Quen somos? De onde vimos? A onde imos?

Avaliación nas bibliotecas escolares
Neste artigo, partimos da nosa experiencia na avaliación da biblioteca dun CPI, integrado no Plan de mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para compartir cos lectores a súa grande importancia no proceso de mellora e avance. Reflexionamos sobre por que, quen, que, como, cando e onde realizar a avaliación e as características que debe ter.

M.ª Jesús Martínez Martínez
Profesora e ex-coordinadora da biblioteca escolar do CPI da Ribeira
chusmm@edu.xunta.es
Inés Montenegro Fernández
Profesora e coordinadora do proxecto lector do CPI da Ribeira (O Porriño)
inesmontenegro@edu.xunta.es

«Completarase o incompleto, endereitarase o torto, encherase o baleiro, reporase o gastado» (Lao Tse)

INTRODUCIÓN

As autoras deste artigo levamos seis anos traballando na biblioteca do noso centro, o CPI da Ribeira. Ao longo deste tempo conseguimos pertencer ao Plan de mellora de Bibliotecas Escolares e darlle un gran pulo ao noso traballo e á calidade da oferta da biblioteca. Unha boa parte do éxito veu polo costume de sustentar o que facemos nas experiencias previas de anos anteriores, é dicir, por avaliar con coidado e sinceridade a nosa actividade para poder seguir avanzando e mellorando.

O noso é un centro con características un tanto especiais. Por unha banda, trátase dun CPI, con ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria e PCPI, coas complexidades que isto engade no ámbito organizativo. Por outra banda, as familias pertencen a un contorno sociocultural baixo ou medio-baixo no que a cultura non é unha prioridade. O alumnado procede ben do rural, ben dun polígono de vivendas de protección oficial; máis do 25 % deles é de etnia xitana.

Neste contexto a biblioteca escolar xoga un papel importante para compensar as desigualdades socioeconómicas e culturais do alumnado e ofrécelles unha alternativa ao mundo que o rodea. De feito, as últimas enquisas realizadas amosan que o 40 % do alumnado ten 20 libros ou menos na casa, o que fai imprescindible unha biblioteca que actúe como auténtico centro de recursos para o ensino, a aprendizaxe e a lectura.

 

Enquisa ao alumnado. Número de libros que teñen na casa)

 

POR QUE AVALIAR A BIBLIOTECA ESCOLAR?

1. Porque xestionamos para a comunidade e debemos coñecer as súas necesidades e os seus intereses. Traballamos para todos e non podemos facelo de costas a eles.

2. Porque debemos garantir a relevancia e adecuación do noso labor. A comunidade ten dereito a avaliar se o que facemos é o que precisan e queren.

3. Porque o esforzo en recursos, humanos e materiais, é grande, especialmente desde que pertencemos ao PLAMBE (Plan de mellora de Bibliotecas Escolares), cun grande investimento económico.

4. Porque é o único xeito de mellorar e de maximizar o aproveitamento de recursos. Cómpre ter en conta as dificultades xurdidas para tratar de solucionalas.

5. Porque para avanzar hai que saber quen somos, de onde vimos e a onde imos, de xeito que a programación recolla as carencias, éxitos e suxestións do curso anterior.

6. Para valorar o equilibrio e o alcance das actividades. Ao tratarse dun CPI debemos ter en contar as diferentes idades, necesidades e intereses do alumnado.

7. Para que a xestión sexa máis eficiente. É necesario avaliar a coordinación, a repartición de tarefas... (no noso caso concreto, máis complicado por tratarse, como xa se adiantou, dun CPI no que non coinciden nin os horarios lectivos).

 

QUEN AVALÍA A NOSA BIBLIOTECA?

Afortunadamente, toda a comunidade. Non podemos caer no tópico erróneo de pensar que só os responsables da biblioteca teñen o deber de avaliala: esta debe ser unha tarefa compartida por todos, na que sexan obxecto de avaliación os seus recursos, o seu funcionamento e, por suposto, os responsables da xestión.

Deste xeito, as voces das familias, do alumnado (e antigo alumnado [1]), do profesorado, do persoal non docente e, incluso, dos visitantes son escoitadas e valoradas.

 

Usuarios realizando a enquisa de avaliación)

 

QUE AVALIAMOS NA NOSA BIBLIOTECA?

 

Que avaliamos?

 

COMO AVALIAMOS A NOSA BIBLIOTECA?

Como froito da nosa experiencia e dos coñecementos adquiridos nos distintos cursos de formación, grupos de traballo, nas consultas ás bibliotecas veciñas e nas lecturas especializadas en bibliotecas, fomos desenvolvendo diferentes ferramentas que nos axudaron a avaliar a biblioteca e a súa xestión e funcionamento.

  • A túa voz. Trátase dun taboleiro de cortiza que os usuarios do servizo da biblioteca utilizan para deixar as súas propostas e suxestións.
  •  
  • Estatísticas Meiga [5]. O grupo da biblioteca manexa as estatísticas proporcionadas polo programa Meiga, co fin de obter os datos sobre os lectores e grupos máis asiduos, os libros máis lidos, os autores que máis gustan… e que nos resultan de axuda para novas adquisicións. Igualmente, serven para constatar o número de préstamos e ver se aumenta ou diminúe con respecto aos cursos anteriores.
  •  
  • Estatísticas do blog. Obsérvanse o número de visitas e comentarios que recibe o blog Osquelemos e o noso espazo na web do centro.
  •  
  • Enquisas. Elabóranse catro cuestionarios que lles son proporcionados aos usuarios (un para o alumnado, outro para o profesorado, outro para as familias e outro para os membros do club de lectura) nos que expoñen o seu grao de satisfacción e valoración das distintas actividades. Os cuestionarios realízanse a través de internet (Google Docs) para maior comodidade dos usuarios e nosa (xera gráficas automaticamente a partir das respostas).
  •  

Exemplo de gráfica xerada por Google Docs.)

  • Rexistro de actividades desenvolvidas. Partindo das iniciativas previstas no proxecto, levamos conta das actividades, tanto as que teñen que ver coa xestión da biblioteca (catalogacións, préstamos, consultas, perdas ou baixas, novos materiais, investimentos…) como coa dinamización (grao de participación en concursos e demais actuacións para o fomento da lectura, premios outorgados, implicación dos diferentes ciclos e departamentos…).
  •  
  • Rexistro de incidencias. Co fin de ter unha canle directa onde se plasme calquera tipo de problema ou atranco que xurda, elaborouse un rexistro onde se anotan as cuestións relevantes relacionadas cos empréstitos dos fondos e co uso da biblioteca en xeral.
  •  
  • Rexistro de uso de ordenadores e reprodutores de CD. Creouse este documento para deixar constancia do alumnado que usa estes aparellos, o horario de máis uso, as súas idades... e vixiar o bo uso que se fai deles.
  •  
  • Libro viaxeiro. Trátase dun caderno que se inclúe na Mochila Viaxeira co resto do material. Nel, o alumnado e a familia reflicten as súas opinións, suxestións e críticas. Estes comentarios téñense en conta o seguinte curso á hora de seleccionar os materiais que se inclúen.
  •  
  •  
  • Retallos dalgúns libros viaxeiros)
  •  
  • Observación directa. O profesorado e o alumnado axudante observa e analiza a diario a biblioteca e o seu funcionamento, con e sen usuarios. Estes datos coméntanse nas reunións semanais do equipo de biblioteca ou anótanse no rexistro de incidencias (de ser necesario), extráense conclusións e tómanse as medidas oportunas.

CANDO E ONDE AVALIAMOS A NOSA BIBLIOTECA?

A avaliación debe ser un proceso constante de observación e rexistro de todas as cousas, pequenas e grandes, que ocorren acotío. Este rexistro plásmase, na nosa biblioteca, en varios documentos: o rexistro de incidencias, que comprobamos a diario; o rexistro das actividades desenvolvidas, onde plasmamos unha primeira avaliación das actividades con anotacións e orientacións para o seguinte curso; e o rexistro de uso de ordenadores e reprodutores de CD.

Ademais deste traballo continuo, a avaliación ten tamén outros momentos:

  • Semanalmente, na reunión do equipo da biblioteca.
  • Mensualmente avaliamos, en reunión, as propostas e suxestións dos usuarios, recollidas a maioría delas no taboleiro A túa voz.
  • Cada trimestre, nas reunións do claustro ou da CCP, avalíanse as actividades levadas a cabo, recursos, centros de interese... de xeito que o profesorado poida contribuír coa súa voz. Así mesmo, tamén son obxecto de análise e avaliación os resultados obtidos nas estatísticas do programa Meiga.
  • Ao finalizar cada curso escolar, realizamos catro enquisas para recoller a avaliación dos distintos sectores: alumnado, profesorado, familias e, de habelo, membros do club de lectura.

Finalmente, con todos estes datos e os incluídos no apartado anterior (libro viaxeiro etc.) redactamos a memoria do curso escolar que nos vai servir de punto de partida para elaborar o proxecto do curso seguinte. Esta memoria apróbase en xuntanza do claustro e do consello escolar.

 

CONCLUSIÓN

E tanto traballo, para que?

Como dicía Shakespeare, o pasado é un prólogo. Cómpre avaliar o pasado e o presente para construírmos futuro. As bibliotecas escolares, como centros de recursos para o ensino, a aprendizaxe e a lectura, teñen na súa man a chave dun futuro mellor para as nosas comunidades escolares.

Para que as bibliotecas deixen de ser simples arquivos de libros cheos de po, é necesario investir tempo, esforzos e cartos na súa mellora... e avalialas con humildade, honestidade e sen medo a rectificar.

 

NOTAS:

  1. Antigo alumnado. Boa parte do noso alumnado, cando remata a ESO, continúa os seus estudos no centro veciño, o IES Ribeira do Louro, pero segue usando a nosa biblioteca sobre todo para os empréstitos e tamén para colaborar nalgunha actividade.
  2. Expurgación. Retirar da biblioteca aqueles fondos que están deteriorados, obsoletos ou que non responden ás necesidades dos usuarios da biblioteca.
  3. Alfabetización informacional. Adquisición de habilidades e procedementos para o acceso á información e ao seu tratamento.
  4. Horario extraescolar. A nosa biblioteca abre todos os días polas tardes. de 16.00 a 17.00 horas.
  5. Meiga. Trátase do programa informático e da base de datos que a Consellería da Cultura pon á disposición das bibliotecas escolares de Galicia. Entre outras utilidades, posibilita a xestión informatizada da biblioteca.

 

Bibliografía: 
  •  
  • DURBAN, Glòria (2010): La biblioteca escolar hoy. Un recurso estratégico del centro. Barcelona: Graó.
  • FUENTES, Juan José (2010): Evaluación de bibliotecas y centros de documentación e información. Xixón: Trea.
  • VVAA, (2010): Bibliotecas escolares «entre comillas». Madrid: Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
  • VVAA (2011): Bibliotecas Escolares ¿entre interrogantes?.  Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
  • VVAA, (2011): Marco de referencia para las bilbiotecas escolares. Madrid: Ministerio de Educación

LIGAZÓNS:

Sección: