búa
profesora prexubilada, responsable da biblioteca IES de Vilalonga ata 2011
M.ª Isabel Fernández Fernández
profesora e coordinadora actual
isarifon@gmail.com

“Non podedes preparar os vosos alumnos para que constrúan mañá o mundo dos seus soños, se xa non credes neses soños; non podedes preparalos para a vida, se non credes nela; non poderedes mostrar o camiño, se vos sentades, cansos e desalentados, na encrucillada dos camiños."
CELESTIN FREINET

 

A historia

Nun barrio periférico de Sevilla, anos setenta, unha mestra que acababa de chegar de Madrid, ao rematar a xornada de mañá nun centro de primaria, dirixiuse a uns alumnos seus para animalos a que abandonasen o patio da escola e fosen lixeiros comer, mais eles responderon que nas súas casas non se xantaba. Non se decatara de que aqueles nenos non ían ás súas casas senón que agardaban no patio da escola, como único alimento, quentarse ao sol de mediodía. Onde estaba entón a igualdade de oportunidades?

Nos últimos anos escoitámoslle dicir a Raúl Vacas no seu obradoiro La poesía de cartón, referíndose á realidade das nosas escolas e da sociedade en xeral: “Aínda hai cativos e mozos en perigo de extinción, que volven sorprendidos ás súas casas despois dalgunha clase que os fai soñar cun posible cambio de estratexia.” É ben certo, e neste intre máis. Talvez por iso os mestres e a escola pública deben estar sempre moi alerta.

Non obstante, na España de mediados dos anos setenta algo importante estaba a piques de acontecer. En 1975, coa morte de Franco, os valores de xustiza e liberdade situáronse no primeiro plano da actualidade. As mentalidades estaban cambiando a un ritmo acelerado e a sociedade comezaba a ser máis igualitaria segundo se ían modificando estruturas de clases e mentalidades.

En 1978 apróbase a Constitución española que universaliza no noso país o dereito á educación.

Durante a década dos oitenta apróbase a Lei de reforma universitaria (LRU) e a Lei orgánica de educación (LODE). A isto engádese a Lei de patrimonio histórico, a subvención ao cine español, a reforma da Biblioteca Nacional e, o que para nós é moi importante, dáselle un forte impulso á construción de bibliotecas.

Todo este clima de ebulición propicia que nos anos noventa se aprobe unha das leis que fundamenta o noso sistema educativo actual que, entre outras achegas, prolonga a escolarización obrigatoria ata os 16 anos: a LOXSE (Lei orgánica xeral do sistema educativo). Segundo esta, a educación compensatoria debe poñer en marcha accións suplementarias ás habituais dos centros, co fin de minorar as condicións de desigualdade nas que determinados grupos de alumnos acceden á escola por mor de diferenzas socioculturais, xeográficas e outras.

En 2006 a LOE (Lei orgánica de educación) no título II, capítulo I, artigo 71, punto 2 di:

“Correspóndelles ás administracións educativas asegurar os recursos necesarios para que os alumnos e alumnas que requiran unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, polas súas altas capacidades intelectuais, por incorporarse tarde ao sistema educativo, ou por condicións persoais ou de historia escolar, poidan alcanzar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades persoais e, en todo caso, os obxectivos establecidos con carácter xeral para todo o alumnado.”

A nosa historia

“Ata a máis grande das viaxes empeza dando un paso.” B. FRANKLIN
(cadro funcións biblioteca)

 

 

Na biblioteca do IES de Vilalonga (Sanxenxo) unha soa persoa non faría nada. Foi preciso que desde o principio se sumasen á idea dunha biblioteca dinámica, compensadora do que se carece ou está perdido compañeiros que alentaron ou compartiron a mesma filosofía ao longo de 30 anos.

Nos anos oitenta, reorganizamos unha biblioteca que xa existía, é dicir, onde había unha importante selección de libros que agardaba ser catalogada e ben xestionada e un reducido e ben situado espazo que logo foi posible ampliar e mellorar. Non en balde, antes de chegar nós, alí estivera a persoa que levaba a Biblioteca Central da Universidade de Santiago dando un cursiño sobre a catalogación na CDU. Recollemos o legado, catalogámola e, en canto puidemos, informatizámola, o Meiga aínda tardaría tempo en chegar. Daquela, cando aínda a xornada escolar era moi longa (anos oitenta e noventa) ocupámonos de resolverlle ao alumnado as necesidades derivadas do currículo, lúdicas e formativas: libros de todo tipo, exposicións destes, xornadas de animación á lectura e a procura dun recanto agradable para o estudo e o debate.

E fómonos apoiando en argumentos de cantas e cantos sabían máis ca nós: a Eveline Charmeaux lémoslle que a falta de dominio da lectura é unha das causas claras do fracaso escolar, porque estudar significa ante todo ler, e porque na sociedade actual hai múltiples situacións de lectura que son indispensables se non queremos estar á disposición dos outros. A lectura é o camiño para a liberdade e a autonomía... Segundo Hebe Tizio a lectura toca o corpo, e a letra escrita e lida agrega o espazo, a mirada e a voz á palabra. Esta última di tamén que a función pacificadora da educación se realiza pola vía da cultura que separa o suxeito da súa rivalidade cos demais porque o interesa noutra cousa.

En segundo lugar, cando a xornada lectiva quedou reducida fundamentalmente á mañá coa LOXSE, pensamos que era o tempo de salvar o transporte escolar da xornada partida e encher de actividade o centro polas tardes, para que o alumnado non se perdese no ermo cultural que nos rodeaba, e é aí cando a biblioteca cobra protagonismo. Desde o proxecto pedagóxico que iamos soñando para ela, era posible impulsar todo: a asistencia ao currículo en todos os soportes, a escritura e a lectura creativas, o teatro, as viaxes, a música, o cine, as conferencias, os intercambios e obradoiros, a axuda nas tardes non lectivas ao alumnado máis necesitado durante a realización das súas tarefas cotiás e, por último, a creación dunha aula anexa á biblioteca para uso dos xogos con enxeño nos recreos...

O noso centro fora construído no rural de Vilalonga, lonxe de todo, por mor dunha especulación inmobiliaria que agromaba e decidira pór o IES ben apartado de Sanxenxo, alleo ao acontecer da vida da vila e dependente dunhas comunicacións moi deficitarias. Nós xa eramos “propensos”, como diría Beatriz, un personaxe de Mario Benedetti en Primavera con una esquina rota, e  esta circunstancia volveunos, se cadra, máis sensibles diante dos problemas reais. Tamén eramos conscientes de que estas ou semellantes eivas poderiamos telas tamén na urbe.

Logo viñeron tempos difíciles e conflitivos (anos noventa a 2000: crise económica de 1993, recesión, desemprego, unha altísima débeda pública, déficit das administracións do Estado..., desafortunadamente, un panorama ben familiar). Esta situación, como non podía ser doutro xeito, reflíctese na comunidade educativa e na posta en marcha da nova e ambiciosa Lei de educación (LOXSE). A referida lei chega, pois, sen suficiente acompañamento económico e, en consecuencia, non se forma adecuadamente o profesorado para a súa posta en marcha nin sempre é posible dispoñer de persoal suficiente.

Mentres tanto, isto era o que ocorría nos nosos centros: chegada ás aulas das escolas e dos institutos de máis nenos e nenas, o que aumentaba e diversificaba os problemas; presenza de alumnado de menor idade do que era habitual nos institutos, que precisaba un trato especial; aumento das disciplinas do currículo e diminución das horas lectivas por materia, fundamentalmente, nas materias básicas; condensación dos programas sen liberación de contidos, é dicir, introdúcese o novo sen alixeirar o vello, faltaban debate e recursos; esixencia dunha maior implicación, mal entendida, das familias no proceso educativo, cuxa finalidade parecía destinada a resolver a enorme cantidade de tarefas ou complemento do programa que non cabía no horario lectivo e que os rapaces e rapazas levaban para as casas.

Unha boa parte do alumnado andaba perdido polas aulas. Sabiámolo como profesores que eramos, pero tamén como pais e nais, os nosos fillos e fillas viñan habitualmente cargados de tarefas e ansiedade e a miúdo debiamos pór orde no caos e permanecer ao seu carón.
Neste contexto social e económico a lei tivo grandes dificultades para funcionar. Pero había que intentalo, podíase, mesmo cando a capacidade económica lle daba as costas.

Quen estaba a carón do noso alumnado que sufría os mesmos problemas dentro e fóra da aula? Con frecuencia ninguén. Era urxente, pois, remediar esta eiva se seguiamos pensando nun proxecto pedagóxico universal, plural, en igualdade de condicións, é dicir, democrático.

Nós non desexabamos seguir servindo impasibles o sistema educativo do que dicía Pierre Bourdieu en Les héritiers: Les étudiants et la culture,  que tende a premiar a aqueles alumnos que, procedentes de grupos sociais cun capital económico, social e cultural superior, están familiarizados co que se lles transmite e coa maneira de facelo, mentres que os fillos de familias cultural e escolarmente desfavorecidas interiorizan –cedo e profundamente– os límites das súas expectativas escolares, vivíndoo de forma natural. Isto é o que onte resultaba e hoxe tamén, en gran medida, un índice de reprodución da propia condición social e cultural estatisticamente próximo ás diferenzas orixinais, que é o que ocorre cando se incorporan automática e inconscientemente os límites da propia condición, o que é desexable ou indesexable, a ausencia total de desexo ou pretensión por acadar metas alleas á propia condición.

Non podiamos sentar na encrucillada do camiño...

 

Convencidos de que as utopías deben volverse realidade, no ano 2006 presentamos o noso proxecto ao Plan de mellora de Bibliotecas Escolares, onde se incluía un anexo que definía as gardas de biblioteca, concretamente falábase dun estudo dedicado ao papel da biblioteca como compensadora de desigualdades en educación. Xa tiñamos as ideas, as palabras collémosllas prestadas a Guillermo Castán nun congreso da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, no ano 2002, Ernesto Sábato regalounos no seu libro Antes del fin a sabedoría e de María Zambrano tomamos o compromiso: “No se pasa de lo posible a lo real sino de lo imposible a lo verdadero”.

Agora tiñamos, ademais das ideas, das palabras e dun compromiso, un apoio do legal: o PLAMBE. E aínda tivemos que aprender que, para que o silencio non sepultase o proxecto, non era suficiente delegar, había que empeñarse directamente na súa difusión e animación dentro e fóra do instituto. Había que defendelo con naturalidade. Explicalo sinxelamente, posto que todos os elementos estaban no centro agardando representar esa función e participar dela.

Desde ese ano 2006, a nosa historia escríbese como segue:

No curso 2006/07 revísase o Proxecto de biblioteca presentado o curso anterior e concrétase o programa para as tardes da biblioteca, que acompañará o proxecto como o seu anexo máis importante. Nel reflíctese a determinación do equipo de profesores da biblioteca de contar con gardas dentro do seu horario para atender as liñas de actuación, que previamente se estableceron, sobre o uso da biblioteca ao longo do día, de maneira especial polas tardes cando talvez puidese servir mellor aos programas de corrección das desigualdades sociais que afectan o desenvolvemento da personalidade e o rendemento escolar do alumnado.

Este programa foi pensado prioritariamente para o alumnado con problemas de aprendizaxe e dificultades sociais, familiares, económicas e outras.

O deber do profesorado de garda no acompañamento destes grupos era facer da biblioteca o seu lugar de estudo e acollida; guiar e orientar os seus deberes, dependendo das súas demandas; atraer ao centro a estes alumnos e alumnas para que se sintan a gusto nel e mesmo mellor ca fóra; espertar a súa curiosidade por saber; romper coa aula de xeito que este estudo non reproduza os seus patróns; facerlles comprender que saber require un esforzo e descubrir o seu atractivo; e como obxectivo último, descubrir as vantaxes do traballo en grupo para poder proxectarse no seu contorno e no mundo.

Ademais, fíxase a biblioteca como lugar idóneo destes encontros en horario de
16.15 a 18.00 horas, nas tardes non lectivas de actividade xeral do centro e en grupos reducidos de 10 alumnos e alumnas.

Nos comezos, en horario de gardas da biblioteca ou facéndoo de xeito voluntario, seis profesores do equipo préstanlles apoio a 3 grupos de alumnos de primeiro ciclo da ESO, atendendo a un total de 32 rapaces e rapazas.

A preselección inicial fíxoa o Departamento de Orientación, pero a selección definitiva foi tarefa da biblioteca en colaboración cos titores, despois da avaliación inicial ou por requirimento dos profesores que detectaron nun alumno ou alumna dificultades de aprendizaxe ou doutra índole. Realizáronse entrevistas presencias e individualizadas aos pais dos posibles candidatos.

A colaboración dos titores e a comunicación directa coas familias sentaron as bases para poder acadar o éxito

O PROA: do curso 2007/08 ao 2011/12 o grupo da biblioteca intégrase, con outros programas do centro, no PROA e recibe axuda económica e recoñecemento por parte da comunidade educativa. Inicialmente o profesorado colaborador da biblioteca prestáballe apoio ao alumnado durante as horas de garda, o que implicaba unha sobrecarga do seu horario lectivo, mentres os outros programas desenvolvidos fóra da biblioteca si se consideraban como horas de clase. Logo de expresar a nosa desconformidade con este agravio comparativo, empezóusenos a recoñecer este tempo como lectivo (curso 2008/09) e no seguinte curso (2009/10) normalízase a asistencia de dous profesores por grupo, un da área de ciencias e outro da área de humanidades, como viñamos demandado. Nese momento o programa da biblioteca xa tiña prestixio dentro e fóra do centro e a escasa oposición inicial deixara de existir.

A partir do curso 2012/13, a denominación PROA cambia e recibe o nome de Contratos Programa. Entre as actuacións solicitadas polo IES de Vilalonga á Administración educativa hai dúas que lle competen directamente á biblioteca escolar: “Titorías de estudo na biblioteca: a biblioteca compensadora de desigualdades” e “A biblioteca como dinamizadora cultural”. As dúas se nos conceden polo de agora.

E para concluír, o funcionamento do grupo é semellante ao que xa tiña no seu inicio, o nome que lle dá a Consellería de Educación é “Titorías de estudo na biblioteca” e especifícase “nas materias instrumentais”, pero nós entendemos que o noso labor vai moito máis alá do que é un simple reforzo cun éxito académico dubidosamente cuantificable na maioría das ocasións, e pensamos que temos que acompañar, aconsellar, orientar, corrixir condutas, crear hábitos, axudar a estar na sociedade e en sociedade... En fin, que as nosas estratexias varían en función das necesidades dos integrantes dos nosos grupos, pero a filosofía que nos anima é a mesma de sempre.

 

O noso futuro? Hoxe coma nos anos noventa, ou pode que máis (contexto económico, social, unha indesexable reforma educativa por vir), preséntase incerto. E neste tempo de incertezas, parafraseando a Alan Kerlan en L’École à venir, se nos preguntamos que é o que caracteriza a educación e a pedagoxía hoxe en día, podemos afirmar que é esa mesma incerteza contemporánea, o sentimento dun sistema en crise, pouco seguro das súas bases e das súas referencias, dos seus proxectos e da lexitimidade das súas prácticas, descoñecedor en maior ou menor medida das súas finalidades e dos seus obxectivos. É lexítimo entón preguntarse como educar hoxe e sempre os nosos rapaces. A resposta, en calquera caso, estamos seguras de que non é negar a utopía, non crer nos soños, deixarse invadir polo desalento ou sentar na encrucillada.

 

Bibliografía: 

 

  • BENEDETTI, MARIO (1982): Primavera con una esquina rota. Madrid: Alfaguara.
  • BOURDIEU, PIERRE; PASSERON, JEAN-CLAUDE (1964): Les Héritiers. Les étudiants et la culture. Editeur: Minuit.
  • CASTÁN LANASPA, GUILLERMO (2002): IES Fray Luis de León de Salamanca: “Un proyecto pedagógico en torno a la biblioteca de centro”, Segundo Seminario
  • do Consello Escolar de Castela e León. Astorga.
  • CHARMEUX, EVELINE (1992): “La lectura, plataforma interdisciplinar del fracaso”. En Cómo fomentar hábitos de lectura. Barcelona: CEAC.
  • Lei orgánica xeral do sistema educativo (LOXSE).
  • Lei orgánica 2/2006. BOE.es
  • SÁBATO, ERNESTO (1998): Antes del fin. Barcelona: Seix Barral.
  • VARIOS (2002): A lectura en Europa, X xornadas de bibliotecas infantís e escolares, organizadas pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deportes. Salamanca.

Webgrafía

Sección: