Clubs de lectura en primaria. Unha experiencia de lectura compartida

Desde o curso 2008/09 a Biblioteca Brea Segade inclúe, na súa programación de actividades, clubs de lectura para o alumnado de quinto e sexto de primaria. O artigo describe o funcionamento e os motivos que levaron o equipo de biblioteca a poñer en marcha esta actividade.

Covadonga Rodríguez Argüelles
Mestra titora e responsable de biblioteca do CEP Xosé M.ª Brea Segade de Taragoña (Rianxo)

covararguelles@edu.xunta.es
www.blogoteca.com/bbs

Por que os de cuarto non podemos estar nos clubs de lectura? Por que hai que esperar a quinto para estar nos clubs? Ese biscoito é só para os dos clubs?

No CEP Xosé M.ª Brea Segade é habitual que nalgún momento do curso os pequenos pregunten polos clubs de lectura, teñen curiosidade. Desde que chegan á escola escoitan falar deles, saben que é unha actividade só para os maiores que implica privilexios como poder comer na biblioteca, asistir a xantares e proxeccións de películas fóra do horario lectivo ou ter unha sección propia no blog da biblioteca. En Taragoña tamén é normal falar de clubs, en plural, porque desde que comezaron a funcionar sempre foi necesario organizar polo menos dous grupos, dada a boa acollida que tivo e segue a ter esta actividade entre o alumnado.

Todos saben que estar nun club é algo especial, pero que é un club de lectura? Que se fai nun club de lectura?

 

A Biblioteca Brea Segade

O CEP Xosé M.ª Brea Segade é un centro pequeno, de ámbito rural, que conta na actualidade con cento dez alumnos de educación primaria, procedentes das parroquias de Taragoña e O Araño, e trece mestres, dous dos cales son compartidos con outro colexio do municipio.

A Biblioteca Brea Segade é un espazo fundamental no centro, dinamizadora das actividades de ensino e aprendizaxe e de iniciativas culturais orientadas ao conxunto da comunidade educativa. A BBS pretende ser centro de recursos para a aprendizaxe, espazo de encontro entre o alumnado, o profesorado e as familias e motor de actividades culturais, desde o compromiso coa nosa cultura e a nosa lingua e moi especialmente coas manifestacións artísticas e literarias do noso municipio, Rianxo. A Biblioteca Brea Segade forma parte do Plan de mellora de Bibliotecas escolares da Xunta de Galicia (PLAMBE) desde o curso 2006/07. Ao longo dos últimos anos, grazas á participación neste programa, fomos definindo, avanzando e consolidando o modelo de biblioteca que queremos para o noso centro. No ano 2011 recibimos un recoñecemento que confirmou que estabamos a camiñar na dirección axeitada, o Premio Nacional de Boas Prácticas en Bibliotecas Escolares, un importante estímulo para continuar consolidando o proxecto da BBS. Os clubs de lectura forman parte do noso proxecto de biblioteca desde o curso 2008/09.

 

Por que un club de lectura en primaria?

No marco do importante movemento de transformación e dinamización das bibliotecas escolares que se está a vivir en Galicia, promovido e sustentado desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, comezaron a funcionar, con éxito, clubs de lectura en moitos centros de secundaria. O noso equipo de biblioteca interesouse pola experiencia e, á luz dos resultados que se estaban a acadar en secundaria, valorou a idoneidade desta actividade de animación á lectura e a posibilidade de adaptala para o noso alumnado e a nosa realidade. Os clubs de lectura achéganlle ao noso proxecto de biblioteca os seguintes aspectos:

  • Ler non é unha actividade exclusivamente escolar
    A relación entre escola e lectura é clara, ás veces excesivamente centrada na mecánica da lectura, máis tarde no control da comprensión e non sempre enfocada cara ao pracer que no ámbito persoal nos pode ofrecer. Corremos o risco de que o noso alumnado identifique a lectura cunha tarefa escolar, cunha obriga, especialmente a medida que van medrando. As bibliotecas escolares debemos contribuír a ampliar e redefinir a concepción de lectura. Os clubs de lectura, como a Hora de Ler e outras actividades habituais nas nosas programacións, son recursos moi valiosos para cambiar o enfoque e poñer en valor a lectura como afección, tamén en primaria.
  • Ler para compartir
    A lectura pasa de ser nas primeiras idades unha actividade compartida na familia e nas aulas a converterse progresivamente nunha actividade individual que precisa de silencio e concentración. Con todo, os lectores adoitamos falar sobre as nosas lecturas, gústanos compartir opinións, recomendar, relacionar os textos con outras obras e coa nosa propia experiencia e realidade. Os clubs de lectura proporcionan espazos para compartir as vivencias cos libros, para confrontar opinións, para ter unha visión máis completa do ofrecido por unha lectura, para escoitar as valoracións e opinións dos demais. Tomar a palabra despois do silencio e da concentración, facer propio o texto lido, darlle un significado persoal e compartilo. As xuntanzas dos clubs son auténticas sesións de comprensión lectora, moito máis ricas e máis significativas ca moitas das fichas e materiais de comprensión lectora empregados nas aulas.
  • Ler para socializar
    Os clubs de lectura son comunidades de lectores que comparten unha afección e que, grazas a ela, encontran novos espazos para a socialización. Búscase crear espazos de comunicación fluída nun clima de respecto e confianza. Nos clubs non hai respostas acertadas, nin erros, nin cualificacións. Pode non gustar unha lectura, pode non entenderse, pode ás veces non rematarse. Isto facilita a participación non só dos lectores e lectoras convencidos senón tamén dos rapaces e rapazas con dificultades de integración na escola, os que non acaban de atopar o seu grupo de referencia, os que nos recreos poden sentirse algo perdidos. Os clubs permiten participar en grupos con compañeiros diferentes dos habituais, onde o académico non é o fundamental.

                                  Xuntanza dun club de lectura

 

  • Ler para aprender e para descubrir outras realidades
    Os clubs posibilitan descubrir outras realidades nos libros e nos materiais que os acompañan para facilitar a lectura, pero tamén nas opinións dos compañeiros e compañeiras e no seu xeito de entender as obras propostas. O diálogo arredor dos libros enriquece as súas achegas e permite ampliar os puntos de vista.
  • Ler para medrar
    As lecturas e as conversas posteriores permiten reflexionar sobre temas diversos, comparar outras realidades coa propia, elaborar opinións e pensamentos propios e contrastalos cos dos demais desde o respecto e a tolerancia. Pensamos que a participación nos clubs de lectura constitúe unha experiencia fundamental de educación en valores, que contribúe á configuración da personalidade e á interiorización de comportamentos democráticos.

A valoración de todos os aspectos que os clubs de lectura podían ofrecerlles ao noso proxecto de biblioteca e ao desenvolvemento do proxecto lector de centro levounos a incluílos entre as propostas de animación á lectura da BBS desde o curso 2008/09.

 

Os clubs de lectura da BBS

Ao longo destes seis cursos, os clubs de lectura da BBS veñen funcionando cunha organización moi similar e pequenas modificacións orientadas a aumentar o tempo de encontro dispoñible. Así, por exemplo, desde hai dous cursos as xuntanzas desenvólvense no recreo e na Hora de Ler, de xeito que pasamos a ter corenta e cinco minutos de xuntanza fronte aos vinte e cinco iniciais, e os xantares trimestrais realízanse nunha xornada sen clase pola tarde, co que pasamos a dispoñer de catro horas de actividade conxunta.

Na actualidade funcionan na nosa biblioteca dous clubs de lectura simultáneos cun total de trinta e dous alumnos e alumnas de quinto e sexto de primaria, coordinados por dúas mestras que forman parte do equipo de biblioteca. As xuntanzas lévanse a cabo cada tres semanas entre os meses de outubro e maio e cada trimestre remata cun xantar, no que aproveitamos para ver unha película e realizar algunhas actividades de animación á lectura e á escritura.

Cada curso, a comezos de outubro, levamos a cabo o lanzamento da actividade e insistimos no seu carácter voluntario e no necesario compromiso de asistir ás xuntanzas e ler os libros propostos. Estes son as dúas únicas condicións para poder pertencer ao club de lectura.

A primeira xuntanza é común para todos os interesados e nela distribuímos os grupos, pedimos que escollan un nome para o seu club, que deseñen unha mascota e que decidan, en función dos seus intereses, a orde en que queren ler unha escolma de lecturas proposta polas coordinadoras. Entregámoslles unha breve recensión bibliográfica dos libros dispoñibles e presentámosllelos para que poidan decidir cales lles resultan máis atractivos.

Cada club pasa a ser identificado polo seu nome e a súa mascota, cos que personalizamos todos os materiais que se empregarán ao longo do curso no desenvolvemento da actividade. Os membros dos clubs reciben unha carpeta na que gardar os libros e as fichas de lectura de cada libro, que ao final da actividade pasarán a constituír un caderno do club. Coa carpeta entregamos un calendario de xuntanzas para todo o curso.

 

                                  Mascota e nome dun club

 

As fichas dos libros inclúen unha breve información sobre o argumento e espazo para anotacións e debuxos que compartirán nas xuntanzas do club. Este curso engadimos un espazo para anotar información sobre os autores que poden buscar na sección dos clubs no blog da BBS. As anotacións ou debuxos sobre as lecturas teñen carácter voluntario e só se eles queren son compartidos no blog. Non se leva a cabo corrección ortográfica dos textos que escriben sobre os libros a non ser que o pidan, algo que normalmente fan se queren que sexan publicados no blog. As súas achegas nos cadernos do club son variadas, maioritariamente escriben valoracións das lecturas e dos personaxes e realizan debuxos que reproducen ilustracións ou portadas dos libros, pero en ocasións tamén recollen expresións ou palabras que os sorprenden, propoñen finais alternativos e ilustran fragmentos do libro.

                                  Ficha de lectura dun dos libros do club

 

As xuntanzas dos clubs comezan sempre compartindo un doce que achegan as coordinadoras. Os biscoitos, galletas e tortas dos clubs sempre figuran entre os aspectos mellor valorados nas enquisas de avaliación da actividade que se realizan ao final do curso. Contribúen a crear un clima distendido, forman parte do ritual do club, son o punto de partida para comezar a falar sobre as lecturas e, por suposto, son moi ben recibidos a media mañá. Desde o principio e de xeito espontáneo, os nenos comezaron a traer larpeiradas feitas polas súas familias como sobremesa para os xantares de final de trimestre. Nesas ocasións son eles os que traen os doces, non as mestras, pero a función segue a ser a mesma, crear o ambiente dun grupo de amigos que comparten comida e conversa.

                                 

                                  Biscoito e lectura

 

Quen participa nos clubs?

Os membros dos clubs son fundamentalmente nenos e nenas aos que lles gusta ler, pero tamén vén sendo habitual que participe alumnado con dificultades de integración na escola e en ocasións alumnado con necesidades educativas especiais que encontra nos clubs un espazo sen grandes demandas académicas que lle permite socializar e pasar un tempo agradable con outros compañeiros e compañeiras. Estes rapaces non sempre len os libros completos, pero escoitan os comentarios e valoracións do resto dos membros do club e participan nas conversas derivadas das lecturas, facendo achegas desde as súas propias vivencias. A lectura posibilita un espazo de compensación de dificultades e desigualdades.

Normalmente a porcentaxe de nenas nos clubs é maior, a pesar de que desde o comezo lles prestamos especial coidado a aspectos como escoller para as xuntanzas un día da semana no que quinto e sexto non poidan usar o campo de fútbol ou buscar lecturas que, pola súa temática e personaxes, poidan ser consideradas atractivas para nenos e nenas. Cremos que é preciso, nesta e noutras actividades de animación á lectura, fomentar a participación dos rapaces, porque desde a nosa experiencia eles, a medida que medran, tenden a ser máis remisos a tomar parte voluntariamente en actividades relacionadas coa lectura.

Que ler nun club de lectura de primaria?

Entendemos os clubs de lectura como unha actividade orientada ao desenvolvemento do proxecto lector de centro, que complementa outras intervencións dirixidas ao conxunto do alumnado, como poden ser os itinerarios lectores de cada ciclo, os encontros con escritores ou as Mochilas Viaxeiras. Os criterios fundamentais á hora de escoller as lecturas dos itinerarios e dos clubs son: calidade literaria, transmisión de valores, contido atractivo e axeitado para as idades dos lectores e pertenza á bagaxe imprescindible da literatura infantil e xuvenil, eses títulos que todos deberiamos ler na infancia. No caso dos clubs pensamos que é necesario tamén que a temática facilite a reflexión e o debate. Cremos que é imprescindible que a oferta dos clubs complemente os títulos dos itinerarios lectores de quinto e sexto, polo que a comezos de curso acordamos cos titores as lecturas que se realizarán.

Cada curso lense nos clubs entre dez e doce obras diferentes. Lemos principalmente narrativa, pero desde o comezo incluímos cada ano a lectura dun libro de poesía e dun de banda deseñada. Lemos poesía en marzo e organizamos un recital poético na Hora de Ler, coincidindo co Día Mundial da Poesía, no que os membros dos clubs comparten co resto do centro unha mostra do que están a ler.

                                   Recital de poesía

 

A Biblioteca Brea Segade procura adquirir cada curso algunhas coleccións para ir dotando de fondos os nosos itinerarios lectores. Desde o ano 2008 pensamos en obras para terceiro ciclo que poidamos empregar nas aulas e nos clubs de lectura. En calquera caso, malia ás adquisicións que fomos realizando nos últimos anos, os clubs non poderían existir sen o préstamo interbibliotecario. Empregamos os recursos que bibliotecas escolares e municipais de toda Galicia ofertan desde a páxina promovida pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, Libros a eito (http://librosaeito.blogspot.com.es/). Os libros ofertados coinciden cos criterios que nós empregamos para seleccionar as nosas lecturas e grazas ao intercambio con outras bibliotecas podemos enriquecer e dar variedade aos clubs e manter a actividade ao longo dos anos.

Conclusións

A avaliación da experiencia realizada nestes últimos anos polo alumnado, o profesorado e as familias dos participantes nos clubs é enormemente positiva.

Recollemos unha alta valoración das lecturas, do ambiente creado nos clubs e das actividades desenvolvidas ao final de cada trimestre.

Na nosa experiencia os membros dos clubs de lectura do Brea Segade buscan iniciativas similares nos centros de secundaria aos que acoden e incluso promoven que os adultos do seu contorno se interesen tamén por experiencias de lectura colectiva.

Os clubs de lectura constitúen, tamén na educación primaria, un recurso moi valioso para desenvolver, desde a biblioteca escolar, competencias básicas do alumnado como son: a competencia en comunicación lingüística, no coñecemento e interacción co mundo físico, a competencia social e cidadá, a competencia cultural e artística e a autonomía e iniciativa persoal. Os clubs nos centros de primaria consolidan hábitos lectores e son semente de participación en futuros clubs de lectura xuvenís e de adultos. Pensamos que é importante fomentar e crear condicións favorables á incorporación dos clubs de lectura nas programacións das bibliotecas escolares dos centros de educación primaria, tal é como xa está a acontecer nos centros de educación secundaria.

Sección: